10 feb. 2007

Foise tamén don Alejandro Finisterre


Polo blog do amigo Modesto soubemos da morte do poeta, editor e inventor do futbolin Alejandro Finisterre. Fora tamén albacea do poeta León Felipe (non sei cómo anda o lío que tiñan cos seus fondos en Zamora...)
Esoutro día lembraba eu na sección "Cen Anos de Historia Cultural" a súa revista Ecuador 0º0'0'', editada en Quito, Ecuador (na foto, do blog de Modesto, está Finisterre, con Modesto Fraga e Luis González Tosar, hai unhas semanas).

Sentimos tamén dende Auria tan irreparable perda, aínda que sabiamos que estaba maliño. Fisterra, e toda Galicia, perde un dos seus grandes nomes da cultura. Deberiamos celebrar a súa memoria todos cun futbolín xigantesco na Praza da Quintana.

Primeiras referencias urxentes: Finisterre na wikipedia, o seu labor como editor, unha entrevista sobre o futbolín. X.M. Pereiro nesta entrevista-reportaxe recolle as súas críticas ó concello de Zamora por "deixar pudrir en caixas" o legado de León Felipe.

Vidas contadas.

Onte pola tarde, na tertulia do Liceo, tivemos a sorte de contar como contertulio con Camilo Dios, que nolo trouxo o Xavier Casares dende Sandiás para contarnos as súas aventuras dende mozo coa guerrilla antifranquista. Narrador nato, o noso convidado foi esfollando capítulos da súa vida dende os días da resistencia no monte ata a condena a morte conmutada por prisión, o seu paso polo cuartel como soldado ou as torturas padecidas como militante comunista. Son estas xentes, pensaba eu mentres escoitaba, que tiveron tempo para vivir varias vidas, moi duras dende logo, pero levadas con dignidade. Logo chegou Gerardo Sueiro, case 95 anos de sabiduría, e díxonos que seguía a aprender moito da vida: vin en tantos anos moitos malvados e rateiros, afirmou, sobre todo no exército e no clero. Vidas contadas: “calquera que pasa ten un rostro e unha historia” (Cesare Pavese).

Pan por Pan sábado 10 febreiro.
P.S.: Con quince anos viuse o Camilo Dios envolto na guerrilla, un seu irmán morreu pouco despois en Ávila abatido pola guerra civil. Conta con moito detalle toda aquela historia: quen eran os enlaces, como contactaban, quen os axudaba, como lles pasaban comida, como se avisaban entre eles, como lle facían os uniformes (o Jesús Nieves, un xastre comunista de Ourense). Conta como estivo co Raúl de Coles, do que tanto nos ten falado o Bieito Iglesias, cando deron con el e o mataron, ó Raúl e a outro máis: non puideron nin disparar, os gardas civís levaban diante súa á nai e un irmán do Raúl. Era preferible non facer prisioneiros. O Camilo tivo sorte porque acabou disparando nunha casa das Mercedes, pero do cuartel ourensán, e o detiveron os soldados do Exército: foi condenado, conmutada a pena de morte e obrigado a facer a mili despois; mesmo fala ben dalgúns mandos ós que serviu no Exército. Militante comunista clandestino, foi con Carlos Barros e Manolo Peña Rey un dos artífices da reconstrucción do PCG en Ourense e o que tiña a imprenta onde se editaban os panfletos de "Cuota da SSA non": por iso o detiveron, entre outras, en 1973 e foi preso de novo e torturado no cuartel da guerra civil. O chamado Billy el Niño, un dos máis brutáns torturadores, moito máis novo que el, que lle desfixo os dedos, aínda vive en Ourense, propietario dunha Academia (e logo din que esta democracia non foi xenerosa de máis!!). Compartimos tan fermosa tertulia, da que tomei algunhas notas (o Camilo Dios quedou impresionado, non sei se pensaría que eu era un "social " ou algo así), estes amigos: Sexismundo Bobillo, Afonso Monxardín, César Ansias, Gerardo Sueiro, Pablo Sánchez Ferro, Serafín Alonso, Xoán Fonseca, Pilar Charro e outra amiga (non sei o seu nome), e Javier Casares, que tivo a xentileza de traernolo para charlar con nós.
Por sorte o Camilo Dios está a rematar as súas memorias que serán pubicadas bastante cedo. O gran Gerardo Sueiro tamén quedou encantado e quedou en volver máis venres: ás veces vai a outra tertulia do Liceo, a de sempre, pero di que non lle gusta porque falan moito de fútbol.

Sentido común
Un escritor interesante reflexiona sobre a política no Estado dende o sentido común, din que o menos común dos sentidos: velaí.

Maruja Mallo e Juan Orol García
Salvador Rodríguez recupera hoxe no Faro de Vigo e no Suplemento do Sábado, dúas historias interesantes: a do director de cine Juan Orol García, amigo de Luis Buñuel, e uns artigos de Maruja Mallo en La Vanguardia no verán de 1938, denunciando a represión da guerra incivil en Bueu.
Pódense consultar os dous traballos en formato PDF, aquí.
(O retrato feminino que acompaña este post estivo na mostra que lle dedicou hai moitos anos o CGAC a Maruja Mallo. Daquela merquei o poster deste enigmático e clasicista retrato que, logo enmarcado, hai moitos anos recibe ós visitantes na entrada da miña casa).