10 dic 2008


Separatismo práctico,
de Luís González Tosar (ECG. 7-12-08)

Nos primeiros oitenta coincidín con Carlos R. Reigosa nunha librería de Compostela. Andaba o cosmopolita da Lagoa da Pastoriza, á procura de Julio Camba. Remexemos os restos da Colección Austral e só apareceu La ciudad automática. Mercouno. De Camba ninguén falaba, todos sabiamos que fora medio franquista. Eu lera, en Bos Aires, Las aventuras de una peseta, quedoume bo padal. O mozo Camba emigrara a Baires e alí simpatizou co anarquismo -"la anarquía nos había encantado a todos, porque la anarquía era para nosotros, más que una concepción filosófica, un entretenimiento sentimental"-.
Foi un gran escritor, humorista e cronista excepcional, retenqueiro e nugallán. Viaxou moito e rematou os seus días como hóspede da habitación 383 do Hotel Palace de Madrid. El sabía, como Chesterton, que o fantástico está na realidade; a partir dela construíu divertidas carantoñas, indicándonos, lenemente, que nin sequera nas ideas hai sentido común.
La rana viajera inclúe un capítulo dedicado a Galicia, En la tierra de los políticos. Nel vai pasando revista de aspectos que conforman o noso carácer, a identidade: a paisaxe, o hábitat, o idioma, a etnia, o Camiño de Santiago, o minifundio... Faino con frescura crítica, sen finchada transcendencia nin acedume, botando por diante o orgullo de ser galego e inquiere: houbo algo aproveitable na nosa diáspora? Informa que por cada dúas revistas madrileñas que daquela, anos vinte, trinta..., chegaban a Vigo ou á Coruña, os quioscos ofrecían unha ducia de publicacións cubanas e arxentinas; ilustradas a toda cor, abertas ao vangardismo literario, postas ao día no deseño... Conclúe: " A mí el separatismo político ni me asusta ni me preocupa; pero este separatismo práctico de los gallegos me parece algo muy serio".

Dereitos Humanos, 60 anos

andoliña 10-12-08

O 10 de decembro de 1948 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada en París por 48 votos favorables, 8 abstencións e ningún voto en contra: hoxe, 60 anos despois, será lembrada tan relevante efeméride por asociacións e institucións de todo o mundo. Non debeu ser doado chegar a un acordo coma ese tras unha longa guerra mundial e nun contexto de guerra fría nacente, pero a Declaración está aí, vixente e como horizonte ideal de moitos Estados do mundo onde os seus artigos seguen a ser aínda un soño de liberdade e democracia.

Se pensamos nos inxentes progresos realizados nestes 60 anos no campo das ciencias, a tecnoloxía, a medicina ou a investigación, non podemos menos que sorprendernos: o noso propio vocabulario é tamén novidoso (internet, ADN, células madre, etc.). Pero outra cousa é o progreso moral do ser humano: neste terreo mantéñense horrores doutro tempo que a Humanidade non logra botar atrás, Guantánamo incluído.

Por iso será preciso hoxe recitar de novo, solemnes: "Ninguén estará sometido á escravitude nin á servidume (...) Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes".

P.S.: sobre o mesmo tema e no mesmo xornal, textos e opinións de Anxo Tarrío, Manuel Rivas, etc.