7 abr 2006


Homenaxe a Julio Losada
(Andoliña 7 abril)

Hoxe é o día de Julio Losada en Ourense. Coñecido ourensán propietario do Café Miño, home liberal e progresista, axudou a refuxiados republicanos na Guerra Civil e foi durante moitos anos o centro de moitas tertulias no Liceo.

Julio Losada vai ser homenaxeado pola Asociación de Amigos da República da cidade. Quizais fóra do marco ourensán moitos non o coñezan, pero quero lembrarlles que foi tamén amigo fiel e confidente de Carlos Casares: nas súas columnas Carlos relembraba acotío a fonte inesgotable de anécdotas e lembranzas doutro tempo que Julio repartiu sempre con xenerosidade.
Os promotores deste acto queren así simbolizar o papel das persoas que cos seus actos e o seu exemplo transmitiron uns principios de compromiso e resistencia fronte ao réxime franquista. Antes houbo outros recoñecementos: o galeguista Luís Taboada, Camilo de Dios (en nome dos maquis galegos), os veciños de Cambedo, o pobo castigado da raia portuguesa, ou o vello militante comunista Clemente Jiménez, entre outros. Julio Losada convértese así, con esta merecida homenaxe, nun novo fío da memoria. Desa memoria que quixeron, con todo o seu pulo, enterrar coas armas e coa propaganda. Pero fracasaron.