14 oct 2006


Cataluña rexeita os violentos
(Andoliña sábado 14 outubro)

Cataluña é un gran país, consciente de vello da súa personalidade cultural no mundo, dinámico nos seus motores económicos e sociais. Foi un exemplo para os demócratas de toda España tanto no franquismo final como nos inicios da transición: unidade dos demócratas, conciencia de seu, tolerancia e respecto entre as formacións políticas. Nesas dúas etapas os cataláns rexeitaron a tentación de acudir á violencia política e iso librounos do grave problema de ter hoxe outra ETA causante de horrores e desgrazas mil.
Agora, cando Cataluña inicia a súa campaña electoral, co novo Estatuto xa aprobado, xorden actuacións que deben ser rexeitadas radicalmente: velaí o intento de boicot a un mitin do PP en Martorell, con empuxóns, insultos e lanzamento de obxectos ós seus oradores. Ou conatos de guerrilla urbana como os sucesos de hai días no Forat da Vergonya onde os violentos dispararon bengalas con bazucas caseiros.
O Parlamento catalán condenou con dureza estes ataques e destituíu un líder xuvenil do PSC implicado no boicot de Martorell. Hai que frear xa os energúmenos que se disfrazan de independentistas para liberar as súas frustracións con prácticas de matonismo covarde.
(Imaxe: Anglada-Camarasa, "Espido baixo a parra", Museo Belas Artes de Bilbao)