Eurodeputados galegos e inmigrantes, de X.M. Sarille (ECG 24 xuño)
O goberno de Zapatero acaba de activar un novo mecanismo de simpatía, liderando nos foros internacionais a abolición da pena de morte. É gratis. Como gratis e resultón foi tamén no anterior mandato legalizar os matrimonios homosexuais e aprobar a lei contra a violencia de xénero. Estas iniciativas non impedían que ao mesmo tempo os constructores obtivesen beneficios sen límites, e que a banca gañase como nunca, sen a penas contribuír ás arcas públicas, polo menos en proporción ao diñeiro que obtiñan.
Dirán algúns de vostedes que mellor iso que nada, e que Felipe González resultaba aínda máis frustrante para as ansias progresistas. Seguramente teñan razón, pero namentres o PSOE contenta así á parroquia máis moderna, España aumenta a exportación de armas a todo tipo de países, inclusive aos menos recomendábeis, sen que a man esquerda, nunca mellor dito, queira saber o que fai a man dereita. Convén lembrar que as bombas e as metralladoras valen para matarse; fóra do patíbulo, iso si.
Non hai que magnificar o progresismo máis alá do caramelo abolicionista. A directiva de retorno dos inmigrantes foi aprobada o outro día polo Parlamento Europeo co apoio imprescindíbel do PSOE. Chámanlle a Directiva da vergoña, porque permite manter detidas ás persoas durante dezaoito meses sen culpa ningunha e sen intervención xudicial.
Europa creou con esta norma unha categoría inferior de seres humanos, mais iso non lle impedirá ao goberno español seguir vendendo progresismo a nivel mundial. Son cousas da xente guapa, máis preocupada polo peche dalgunha emisora no terceiro mundo e polo velo das mulleres que pola falta de trigo e arroz para os seus fillos.
Dezaseis eurodeputados socialistas españois apoiaron a regulamentación, entre eles Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo, os dous de Galiza. Conta a lenda que un vello país de emigrantes sempre se portará mellor cos que agora chegan, porque conserva a memoria da dor. Todo iso é puro verso, que din os arxentinos. Aquí o que hai é moito coidado para non contrariar aos xefes. Por certo, votaron en contra dous cataláns, a pesar de seren dunha etnia avara, como se sabe.
24 jun 2008

Prediccións.
Pan por Pan martes 24 xuño
Seica esoutro día, nunha tertulia, Carrillo falou dos horrores do século XX: dúas guerras mundiais, o nazismo, os totalitarismos, etc. Segundo me contan, mesmo se atreveu a entrar no campo dos futurólogos, pois anunciou o seu temor de que o século XXI no que vivimos sexa moito peor. Pode ser. Pero, no campo da política, facer de adiviño é un risco xigantesco: quen lembra, por exemplo, a Fukuyama e a súa tese sobre o fin da Historia?
Warren Wagar, historiador norteamericano, avanzou nun seu libro un holocausto nuclear para o 2044, que destruiría Norteamérica, Europa e o subcontinente indio, así como o 70 por cento da poboación do mundo. Oxalá se equivoque, claro: eu preferiría non velo. No canto XX da Divina Comedia, Dante mandou ós adiviños ó inferno: alí estarían co pescozo e cabeza retortos cara atrás, pola falsidade das súas visións. E Dante era un tipo moi listo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)