17 jun. 2007








CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL.



Nas fotos, retrato de Xoana Torres (Adiós, María) e portadas dos libros de Alonso Montero e Celso Emilio Ferreiro.

O Miño afía o azul e segue a viaxe…

Os ourensáns somos fillos das augas. Fillos das Augas Quentes das Burgas nas que se bañaba a nosa Callpurnia Abana e fillos da indómita raza de mulleres que baixaban as beiras de Oira nun fermosísimo artigo de Florentino López Cuevillas, recollido en “Cosas de Orense”. Don Floro falou tamén de Navia, a deusa pagá que asociaba o noso arqueólogo ó culto das augas. Tamén o pai Miño é o noso deus da infancia, símbolo da liberdade primixenia nos tempos en que o río navegaba libre e os coiñais de Ourense eran lugar de baño habitual dos veciños. Alí aprendín eu a nadar co meu pai e irmán maior e tamén cun fermoso pastor alemán que era quen de cruzar o río sen repouso. Alí houbo antes moitos días de ledicia e descuberta da vida, vino despois nas vellas fotografías das revistas e xornais: os ourensáns a bañarse libremente arredor da Pena de Francia, antes dos lóbregos días da barbarie fascista.

Veu despois Oira, lugar de lecer organizado, as primeiras piscinas da cidade, que os ourensáns chamabamos, cun aceno algo cursi, a nosa “praia fluvial”. Os meus ollos de neno lembran ben cando acudín a Velle co meu pai, para ver desde preto, pero da outra banda do río, o recinto das piscinas totalmente cuberto polas augas, en calquera das cheas do río que se deron nos sesenta: xa daquela chovía a cachón e as augas invadían terreos virxes, nada era capaz de deter o seu pulo devastador. Como naquela arroiada dos anos corenta no Barbaña que levou consigo porcos e galiñas das humildes casas á beira deste río. As piscinas de Oira significaron dalgún xeito a decadencia dos anteriores lugares de baño, os coiñais arredor da Ponte Nova e, máis aló, as beiras do río ata a Ponte Vella, onde aínda asentaban daquela as súas chabolas algunhas familias xitanas.

O pai Miño era tamén o acubillo do misterio e os rapaces paseabamos polos arredores, dende a estación de tren na Ponte ata a Chabasqueira, patria infantil do xenial escritor noso Bieito Iglesias: o creador de “Miss Ourense” aínda lembra os seus anos de infancia eivada nese barrio cando os xitanos axudaban a levar o material para a construción da que demos en chamar Ponte Novísima e algún burro baixaba augas abaixo levado pola corrente. Ou subíamos á ponte do Viaducto a xogar co perigo adolescente e admirar as paisaxes dende as alturas sobre o río. Tamén había, cómo non, a Ponte Vella, quizais menos impresionante nos seus cumes, pero tan chea de historia e de vellos mitos transmitidos de boca en boca. Era a ponte dos suicidas e o poeta Antón Tovar dedicoulles un fermoso artigo ós que alí decidiran truncar a sorte do destino.

Porque o río simbolizaba ademais o perigo da morte presentida e cada ano se cobraba o seu óbolo de suicidas e rapaces afogados nalgún dos seus tramos á beira do mundo urbano, entre Oira e as milagreiras augas de Reza e O Tinteiro, onde nos levaban curar os grans e as feridas da pel. Pero os mozos non tiñamos medo e proba inevitable na loita pola vida era o reto cotián da baixada do río, dende as piscinas de Oira ata os coiñais, que só ousaban arriscar os moi bos nadadores, xa algo curados do medo nas recén inauguradas piscinas do Pavillón dos Remedios. Aínda que o río, traidor, non deixou de cobrar nunca as súas vítimas entre a mocidade ousada, quizais só para manter o seu ben coidado prestixio de misterio e fascinación.

Souben despois, moito despois, que aquel era o mesmo “río dos grandes destinos” que cantara Curros e que mereceu tamén versos e prosas ben fermosas de escritores como Celso Emilio Ferreiro, Miguel Moreiras, Xosé Fernández Ferreiro, Manuel de Dios, Víctor Campio, Fernández Naval ou Millán Picouto, entre outros. Malia iso os políticos ourensáns daquela hora non sabían da existencia do río máis que para denominar ó Festival do Miño-Canción do Mundo Celta, que seica descubriu algunhas voces famosas doutrora, dende o Andrés do Barro que agora relembran con nostalxia na TVG ata o asturiano Víctor Manuel ou o catalán Joan Manuel Serrat. Os ourensáns redescobren agora, e alegrámonos porque nunca é tarde, o benquerido río, o seu río, o pai Miño de Otero e Cuevillas, facendo unha nova peregrinación ritual polas súas beiras. Recupéranse as vellas termas, río abaixo, e todo o mundo fala do gran potencial termal da cidade que nos situará no mundo sen complexos e xerará a riqueza necesaria para seguir progresando.

E eu lembro aqueles versos de Euxenio Montes:
“Ourense é afiador.
Roda de pedra
O Miño afía o azul
e segue a viaxe”.