A aventura do Volter (e 2)
La Región 21 abril 2008. Imaxe: "Do circo", de X.L. de Dios, 1985.
Poetas. Ó carón dos murais dos artistiñas, dos que falei o luns pasado, estaban os poetas. E, dende logo, o apartado poético nas paredes do Volter non era menos importante que o artístico. Aqueles muros enchéronse de poemas de Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña, Antón Tovar, Xocas (Xoaquín Lorenzo), Carlos Casares, Méndez Ferrín, Carlos Velo, Curros Enríquez e Vicente Risco. E tamén breves composicións de autores ourensáns como Ernesto G. Del Valle, Julio López Cid, José Luís López Cid, Carlos Casares, Pepe Romero, Gimeno e M. F. Sampayo, entre outros. Moitos anos despois, en 1975 e 1976, alí se celebrou o certame de poesía O Volter e os premios foron outorgados ós poetas Millán Picouto e Ánxeles Penas, que os viron tamén reproducidos nas paredes.
Vicente Risco. E no centro de todo este movemento cultural, Vicente Risco. O creador ourensán encabezou os máis importantes faladoiros do Ourense da posguerra e imprimiu neles o aceno da súa forte personalidade cultural. Risco estaba entre os habituais da tertulia da Peña dos Sabios, que se xuntaba no café do retaurante Roma, na rúa do Progreso, e logo, ó desaparecer ó Roma, no café La Marquesina, no Paseo. Nesa xeira andaban, con Risco, Prego de Oliver, Faílde, o escritor Ernesto Gómez del Valle, os irmáns José Luís e Julio López Cid, Julio Gimeno, Segundo Alvarado e Ricardo Outeiriño, entre outros.