ZAPATERO-RAJOY. Primeira impresión (ás 11,55 h.). Imaxe de Ben Lawson.
Rajoy. Dereita dura, catastrofismo: o inicio do seu discurso foi abraiante polo medo que metía. Obsesionado coa inmigración, asociada sempre á delincuencia (nin unha palabra positiva sobre a contribución dos inmigrantes) e co terrorismo. Defendeuse en economía e quedou moi atrás en todo o demais. Acorralado cando se lle preguntou polos trasvases (non podía definirse ou se lle rompe o partido). Excesivo e indignante acusando a Zapatero de "agredir ás víctimas do terrorismo".
Foi máis o Rajoy da loita dura dos anos da oposición que da imaxe moderada que agora queren vender en campaña os estrategas do PP.
Zapatero. Privilexiou as mensaxes en positivo. Defendeuse moi ben na exposición do labor do seu goberno en políticas sociais, política exterior e defensa das autonomías. Atacou a cotío a xestión dos anteriores gobernos do PP onde era ministro Rajoy: como forma de comparación e de impugnación do discurso do PP. Moi ben na explicación da integración dos inmigrantes e brillante no exemplo do bonobus coas regularizacións da etapa Rajoy. Ben tamén na denuncia do PP por utilizar partidistamente o terrorismo e o 11-M.
Algúns quizais desexarían un tono máis enérxico e contundente, pero non é o propio de Zapatero nun debate deste tipo.
De Galicia, nin pío. Só unha breve alusión de Zapatero ó papel do PP no Prestige (por certo, Rajoy en ningún momento se atreveu a defender a Aznar, nin nisto nin noutras cousas).
Isto é o que lle acabo de contar a un xornalista de La Región por tf. Pedíame tamén unha puntuación: eu daríalle arredor do 7 a Zapatero e un 5-6 a Rajoy, sumando todo, formas e fondo do debate.
ACTUALIZACIÓN: segundo a enquisa de La Región, onte a noite, entre os seus "opinantes habituais", gañou Rajoy para Moncho Conde Corbal e Rosendo Luis Fernández; gañou Zapatero para Afonso V. Monxardín, Santiago Lago, Gonzalo Iglesias, Herminio Iglesias e eu mesmo; empataron, segundo Xavier Limia Gardón. As notas máis altas deullas Rosendo L.Fdez. (militante PP) a Rajoy e Gonzalo Iglesias (idem. PSOE) a Zapatero; as máis baixas ós dous, as de M.Herminio Iglesias (militante BNG).