aínda aprendo, dicía Goya ( e comezou o curso)
Comezou o curso e todos os anos, por estas datas, pásolles ós meus alumnos de Bacharelato unhas notas e normas previas, unha especie de "contrato mutuo" entre eles e máis eu (onde trato de temas como asistencia ás clases, metodoloxía, avaliación, etc.). O remate desas notas-normas acaba cunha reflexión final e persoal miña que recolle a famosa cita de Goya que figura aquí enriba. Pensei que quizais podía interesar a alguén como definición dunha actitude. Velaí:
5. Reflexión final.
Asistimos nos últimos anos a unha desvalorización total dos sistemas de ensino, que actúa en cadea: desde a primaria ata a Universidade, pasando pola ESO e a secundaria. O nivel de reducción de contidos e de esixencias ameaza con chegar a un grao mínimo de competencia formativa: así, chegan alumnos á Universidade sen os mínimos coñecementos nin o dominio das técnicas instrumentais básicas (ler, escribir, redactar, comprender, etc.). Cara atrás ese proceso é aínda máis grave e semella que as institucións educativas son xa case incapaces de frear a estupidización social progresiva transmitida –con éxito, por desgraza- por tantos programas de televisión-lixo, modas e tendencias destinadas á infantilización total da sociedade e outros subsistemas culturais de masas.
Cando menos polo que respecta a este profesor, ese proceso debe ser invertido desde xa e o nivel de esixencia dos Bacharelatos debe corresponder a este planteamento: unha formación en ciencias e humanidades necesaria e suficiente para preparar o acceso á Universidade e a posterior especialización dos estudos. Co tempo, creo que os propios alumnos/as máis conscientes dos retos do seu futuro inmediato, nunha sociedade altamente competitiva e agresiva nos sistemas de regulación do mercado, rematarán por agradecer esta perspectiva. En canto saian fóra das aulas escolares, verán que o mundo non os vai tratar cos criterios infantiloides e sobreprotectores tan a menudo dominantes.
No Museo do Prado hai un magnífico debuxo de Goya no que se ve a un velliño de longas barbas, encorvado sobre o seu caxato, camiñando con dificultade; hoxe sabemos que representa ao propio autor, só bocexado, nos seus últimos anos. O debuxo leva un intelixente lema baixo dos trazos, como adoitaba facer Goya, que indica. “Aún aprendo”, cando xa ao pintor lle quedaban poucos anos ou meses de perspectiva futura. Esta é a filosofía con que deben ser iniciados e levados a cabo calquera tipo de estudos ou actividade formativa: mentres o ser humano vive, mentres ten alento e pode discernir e dirixir a súa memoria, está sempre a aprender. Ningún segundo é inútil. Por desgraza, no mundo en que vivimos, moitos deses segundos son tamén para “desaprender”. O camiño que iniciamos hoxe pretende aproveitar o tempo ao máximo e facer realidade o soño de Goya: aprender xuntos para seguir a camiñar, para seguir a aprender, hoxe e sempre.