23 mar. 2010

Fotos:La Región de Onte

Neomadamitas e cháchara vacua
Afonso Vázquez-Monxardín
"La Región":23-03-2010

Insisto. As madamitas tradicionais eran dúas: unha vestida de soldado napoleónico –coas súas cinchas e correaxes e gorro alto- e a outra unha damisela de vaporosos vestidos con canesú. Insisto: a festa ten a súa orixe na queima ritual do poder francés e vén ligada á fin da chamada “guerra da independencia” na historiografía española e “guerra dos franceses” na tradición galega. A cousa é clara: a eliminación simbólica daquel poder progresista e laico, co que non se identificaban as masas do antigo réxime nin moitos dos liberais locais, facíase facendo toupar unha representación ideal do soldado e da madamme. De aí a palabra “madamita” pasou á lingua corrente de Ourense como insulto despectivo para homes. “Cala ti, madamita do carallo”, ben podía ser o comezo dunha pelexa na que o alcumado tentaría demostrar a súa homía.
Pois ben, tal foi así durante, se cadra, cento setenta e cinco anos. Os que andamos polo medio século –e de aí para riba todos- lembramos cando a festa do San Lázaro era o eco da personalidade rural de Ourense na que os veciños das aldeas próximas baixaban en traxe de domingo a escoitar a misa, comprar as rosquillas, ver a queima das madamitas e, se cadra, comer o pulpo. Pero desde hai un tempo, perdido o fío do étnico popular, uns usurpadores en figuriñas de bailaríns, acróbatas, ciclistas, andaluzas, galegas e outros adefesios varios, substituíron ás vellas figuras de home e muller afrancesados.
Pois ben, desde o poder político local podemos botar a lingua a pacer todo o que queiramos sobre a defensa das festas populares, da tradición galega, etcétera, porque, como ben sabemos, baduar é gratís. Pero se cando temos o boi collido polos cornos, agarrado o machiño e quen manda somos nós, se non cambiamos as inercias despersonalizadoras, todo o que digamos é bla-bla-blá. As madamitas non poden ser un espectáculo pirotécnico máis. Hai unha lectura histórica e tradicional que o Concello, ano tras ano, está esquecendo só preocupado, polo que parece, porque o estourido sexa insoportable. Pódense modificar (facelas máis grandes, poñer varias madamas ao redor do soldado, ou o que se vexa), pero sempre sen perder de vista a orixe e lectura que debían promover para non parecer un vulgar remedo minúsculo das fallas. Mal, señora concelleira.
Do mesmo xeito, este Concello sacou unhas libretiñas con tampas históricas de sumidoiros e un pin que reproduce unha de 1937, é o mesmo que desde hai case vinte anos deixou de usar nelas o escudo local e a data para poñer outras estándar, impersonais e francesas (Pont a Mouson) ou catalanas (Fundició ductil Benito), algo que, a pesar da globalización, non se fai noutras moitas cidades. En fin moita cháchara “for export” de “defensa da personalidade histórica” e menos interese en seguir coa modesta historia local, moble ou festiva, de verdade.