26 jun 2007



O díaño no corpo.


Andoliña 27 xuño (Imaxe de Sophie Anderson, Moza rezando)



A literatura presentou múltiples veces o amor como vehículo idóneo para exhibir condutas irracionais, ás veces moi próximas á loucura, dende o Romeo e Xulieta de Shakespeare ó Werther de Goethe, gran fecundador este de suicidios románticos na Europa do XIX.

Velaí a Doce Ferida que dicían os clásicos grecolatinos cando describían o aguillón de Eros, tan doce el como amargo a un tempo. Esa amargura impregna tamén obras mestras como O diaño no corpo, de Raymond Radiguet, escrita cando o autor contaba só vinte anos: por certo, unha carreira ben acelerada, o francés non viviu máis deses vinte anos e só deixou dúas novelas e algúns libros de versos. O protagonista de O diaño no corpo, novela seica tamén abondo autobiográfica (levada ó cine en 1947 por Claude Autant-Lara), é un mozo cínico, mentireiro, inmaturo, irresponsable, mesmo cruel. Case un neno, seduce unha muller casada, cando o seu home está na guerra do 14, e ela entrégase en corpo e alma a ese delirio: “Prefiro ser desgraciada contigo que feliz con el”, dille ó seu amante. É unha historia de amor paixón, sentida en carne viva por dous adolescentes: unha gran historia, perturbadora quizais pola súa mesma autenticidade.