GREENPEACE, ANTISISTEMA, FISTERRA.
La Región 26 marzo (Imaxe: Moza con abano vermello, de Max Pechstein)
A natureza. Celebráronse na semana pasada, na Facultade de Ciencias, unhas xornadas sobre ecoloxía e medioambiente. O respecto á natureza copa boa parte da axenda da actualidade: medidas contra os incendios forestais, enerxías alternativas e renovables, parques eólicos, depuración de augas e recuperación dos ríos, etc. Esa perspectiva é xa central en calquera posición sociopolítica e as informacións sobre o cambio climático, que xa está enriba, non farán máis que facer medrar esas inquedanzas. Greenpeace fixo propostas moi concretas e con moito sentidiño: Non construir máis urbanizacións con campos de golf. Nin un chalé nos primeiros 500 metros da franxa costeira. Algún xeito de control supramunicipal que evite os maiores desastres da corrupción urbanística. Limitar o crecemento urbanístico ó 10% de incremento en cada planeamento e protexer o solo non urbanizable. Por certo, o PP foi o único partido que rexeitou no Parlamento Galego a lei de urxencia para protexer o litoral e dixeron que esta lei buscaba o “rédito electoral”. De todo isto hai que falar tamén antes do 27 de maio.
Antisistema. Un político galego ben coñecido, da esquerda nacionalista, recomendaba sempre “agudizar as contradicións”. Cando apuntaba esa liña estratéxica, este político xogaba no mundo dos partidos antisistema e non pensaba en chegar a curto prazo ó poder. Pero agora os que xogan a “agudizar as contradicións” son os que sempre estiveron moi perto do poder. O equipo Rajoy-Acebes-Zaplana xoga neste equipo antisistema, mesmo promovendo un boicot a un importante grupo mediático do Estado. Nunca ningún partido democrático chegou tan aló. Ata políticos de dereitas como Miguel Ángel Revilla ou Durán Lleida denuncian esta chantaxe á liberdade de expresión. Por outra parte, puxéronlle ben doada a resposta a Zapatero: se isto é o que fan na oposición e cos medios privados, “qué faría o PP cos medios públicos se chegase ó goberno?”. A resposta é pura lóxica.
Cabo Fisterra. Hai poucos días confirmábase a declaración do cabo Fisterra como Patrimonio Europeo, recoñecemento que recibían tamén o mosteiro de Yuste, a Residencia de Estudiantes en Madrid e unha serie de monumentos de lugares tan diversos como Eslovaquia, Grecia, Letonia, Bulgaria ou Francia. A Consellería de Cultura acondicionará a contorna do cabo, incluído o conxunto arqueolóxico e etnográfico de San Guillerme e o Santo Cristo de Fisterra, irmán do ourensán. É una boa noticia, que case coincidiu no tempo con outra negativa: a denuncia da especulación urbanística con 400 chalés ó carón das praias fisterrás. Alégrome polo país e polos meus amigos fisterráns, con Modesto Fraga á cabeza: a próxima fin de semana tócame inaugurar aló, cunha charla, unhas xornadas de reivindicación da memoria histórica en homenaxe a Cipriano Fernández Brage, exalcalde de Fisterra na República, militante de Izquierda Republicana e asesinado polos franquistas en 1936.