31 jul 2007















Ingmar Bergman: despedida-homenaxe.
Como dicía máis abaixo, marcou unha etapa importante da nosa mocidade. A miña actriz preferida nun tempo xa arredado era Liv Ullman: a culpa era de Bergman, evidentemente.
Seica tamén nunha etapa da súa vida Carlos Casares tivo como película preferida Persoa: vímola no Principal hai poucos anos, precisamente en lembranza de Carlos. E creo que a súa muller, a sueca Cristina Berg, colaborou nalgunha das películas do mestre.
Tamén se foi Michelangelo Antonioni, tan habitual nos cineclubes dos 70: un compañeiro de directiva do CC. Padre Feijóo só tiña dous deuses declarados: Antonioni e Miclos Jancsó. E moito discutía con outro compañeiro, que era afervoado, intransixente, de J. L. Godard (Saúdos, A. Llorente e M. Ayán, se chegasen a vós estas liñas...). De Antonioni hai anos que non vexo ningunha película e dubido que me emocionen hoxe como o seguen a facer moitas das de Bergman.
Dos dous, de Antonioni e de Bergman, ocúpase en imaxes o blog Díasestranhos.

Chega a hora do lecer
Andoliña 31 xullo

O que vai de verán vai pouco cargado de noticias. E iso é bo, porque xa reducimos o concepto noticias ás malas novas. De memoria, poucas cousas de calado: a dimisión de Piqué en Cataluña, que deixa o PP en mal lugar para as xerais; as enquisas nos Estados Unidos que sitúan a Bush á altura de Nixon como un dos presidentes peor valorados do seu país; a vitoria dos islamitas en Turquía, seica moderados e pragmáticos (agardemos); a fuga radioactiva nunha central nuclear de Xapón, etc. En Galicia, no segundo aniversario do bipartito, de momento sen incendios e esa é a mellor nova posible: que dure. E para os que quedamos en Ourense, un mes de xullo case fresquiño: unha marabilla. Os que estaban na praia, menos contentos.
E chega a hora do lecer e as Andoliñas van repousar un mes. E morre Ingmar Bergman, sentímolo ben, velaí vai un bo anaco da nosa mocidade: por sorte está a saír en DVD case toda a súa filmografía e revisamos cintas míticas como Amorodos salvaxes, Un verán con Mónica, Segredos dun matrimonio ou Fanny e Alexander. Confésolles que aínda non me atrevín de novo con Berros e murmurios: tal foi o impacto que me causou na súa estrea. Que o pasen ben, ata setembro.

EN POLEIRO ALLEO. A política anecdótica (X.M. Sarille, ECG 31 xullo)

(Non abundan estes días os balances rigorosos do primeiro bienio do goberno bipartito. O de X.M. Sarille, dende a esquerda e o nacionalismo, é, como era de agardar moi crítico: velaí o artigo completo. A imaxe é de Gentileschi).

Non se sabe apenas nada da nova organización administrativa do territorio, da división de Galiza en comarcas, rexións e áreas metropolitanas, comprometida no programa do bipartito.
O país perde poboación e ignoramos as medidas, os plans, as ideas para a recuperación. A Cidade da Cultura é un enigma grandioso, resulta un misterio saber onde se situará o prometido por Zapatero, onde se incrustará Latinoamérica, onde as ideas das forzas da cultura, as das cándidas e ilusas reunións deste outono.
Nada sabemos do Plan integral para Ferrol, ao que se lle dá unha man dialéctica cando visita Santiago algún alto cargo do goberno central.
Hai outras débedas e máis responsabilidades ante os cidadáns, tanto do goberno como da oposición, tan gris, desorientada e sucursalista esta última. A fracaso máis grave deica agora é o da reforma estatutaria, un espectáculo de quinta división. E a agonía do idioma galego, da que ninguén quere falar. A rexión europea e o lume deixámolo para cando pare de chover.

CASA DE CITAS (remexendo no arquivo)


A esquerda perde a alma cando ten que gobernar

Cando a esquerda chega ó Goberno esquece calquera tipo de mobilizacións. Por iso fai falla seguir mobilizándose para dar sinais de vida. A subversión en democracia pasa por facer a revolución sen tomar o palacio de Inverno. Moitas das iniciativas de Zapatero teñen forza porque ten detrás o mundo latinoamericano. Por iso, as accións críticas teñen sentido: revelan que non se poden tomar decisións sen contar coa xente. A esquerda perde a alma cando goberna. Fan falla iniciativas que lle lembren que fai falla loitar por unha igualdade social efectiva.

Gianni Vattimo, filósofo italiano, nunha entrevista de El País, 20-I-2006.
A foto que faltaba...

Hai uns meses falouse abondo nesta casa da histórica xornada do 12 de outubro de 1936 en Salamanca, cando Unamuno pronuncia o seu famoso discurso ante o xeneral fascista Millán Astray. Hoxe, en homenaxe a aquel gran aceno, un dos meirandes da historia político-cultural española, recupero esta foto: Unamuno e o bispo Pla i Daniel sáíndo daquel acto entre berros e mans en alto de saúdo fascista e ollos de odio e ira. (A calidade da foto non é boa, excusas: publicouna El País na súa escolma fotográfica sobre a guerra civil)

30 jul 2007


VERMEER E O SIMBOLISMO DA PERLA
La Región 30 xullo

A moza da perla. Podería ser unha película muda, como as dos mestres primixenios do cine, que nos ensinaon unha nova linguaxe: todo está dito nos planos, nos movementos da cámara, na mirada dos actores; os textos son secundarios e a historia podería ser perfectamente intelíxibel só coas imaxes. Falo de “A moza da perla” (2003), a magnífica película de Peter Webber baseada na novela do mesmo título da norteamericana Tracy Chevalier, un dos éxitos literarios dos últimos tempos. Importa moi pouco que a historia sexa imaxinaria: o xenio e o misterio do mundo de Jan Vermeer respira por cada poro dos fotogramas, un mundo de amarelos, azuis e ocres cunha impresionante riqueza de matices e suxestións. A fotografia do portugués Eduardo Serra fai o miragre de introducirnos na sociedade holandesa do barroco, nese Delft do século XVI tan preciosista nos interiores e tan descarnado nos exteriores, mentres que a música de Alexandre Desplat conduce o cachón de sentimentos que as imaxes traducen. O labor do director, neste caso, pasa desapercibido, pero iso non é un demérito, como se ten dito: non se pode competir coa sensualidade e o erotismo que se desprenden as telas de Vermeer. Todo estaba xa no cadro...

Identidade oculta. Aínda hoxe non se sabe quen é a moza da perla que retratou o holandés. Unha cativa de doce ou trece anos que podería ser a filla maior do artista, aínda que as datas non cadran. O que si é evidente é que hai moito amor e moito misterio nesa mirada, unha das obras mestras da arte de todos os tempos. Hai un momento de especial tensión dramática na película de Peter Webber: aquel no que, tras negarse repetidas veces a rapaza, ó cabo accede a colocarse, cando está a posar para a coñecida táboa, as perlas da propia esposa do pintor, un fulxente punto de luz no medio do cadro, pero tamén moito máis, un símbolo da sutil relación que entre pintor e modelo se establece, chea de múltiples matices de sensualidade, fascinación e misterio.

Simbolismo. A perla na orella da moza era, segundo Norbert Schneider, un símbolo da castidade. Foi un motivo moi presente na pintura do Renacemento e no Barroco: o propio Vermeer insistiu nel, pois o citado autor recolle este elemento ata en en doce retratos femininos da man do artista (“Vermeer. Sentimientos furtivos”, Taschen). Para demostralo o crítico acode ó místico Francisco de Sales que escribiu no século XVII que era un costume habitual nas mulleres pendurarse perlas das orellas polo pracer causado cando aquelas tocaban a pel ao moverse. Pero, na súa “Introducción á vida devota” (1608, oito anos despois publicado en Holanda), engade Francisco de Sales: “Dado que eu sei que Isaac, gran amigo de Deus, enviou pendentes á pura Rebeca como sinal do seu amor, penso que esta xoia significa en sentido espiritual que a orella é a primeira parte que un home quere ter da súa muller e que a muller debe conservar máis fielmente, de tal xeito que non debe traspasala ningún discurso ou tono que non sexa o doce son das palabras castas, que son as perlas orientais do Evanxeo”.

A autopsia da novela, de Xoán Tallón

O pasado xoves presentouse no Liceo ourensán A autopsia da novela, título que leva a primeira novela do autor de Vilardevós, xornalista e escritor, Xoán Tallón (autor tamén hai anos dunha interesante biografía do xornalista republicano e mártir Jacinto Santiago).
El Correo Gallego ofrece hoxe unha entrevista co autor e tamén unha moi breve referencia do que eu dixen no acto do Liceo da semana pasada.


León e Olvido, de Xavier Bermúdez

Se alguén aínda non a viu, que non perda hoxe a oportunidade: na TVE-2, ás 22 h., ou que aproveite para gravala. Paga a pena, non se arrepentirá.

Velaí o seu argumento, premios e moitos méritos.

EN POLEIRO ALLEO. Afán de comunicar e saber (Alfredo Conde, ECG, 30 xullo)

(Sen dúbida, teño que estar agradecido ó escritor Alfredo Conde polo entusiasmo que amosa xa en varios dos seus artigos a favor deste blog. Entusiasmo compartido por todos/as, pois, como el mesmo di, esta é unha aventura intelectual compartida, casa común de moitos amigos/as)

Os tempos de Erasmo foron xerminais. A entón a penas recén estreada imprenta, permiteu que os coñecementos circolaran con unha velocidade que daquela semellaría vertixinosa. Xa non era preciso o monacal traballo dos copistas e dun libro podíanse tirar centos e centos de exemplares que os intelectuais europeos se intercambiaban cunha frecuencia outrora nin soñada. O saber espallóuse moito máis e moito máis rapidamente do que ata ese momento o fixera. E notóuse.
Vendo o que sucede coas uvas na solaina -xa me entenden, os que me siguen, e, os que non me entenden, saiban que falo dun blog moi nutritivo- non podo menos que evocar os tempos de Erasmo. Hai uns días os máis asiduos e pertrechados lectores do blog participantes nas terturlias, debates ou polémicas que nel se producen a cotío, empezaron a largar, cousa fina.
Largaban coñecementos, largaban opinións, loubanzas e críticas a esgalla, intercambiandoo todo entre eles a traves dun fair play intelectual que embelesaba. Permitíao a internet. Eran os tempos de Erasmo redivivos. Chegado un momento empezaron a intercambiar bibliografía, datos, referencias de todo tipo e, os ocultos lectores do seu faladoiro, poidemos disfrutar o que non estaba escrito: é dicir, non só o que non esperabamos, se non tamén o que intuiamos detrás da ausencia de mezquindade intelectual de todos eles; é dicir, unha xenerosidade que non implicaba pedantería ningunha e si moito afán de comunicar e de saber, de inquirir e resolver. E todo Made in Galicia. Os que siguen ese blog de certo que han saber ó que me refiro. Cultura actual, cultural universal e universalizada, os grandes temas da contemporaneidade, expresados en Galicia e en galego con idéntica desenvoltura intelectual que a que un pode atopar por aí adiante, neses países que disque van diante e tantas veces non é mintira.
E, mentres, a cultura oficial, qué? Pois facendo bo o aserto de que o millor ministerio de Cultura é o que non existe. Moito máis valido, o aserto, nun país coma o noso que debeu de estar maiormente habitado por campesiños e mariñeiros a selo por unha clase funcionarial que lle imprimeu o carácter que substituíu xa a aquel outro, enraizado na lingua e na cultura na mesma medida na que este, funcionarial e espeso, se esta a desenraizar delas. Aquela lingua servía pra algo, este castrapo noso de hoxe pode empezar a servir se o camiño de xente como esta da que estamos a falar é seguido pola máis da tribo, coa mesma fineza de espírito

29 jul 2007


A calumnia
Pan por Pan 29 xullo

A escritora Lillian Hellman (1905-1984) é un dos grandes nomes do teatro norteamericano contemporáneo, ó carón de Arthur Miller, Tennessee Williams e Edwar Albee, entre outros. A súa obra máis famosa foi “A calumnia” que William Wyler levou ó cine en dúas ocasións: primeiro co título “Eses tres”, en plena vixencia da censura radical do Código Hays, e logo na coñecida película que interpretaron Autrey Hepburn e Shirley MacLaine. Revisitei a cinta estes días para comprobar a súa plena frescura e vixencia: cambiou o mundo e quizais a homosexualidade sexa vista con máis naturalidade, pero é ben fácil imaxinar unha situación como a que describe a obra teatral: a cerrazón hipócrita de toda unha sociedade sobre dúas persoas estigmatizadas e condenadas sen apelación. Sempre foi difícil admitir a diferenza e a liberdade: nos tempos de Lillian Hellman e nos nosos.

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1975. os poemas a Moraima

Bo ano de libros o último da ditadura con Franco vivo, nun tempo político sen dúbida moi conflitivo (folgas xerais de Ferrol e Vigo). Publicábase a novela de Carlos Casares, Xoguetes para un tempo prohibido, unha das obras máis autobiográficas do seu autor, premiada meses antes co premio do 25 aniversario da Editorial Galaxia. Tamén é das mesmas datas o primeiro wéstern no noso idioma, obra de Xosé Fernández Ferreiro, A morte de Frank González, que abría así a aposta por unha literatura en galego para todos os públicos (a chamada "literatura de quiosco"). Da mesma andaina é a edición castelá de Las musarañas, de Blanco Amor; Os inmortais, de Xoán Ignacio Taibo (colección O Moucho); unha versión de Contos de nenos de Perrault, por Edelmira Cacheda Otero; Campo e mar aberto, contos de Dora Vázquez, e Cantarelas e contos prá xente miúda, de Xosé Neira Vilas.

A poesía ofreceunos en 1975 títulos tan emblemáticos como Onde o mundo se chama Celanova, o derradeiro libro de versos de Celso Emilio Ferreiro, publicado pola Editora Nacional, con texto bilingüe: na segunda parte do volume, ‘Moraima: Diario de a bordo’, están algúns dos mellores poemas de amor escritos na nosa lingua. No mesmo ano saía Al césa
r anano, un folleto con poemas seus en castelán contra Franco (co pseudónimo Stow Kiwoto Lumen) e iniciábanse en Akal as Obras Completas do escritor de Celanova, prologadas por Alonso Montero e con debuxos de Xaime Quesada (saen nese ano os dous primeiros volumes). Outros libros poéticos do ano foron Paso soa de luz, de Miguel González Garcés, publicado por Adonais en versión bilingüe; Non vexo Vigo nin Cangas, de Bernardino Graña (quen dende 1966, con Profecía do mar, non publicara novos versos), na colección Val de Lemos da monfortina Xistral; Oriolos neneiros, poemas de Dora Vázquez, e Vento antergo, de Luís de Souza. No campo do ensaio rexistremos obras como Lembrando a Castelao, de Ramón Piñeiro (...)

EN POLEIRO ALLEO. Repeinados fillos da nada, de Alfredo Conde (El Correo Gallego 29 xullo. Foto Gallego)

Repeinados fillos da nada. Iso somos todos. Cada quen no seu sitio, máis sinalado algún, menos sinalado outro, mesmo máis repeinados uns ca outros, todos somos iso. Fillos da nada, algúns algo repeinadiños. A expresión utilizóuna un bloger, se é que dun bloger se trata aquel que participa nun blog. De ser así, de estar eu no certo e atinar coa definición, cousa que dudo, o bloger deste caso que comento escribeu tal cousa no que coordena Marcos Valcárcel. Dise coordena pois que xa non é del, senón de todos, patrimonio común, ben patrimonial y-lo-que-te-rondaré-morena. As uvas na solaina. Os de sempre xa saben de qué falo. Non fai falla, pois, que reseñe de novo a páxina web na que recibe.
Marcel Swann, a qué me soa, é o nome do que bota man o oculto bloger pra se presentar. Di que eu caíalle pior cando mandaba algo. Pero que iso sempre pasa. Ten razón. A mín tamén caíame ben pior esta miña sucesora de hoxe ata que, aí atrás e dende atrás, reparei nun feito incuestionable. Ten unhas fermosas pernas. Con tan harmoniosas e sólidas columnas debería manterse ben o noso cultural constructo, o que ela está a edificar e sen embargo. Así que é millor que Marcel Swann non se confíe.
Sen embargo, reconozo que eu son dos repeinados; dos repeiteados, diríase más ben. Victor Freixanes diría dos estirados, referíndose a el e máis a mín, que algo si debemos selo, terei que mirar a ver. Son dos estirados. A veces mesmo polos catro cabalos da apocalipse a turrar de mín por cada unha das miñas catro extremidades, agás a quinta que, a estas alturas, xa empeza a molestar menos. Pero aínda. Sen embargo.
Ás veces é tanta a soedade, tan inxente a melancolía dun mesmo, que unha frase, a de Swann, tamén a de a.p.-c. nese mesmo blog, me aclara o día e saborexo unha caña con arume dos piñeiros e leituga. Non hai coma ser un fillo da nada e se saber na propia condición. Grazas por recordarmo. De aí pró norde todo é sol.
E sen embargo. Sen embargo-nembargantes-arestora que adoitaba dicir con moita sorna morna o finado do Conde Corbal, aquel entrañable mostacho, a das bonitas e columnarias pernas aínda non declarou BIC ó blog inusual de Don Valcárcel. Xa o fará, non se preocupen. De non facelo ela, farémolo nós, os despeinados fillos da nada. Pra empezar, ó par da caña eu agasallo cun BIC, non servirá pra nada, pero debuxaremos garabatos. Tan afeitos estamos algúns a nos meter sempre en dibuxos. En todo caso, grazas, meus repeinados fillos da nada.

28 jul 2007








Libros e vacacións


Antes de saír de vacacións, hai que escoller algúns libros que nos fagan compaña neses días. Tarefa ben difícil: hai un cento deles agardando, moitos deles ben importantes, e outro cento que imploran tamén o seu dereito a compartirme como lector. Pero, en fin, hai que escoller. Polo camiño mercarei algúns máis, seguro. E seguro que irán na maleta cando menos estes catro: o último poemario de Anxo Angueira (Fóra do sagrado, Xerais); un amplo estudo sobre La poesía de Quevedo (Universidade de Vigo), de Manuel Ángel Candelas Colodrón; a primeira novela de Lois Paradelo, Xelamonite (Galaxia) e, moi recente (chegou hoxe), a última entrega narrativa do xenial Xosé Miranda (As mans do medo, Xerais, colección Fóra de Xogo). Esa é a miña escolla hoxe: poida que algo teña que ver que os catro autores son bos amigos. Xa lles contarei se teño tempo para lelos todos.


Unha frase de Quintana na Quintana
Andoliña 28 xullo

Leo nos resumos da prensa que a arenga de Anxo Quintana en Compostela incluíu esta frase: "Nin o galeguismo histórico nin o nacionalismo contemporáneo entenderon nunca o exercicio do dereito de autodeterminación como un feito puntual nin como unha decisión plebiscitaria, senón como un proceso dinámico para lograr maior capacidade de autoorganización e de autogoberno". Eu estaría de acordo, se se me permiten algúns matices nese "nunca": en moitos núcleos nacionalistas pensouse sempre no dereito de autodeterminación co esquema clásico dos movementos anticoloniais dos anos 60.
A autodeterminación como un proceso vivo, constante e dinámico, que non se esgota nin se identifica necesariamente cun acto constitutivo no cal a nación se dota dun poder político propio. Non é, por suposto, un concepto novo. Hai bibliografía ó respecto: por exemplo, Gurutz Jáuregui, Contra el Estado-nación, 1986. Pero si supón un elemento modernizador no ideosistema desta forza política.
Agardo que o Bloque siga adiante nesas teses: as mesmas que defendían os militantes do PSG-EG nos 80. Daquela, por dicir iso, algúns alcumábanos como reformistas, liquidacionistas e traidores.
ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González)
7. Espectros na brétema
.

Cedo ou tarde?

Non digo que acontecese. Pero no 1969, un serán de xuño, víame no serio apuro de volver para a casa e recoñecer, por primeira e nunca suposta vez, que suspendera tres materias a fin de curso. Menos por pensar ca para atrasar o inevitable, no canto de enveredar por onda o Seminario tirei cara ó parque; xa viña neboeiro do río. Baixando Recatelo aínda o ánimo non tivera a ben comparecer e en vez de Ronda arriba botei Ronda abaixo, só ata o vello poxigo, para entrar e pola rampla subir á muralla. Andando só a angustia non marchaba, ao revés; polo menos, atrasábase a hora da decepción familiar.

En Lugo a brétema pode xurdir calquera día, pero en fin de primavera non é moi corrente aquela pea soup, como seica din en Londres. Onda as traseiras decrépitas da rúa do Miño quixen contemplar o balaústre de Dona Urraca; forzaba a ollada cando unha voz grave, con extravagante fonética, deixou oír curiosas palabras: “A escudeiro moço é devido mostrar valentia”.

Revolvinme súpeto á dereita, pois aquela dición que lembraba os antigos romances era posiblemente o que menos esperaba escoitar naquel lugar pretendidamente solitario. Tiña a carón unha como fosforescencia que medio se impoñía ao neboeiro; pero medida e contorno deixaban sospeitar tamén algo humano e, en efecto, logo se fixeron aparentes, primeiro, xibón, capa, calzas, botas, despois un rostro barbado en cabeza cuberta. Alta e arrogante figura que, descubrín, tamén levaba espada. “Que quere?” “Trago ajuda”. “Quen é?”. “Alma soo; fui homen e ua vez d’aquí mirey”.

“Éche o Espírito do Tempo Pasado como eu o do Futuro, segundo me avisaron”. A outra voz, algo enfastiada, viña da esquerda, e alí había nova ardora e humanidade cuberta por engurrada chaqueta, pantalón e zapatos. “Dentro de vinte e cinco anos hanme chamar Manolo Meiriño, vivirei encasoupado aí polo Carme e vamos axiña, que non me quero atopar comigo en versión infantil”. Case paralizado, sentín como me collían de cadansúa parte; considerándome alucinado, pouco estraño me foi o de descolgármonos polo pano da muralla que ningún transeúnte advertiu, pois ningún había; canto aos dous condutores do Seat 600 e o Simca 1000 circulantes no momento, terían dabondo que facer furando coa vista na sopa de ervellos. Nun tris estabamos na Porta Miñá e alí quixo parar aquel para min solemne individuo. “O amor que me adusse! Soidade de sennor ou cortesia... Poren non era eu eno mundo en era de mil e duzentos”; ollaba unha lápida colocada á dereita da porta na que eu nunca antes me fixara. Pero Meiriño, ou o que fose, deunos para adiante: “de boa gana miraba eu tamén a onde ha chegar o señor Mingos dentro dun tempo, e a Mercediñas” -acenaba cara a onde as prostitutas se amosaban, movendo as canelas contra o frío- “pero non lle hai ocasión, señor trobador; aquí vimos ao que vimos”.

O cabaleiro riu francamente. “Vossa mercee é putanneiro e semella fodedor. Frade sabia eu de tal guisa, e abadessa de que aver proveyto. Mas non haja oimais escarnno en presença do pastor”. Estaba eu certamente escandalizado, non por feitos e palabras seren para min totalmente novidosos, senón por tan abertamente usadas e referidos. Pero xa culminaramos a rúa do Miño e o portador de espada encamiñábase, primeiro, pola da Catedral (algo dixo de “Iohannis Rulan” ou así), despois cara á basílica mesma ata o pé do Pantocrátor.

Contemplou o Cristo en maxestade coma cousa familiar, fixo reverencia e meteunos dentro. Onda a pía da auga bendita santiguámonos ambos; Meiriño -que inicialmente non- acabou facendo o mesmo, quizá xulgándoo cousa que a ocasión demandaba. Dubidou o guía, pero acerto ou casualidade levouno cara á esquerda ata a Capela da Virxe dos Ollos Grandes, onde apenas unha velliña, unha moza e dous homes paraban naquel intre; notoriamente as dúas ardentías non eran visibles para eles, por canto só a min a rapaza dedicou breve e disimulada ollada ao que o titulado trobador me levara ata un dos reclinatorios da dereita instando a “preegar por vós e por min”. Boteille un breve Padrenuestro e, en tanto o parceiro remataba máis delongada prece, considerei de esguello como o outro, que non axoellara, con leve sorriso irónico parecía ensumido en cousa como evocación; alí cabo miña, sentinlle lene rosmido: “Gustaba de saber que será por este tempo do Gaiarre, no seu tobo das Rías Baixas”.

Saímos á Praza de Pío XII, e no medio do adro e néboa o tal Meiriño tomou iniciativa en tanto o compañeiro de misión asumía posición secundaria. “Mira, rapaz, ti estás un apuro e mandáronnos aquí para orientarte. Segundo ves, o fidalgo ten boa crianza, o que non sei é a quen se lle ocorreu escollerme a min, que nin de min mesmo dou gardado; supoño que alí, onda a Porta do Carme, non había nada mellor á man”. Parou e gargarexou; fungou algo así coma que “agora, o que tiña era eu que ter xa sete ou oito zóspiros tomados, e máis con esta borraxeira do carallo”. Decateime de que levaba máis de media hora sen dar chío pero seguín calado, el xa volvía: “non podes ser tan cagán porque é inútil: tes que ir á casa, dicirlles aos patróns que suspendiches e aturar o que che caia. Ti fuches un pasmón: de toda a vida, o que che gustaba eran a Historia e a Literatura, pero nada: polo que din das saídas, que seica ao mellor acabas enxeñeiro e non sei que conas, vas e matricúlaste por Ciencias”.

Sabía a miña vida coma min. “Non che digo o que tes que facer, cadaquén labra a súa leira, cago no leite negro, pero eu de ti pensaba se vas ben ou cómpre mudanza”. “Quiçá quadrivium non é bon consello; quiçá trivium for mellor, e cantigas de Johan Romeu, Lopo Lias, Coton e El Rei don Afonso. Esforço e valentia, escudeiro luguees!”.

Ergueu ollos e fronte o barbado, concentrou a mirada o da chaqueta engurrada. Fitáronme ao pé de medio minuto e deron volta cara á rampla, Meiriño calado e de mans nos petos, o outro entoando un aire no que quixen entender as verbas “Que me queres, amor”; subiron á Muralla e tiraron á dereita, posiblemente cara á Porta Miñá. Por un momento quedei parado no adro, despois botei a andar coa cabeza remoendo. Na Praza do Campo subín soportais arriba. Á esquerda quedaba o Antón Grande -sen barba, con melena, sen coleta- rebrincando onda unhas nenas. Pasei onda as tabernas, nunha certa moza fermosa e elegante -a quen lle chaman Julia- atende os parroquianos; no mostrador dunha segunda -por dentro- ten os cóbados Xaime Dapena e asoman as bochechas coloradas do Rodri suxerindo qué tal iría se, en vez de bar, tivesen unha tenda de discos e roupa: “menos soño, rapaces, que hai clientela” di desde atrás a señora Lola Ceide; “unha de naturales!” piden noutro sitio e sae un home portando bandexa de grosos, celmentos e fumegantes mexillóns.

Todo iso pasa pero eu nada vexo, vou na rúa da Cruz camiño de San Roque. Hai que dicir na casa que suspendín as Matemáticas, Química e Debuxo Técnico; aguantar a arroiada e, no cabo, anunciar que quero cambiar para Letras. A brétema levantou.

27 jul 2007


EN POLEIRO ALLEO
(Imaxe do artista italiano Alberto Sughi)

Os poetas e Deus, Helena Villar (OCG, 27 xullo)
Hai indagacións poéticas que pretenden descubrir ese camiño descoñecido que nace na emerxencia temporal do pozo escuro e frío que nos precede, e buscan a continuidade dese fluír no que procuramos algún xeito de inmortalidade. Neste longo camiño os poetas patentizan a miúdo actitudes moi próximas aos sentimentos relixiosos. Por exemplo, cando perciben de forma elexíaca un algo que perdemos e resulta difícil de reconquistar, feito que que conduce á saudade dun paraíso. Cando intúen que a morte é un momento supremo de transformación do dinámico en estático, do perecedeiro en eterno. Cando conciben o amor como a única enerxía liberadora e guía durante a espera. Ou cando se abrazan á paisaxe como á parte aglutinadora de nós mesmos cara atrás e cara adiante, porque é ela quen nos integra na harmonía do universo, na redondez edénica da prácida envoltura da que debemos proceder e cara á que camiñamos.

Falan de nós (e falan ben): Alfredo Conde en Narcisismo umbilical
Son, estes extremos que se recordan, consecuencia da lectura -nese impagable blog que Marcos Valcárcel mantén aberto baixo a denominación de www.asuvasnasolaina.blogspot.com- da última polémica habida nel por conta de Herge, o seu Tin-Tin e o filonazismo do debuxante belga.
De certo que sería difícil que os máis dos habituais do blog cairan en trampas saduceas de índole semellante á descrita. Agachados baixo pseudónimos amosan coñecementos e actitudes que se antollan alleas á máis da intelectualidade oficial, mesmo á non oficial-oficial, e fan desexable a súa irrupción nunha vida cultural que pide a berros un oreo, unha ventilación, consecuencia de novos aires e actitudes, tamén da posta ó día dunha comprensión do mundo baseada nos coñecementos e non no estricto orde escalafonal que rixe esta apampanada, esta estática vida cultural que padecemos, ofrecida por xente disposta a asinar calquer apoio que se lle pida pra calquer nación eslavona que se nos poña a tiro.

O pracer (Bieito Iglesias, OCG, 26 xullo)

Ver cine na sala de estar, pouco máis hai que rañar nun período estival que nos escorrisca das praias a poder de choviscas ou nordés. Por fortuna contamos coa expectativa de viaxar en agosto e cos actos do 25 de xullo para entreter a espera. Esta data tráeme bos recordos das verbenas do Santiago no barrio ourensán da Ponte, amenizadas polas míticas orquestras Bellas Farto ou Los Chicos del Jazz, co seu vocalista Manolito el Pescador á frente. Tamén das manifestacións anteriores á conquista da santiaguesa praza da Quintana polos nacionalistas, cando había que espilirse para safar das cachamorras da policía. O 24, amais do tradicional folión, este ano pudemos desfrutar dunhas recuperadas Vésperas do Apóstolo na sé compostelá. O 25 reservámolo algúns para soñar coa Alba de gloria de Castelao.


O partido do riso e da felicidade
Andoliña 27 xullo, Galicia Hoxe

Tal como recollía onte este xornal, Manuel Rivas dixo en Santander, nun curso da Universidade Menéndez Pelayo, que había que fundar "o partido do riso", a propósito do de-sagradable secuestro da revista El Jueves. Coincidía Rivas coa miña columna destoutro día en defender os bufóns e reivindicar a ironía: "Paréceme asistir a un episodio doutra época", afirmou o novelista. Pois ben, ese partido do riso, que dende logo sería un pouco especial e diferente das forzas políticas máis convencionais, debería ter como obxectivo non a habitual loita polo poder, senón máis ben a conquista da felicidade.
A este partido do riso non poderían pertencer, segundo o canon que xa citamos de Bertrand Russell, nin os envexosos nin os competidores compulsivos. Nin os fatigados nin os molestos e excitados. Nin os vencidos polo concepto do pecado. Nin os que padezan manía persecutoria. Nin tampouco os obsesionados polo medo á opinión pública. Todos estes levan canda eles as causas da desgraza e mal poden, pois, defender a causa da liberdade e do riso.
Os que queden fóra dese catálogo, que ó cabo serían poucos, militarán (militaremos de bo grao) no partido do riso.

26 jul 2007


A felicidade, a envexa, Russell

Andoliña 26 xullo

Sigo o consello dun amigo que me recomenda reler A conquista da felicidade, de Bertrand Russell. Tiña o libro nun recuncho perdido da biblioteca, nunha vella edición de Espasa Calpe, introducida por Aranguren. O ensaio de Russell é antigo, dos anos 30 do século pasado, pero garda algunhas xoias entre as súas páxinas, que quizais sorprendan o lector actual polo ton moralista nada disimulado.
A primeira parte do libro está dedicada ás causas da desgraza: a competencia, a fatiga, o concepto de pecado, manía persecutoria, etc. E entre elas cita Russell con acerto a Envexa: "Para o home discreto o que el ten non deixa de ser agradable porque alguén teña algo máis. En realidade, a envexa é a manifestación dun vicio en parte moral e en parte intelectual, que consiste en non considerar nunca as cousas en si mesmas, senón nas súas relacións".
O envexoso sofre non polo que ten, aínda coa supervivencia económica asegurada, senón polo que non ten: o retrato coincide coa mirada torta dos envexosos notables que eu coñezo. O filósofo remata a faena con xeito: "Hai algo máis envexable que a felicidade? E se eu logro curarme da envexa, serei feliz, e xa que logo, digno de envexa".

25 jul 2007

Xornais de verán
No verán os xornais reformulan as súas seccións seica para "alixeirar" os contidos ó tempo vacacional. Polo xeral, para min, estes cambios son bastante negativos: agás excepcións, os xornais perden substancia e queda unha cousiña así como etérea e moi de revista rosa. Tamén aparecen, ás veces, novos colaboradores e novos debuxantes (algúns gratis, p.ex., nalgún xornal galego). En El País aparecen estes días unhas viñetas dun que asina Brieva, na sección "El otro mundo". Pego aquí o debuxo do pasado domingo 22 que me pareceu realmente simpático (se non se le ben, poden ampliar a imaxe clicando enriba dela).

24 jul 2007

En poleiro alleo

Cousas das alemañas, Afonso Monxardín en GH 24 xullo

Falarmos ben o galego, Miguel A. Fernán-Vello, GH 24 xullo

Coordenación das Deputacións, X.M. Sarille, ECG 24 xullo














Os humoristas de El Jueves
supéranse a si mesmos
Monseñor Araúxo.
Pan por Pan 24 xullo

Tocoulle vivir tempos difíciles e soubo afrontalos con valentía e dignidade: falo de Monseñor Miguel Anxo Araúxo Iglesias, nacido nunha pequena aldea de Sabadelle aló por 1920. De rigorosa formación teolóxica, sempre amosou o seu compromiso coa igrexa dos humildes e coa lingua e a cultura galegas: velaí a firmeza do seu discurso en Trasalba, 1988, cando o goberno español impugnaba a Lei de Normalización do noso idioma, publicado co titulo “Palabras para os amigos”. Fíxenlle unha entrevista longa hai anos e contoume cousas curiosas, como o que lle dixo Franco cando se presentou a el como bispo: “Tenga mucho cuidado con los obreros de Ferrol, monseñor”. Logo rexistráronlle a reitoral en busca do aparato de propaganda da UPG, que por suposto non tiña. A miña única relación coa UPG, contaba, foi ter de alumno no Seminario a Bautista Álvarez.

23 jul 2007






Cen anos de historia cultural
1974: Nace a grande enciclopedia galega



Obra de referencia indiscutible, foi para toda unha xeración primeira fonte de información: a Gran Enciclopedia Gallega, baixo o pulo do editor asturiano Silverio Cañada, que empeza a editarse neste ano. O seu primeiro fascículo abríase cun fermoso ensaio de Otero Pedrayo, que era tamén presidente do consello consultivo da obra. Neste órgano asesor figuraban Álvaro Cunqueiro, Filgueira Valverde, Camilo José Cela, Luís Seoane, Álvaro Gil, Sebastián Martínez-Risco e Alberto Vilanova, entre outros, e nomes ben procedentes do galeguismo, como Beiras Torrado, e outros máis próximos á praxe política do réxime como Pío Cabanillas, daquela ministro de Información e Turismo, e José Luis Meilán Gil. Para o deseño gráfico da obra e o encabezamento dos seus capítulos encargáronselles unha serie de debuxos moi coloristas ó artista ourensán Virxilio. Proseguía o activismo cultural en todas as frontes. En Ourense, coas segundas Xornadas do Cine, patrocinadas pola A.C. Auriense, que levaban como lema O pobo e o cine. Na edición deste ano participaban o actor Fernando Rey, o director Antonio Román (de orixe ourensá), o escritor Ramón Piñeiro e os críticos de cine españois máis destacados do momento; Carlos Casares incorporabase á comisión organizadora. O mesmo Casares que nese ano remataba no xornal La Región a súa sección de retratos literarios de personaxes, titulada "Con esta lupa", con caricaturas de Siro López (creada un ano antes).
E o mesmo noutros campos. Nacía o grupo teatral Antroido, dirixido por Roberto Vidal Bolaño, e Abrente celebraba a segunda Mostra do Teatro Galego en Ribadavia, á que acudiron grupos como Ditea e Rosalía de Castro, de Santiago. No xurado daquel ano estaban Eduardo Blanco Amor, Manuel María, Euloxio Ruibal (gañador o ano anterior), Francisco Rodríguez e Xavier Fábregas. Pola súa banda Televisión Española inauguraba os seus informativos co Panorama de Galicia, en castelán, con pequenas cuñas e entrevistas en galego (era a primeira vez que o galego se asomaba á linguaxe da TV). Cando Franco viña pasar as súas vacacións a Galicia, unha unidade móbil desprazábase ata o Pazo de Meirás. As asociacións culturais tiñan unha vida moi dinámica, con cursos de galego, audicións de discos, proxeccións de cine en formatos pequenos, etc. A Auriense, por exemplo, convocaba naqueles tempos a escritores como o poeta Fiz Vergara Vilariño (cando aínda estudaba COU), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos ou X. Vilas Nogueira. En Ribadavia, en Abrente, Luís Álvarez Pousa daba unha multitudinaria charla, diante de máis de trescentas persoas, para informar do que estaba a pasar en Portugal: a revolución dos caraveis. O acto rematou con todo o mundo en pé cantando o Himno Galego. Xornalistas como o propio Pousa ou Celso Montero ían ata Porto e Braga para informar os galegos da caída da ditadura salazarista. E a música estaba tamén moi presente. Creábanse novos grupos e entidades melómanas. En Vigo, cunhas moi activas Xuventudes Musicais (nacidas en 1972). En Lugo, co grupo Folc 72, que pouco despois pasou a conformarse como Fuxan os Ventos. Tamén no 72 nacera o cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre. E a figura de Amancio Prada, co seu primeiro gran disco de temas galegos, cantados na nosa lingua: Vida e morte (Hispavox). No mesmo, o berciano cantaba poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana, ademais doutros, en castelán, de Nicolás Guillén, Miguel Hernández, Luis López Álvarez e do propio cantautor. O disco gravouse en París e Prada á guitarra estivo acompañado de Eduardo Gattinoni ó violoncelo. Os de Voces Ceibes (Benedicto, Bibiano, Miro Casabella, etc.) proseguían cos seus recitais por toda Galicia.

Palabras para os amigos (monseñor Araúxo)

A non asunción ou non aceptación activa do noso ser galegos e do noso ser pobo galego é algo que afecta negativamente a tdoo o pobo, porque cada un de nós somos unha célula concreta e peculiar, un órgano vivo no conxunto do corpò que sería o pobo. Necesariamente, funcionar ou non como galegos vai repercutir na vitalidade do noso pobo que non é unha esencia abstracta, desencarnada, senón un corpo vivo, e a carne e a alma dese corpo é a terra e somos nós.

Non hai unha maneira neutral de sermos galegos: ou o somos activa e positivamente ou o somos negativamente. Sendo como é un pobo ameazado, ou o axudamos a que perviva ou contribuímos á súa morte. Non hai neutralidade posible: ou amamos ó pobo galego ou o odiamos. Os semitas tiñan moi claro que, en fondura, só hai dúas actitudes: a do amor e a do odio; e tiñan tamén claro que o odio sempre mata a un ou outro nivel: "quen odia a seu irmán é un asasino". Non amar a Galicia -pobo galego- é matala. A indiferencia nunca é neutralidade".
(Do seu discurso cando recibiu o Premio Trasalba, publicado pola Fundación Otero Pedrayo, 1989, pp.18-19).


A VIAXE DO EMPERADOR
La Región 23 xullo
O documental. O cine documental ten unha longa historia que se remite ás mesmas orixes do cine. Na historia do xénero hai obras mestras de autores como o británico John Grierson, o norteamericano Robert Flaherty (“Homes de Arán”, “Nanuk”, etc.) ou o soviético Dziga Vertov, e a este modelo narrativo tamén se achegaron de xeito máis ocasional nomes como John Ford, Frank Capra, Luis Buñuel, Joris Ivens ou Roberto Rosselini, entre outros. Hoxe o documental, sobre todo en temas relacionados coa vida natural, semella relegado das grandes pantallas e restrinxido a certas cadeas e programas televisivos, de non menor valía. Pero hai excepcións ben relevantes, como a película “A viaxe do emperador” (2005), de Luc Jacquet, que se pasou con éxito polos cines no seu día e que a TVG emitiu o pasado venres.
Peregrinos. “A viaxe do emperador” empeza cuns planos duns peregrinos a longa distancia dos que só pouco despois podemos adiviñar, na paisaxe totalmente xeada da Antártida, a súa auténtica personalidade: pingüíns emperador iniciando unha longa camiñada ata o lugar habitual de procreación e coidado das súas crías. A partires de aí asistimos a un auténtico espectáculo épico e lírico, pois o documental xoga cos sentimentos cunha elegancia singular. Coñecemos o misterio da forza da vida nas condicións máis extremas, onde o ser humano non podería resistir á forza das treboadas da neve e xeo, e tamén a forza dos instintos que marcan, de forma perfectamente planificada, a propia loita pola supervivencia. Non hai nesta contorna xeográfica ningún tipo de templos nin ningunha forma de espiritualidade consciente, só o esplendor da natureza que se regula a si mesma: velaí a idea que identificaba Deus e o panteísmo en Fichte e nalgúns románticos.
Luc Jacquet escolle un modelo de antropomorfismo e dramatización dos pingüíns para provocar a empatía con eses seres tan simpáticos como tráxicos: a traxedia está sempre presente, a ameaza da morte polo frío e as treboadas, e cando se produce o desamparo é absoluto. Ante a perda dunha cría, unha das nais, arrebatada entre os laios e a loucura, chega a querer roubarlle o seu cativo a outra nai, comportamento irracional que tamén se ten dado entre humanos.
Cooperación. A natureza soubo lograr, na longa andaina da evolución, o establecemento de estratexias útiles de cooperación e solidariedade mesmo entre moitos animais. A supervivencia destes pingüíns resultaría imposible sen o apoio mutuo de todo o grupo, para protexerse do frío e dos perigos, e por parte dos dous sexos, que cooperan con exactitude milimétrica no coidado e alimentación das crías. Os seres humanos só sabemos recoñecer a heroicidade entre nós mesmos, pero a natureza está chea de exemplos moito máis notables onde a cooperación faise ver de xeito constante e xeneroso.
“A viaxe do emperador” é unha sorte de gran poema visual, que rexistra en imaxes momentos tan emocionantes como as danzas de amor e recoñecemento destes seres e a beleza do reencontro na nova estación. Noraboa a TVG por recuperar esta xoia do cine documental.

22 jul 2007

Os bufóns.
Pan por Pan 22 xullo

O símbolo da revista “El Jueves” é un bufón e os bufóns están para cabrear, para molestar, para darlle a volta á realidade, en suma, para dicirlle ós poderosos que eles tamén son homes e non deuses. Por iso non se entende que a autoridade xudicial a emprenda contra un bufón gráfico como é a revista “El Jueves”, de consolidada traxectoria. Que se explique ben qué o que resulta inxurioso: o debuxo irreverente ou un texto impertinente? Pero as impertinencias son necesarias contra o poder: sexa este o Rei, o Papa de Roma ou Mahoma. E ós poderes non lles gusta a impertinencia: aquí, en plena democracia, secuestran unha revista; noutros lugares, cortaríanlle a man ou a cabeza ó debuxante. Para colmo do disparate, din que El-Rei Juan Carlos le esta revista cando vai de vacacións. Onte o monarca estreaba un veleiro patrocinado por un banco: pódese dicir isto, ou non?

21 jul 2007


O zoo de cristal.

Pan por Pan 20 xullo

Foi a obra que lanzou á fama ó dramaturgo norteamericano Tennessee Williams (na imaxe) e para moitos a súa obra mestra, por riba de Un tranvía chamado deseo e Unha gata sobre un tellado de zinc. Disque tamén é a obra máis autobiográfica do autor, escrita dende a dor, e o personaxe nomeado Tom, o propio escritor. Din tamén que a súa irmá, a moza coxa e tímida que colecciona figuriñas de cristal, está inspirada na propia irmá do escritor, Rose, que rematou nun psiquiátrico onde lle fixeron unha lobotomía, carga que sempre pesou na cabeza do dramaturgo. Desa carga saíron estes versos: “Rose. A súa cabeza cortada aberta. Unha navalla punzando no seu cerebro. Eu. Aquí. Fumando”. Paga a pena achegarse a ela e esquecer todo isto que acabo de contarlles: síntoo polos apaixonados do teatro de vangarda, pero o entusiasmo deste cronista vai por outros vieiros, xa ven.
San Fernando en hora maina

ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González).
6. Aristocracias.

Nalgún país viríanlle chamando “españolada” a notable desmesura canto a gasto, profusión e arrogancia; sóubeno en Dumas traducido e víñame á cabeza o romance do Duque de Rivas “Un castellano leal”, onde certo conde de Benavente lle pón lume ao seu pazo toledano tras obrigalo o rei a hospedar alí un traidor. Españolada aparentaba tamén aquela historia de que a Porta San Fernando se abrira para lle dar paso franco a Isabel II e mailo fillo cando no 1858 chegaron a Lugo procedentes da Coruña; algo de lenda urbana debía ter, xa que segundo un rexistro a obra comezou no 1852 e o ano seguinte seica estaba rematada; por moita reverencia que lle fose outorgada á súa moi constitucional maxestade, semella un tanto inverosímil a práctica de prever e executar cun lustro de adianto: aínda non se restauraran as Olimpíadas, nin moito menos se desenvolvera o fenómeno especulativo e negocial que agora vai canda elas. Como for, aquelas reais persoas inauguraron a nova entrada á cidade e chamóuselle inicialmente “do Príncipe”, en homenaxe ao infante don Alfonso.

En San Fernando comeza a Terra Cha, ou algo así dixera o Manuel María; se correcto, unha boa parte dos chairegos viven aquí desde hai décadas, porque moi longa é a Avenida da Coruña. No ano 1962, cando a Porta foi reedificada e ampliada, case todo o mundo lle chamaba á vía Carretera da Coruña, e en efecto daba máis impresión de estrada, con muros, tapias, bastante espazo libre en vésperas de oferta urbanística, numerosa edificación popular e humilde: cal, baixo e planta alta con angosta xanela, porta de dobre folla; só no primeiro treito algunha ampla construción de cinco ou seis andares marcaba selo burgués aínda limitado extramuros. En tempo laboral, bulicio de almacén e industria, non tenda de modas; o matadeiro da FRIGSA empregaba centos de operarios. En festivo, xente camiñando cara uns espectáculos deportivos a miúdo seguidos desde o alto e sen falta de risco físico (“¡Báguense de los tegados!”). Hai fútbol de cada dous domingos no estadio “Ángel Carro”. O Clube Deportivo Lugo non ascende pero anda entre os mellores da Terceira galega, co Rácing de Ferrol primeiro e logo o C.D. Ourense, que traen canda eles notable e pouco acovardado continxente torcedor. O público lugués bérralle ao Seara e ao Pataco, aplaude a fineza do ariete Tarro e a contundencia focega do central Simón.; xa Severino Reija marchara da Carretera da Coruña e formaba en Zaragoza cos Magníficos. Apupan o árbitro ambos bandos por cadansúa vez, algún se cadra vai ao campo no obxectivo fundamental de berrar “cacha pelada!”. Ao mellor un infantil, xuvenil Raúl García de Loza contemplara o paso dos inminentes vociferadores; ou sentaba entre eles, igual.

A unha banda e outra da longa arteria urbanizábase a alegada Chaira, medraba Lugo -xa foi dito- nomeadamente cara ao norte e o nordeste. Cando os anos da posguerra, un tal Rolo vendera en predios certa propiedade rural onde rapidamente se trazan rúas e prolifera edificación nova, húmida, urxente. Agro do Rolo se lle chama por décadas a un barrio que a erección de igrexa e parroquia converterá na Milagrosa. Espazo obreiro no que os rapaces traballaban desde novos, había pouco estudante e quen nacera nos cincuenta mantiña parte do vigor moral desenvolvido por emigrados e supervivintes. A casa que foi do Rolo estivo alí durante moitos anos, dando posibilidade para centro estudoso ou conmemorativo daquel éxodo e renovación sociolóxica; pero houbo antes derriba, e agora un bloque de vivendas no cruzamento entre a rúa da Milagrosa e a de Xulia Minguillón, chamada nos sesenta Romualdo de Toledo.

Existen vidas humildes que exercendo humildade podiamos considerar exemplares. Na Milagrosa, en Romualdo de Toledo, vivía desde neno Paco Nieto. Con dezaseis anos transporta na vespino o que lle mandan entre a oficina de Radio Popular na rúa da Raíña e o estudo preto do río; algo vai ao Instituto en horario nocturno. Logo empeza na emisora coma controlador de son; madurece coñecendo o medio, a sociedade local, acada experiencia política, forma familia. Perde o traballo nunha regulación laboral; arrisca, participa en diferentes empresas innovadoras onde sucesivamente vai quedando á marxe.

Imaxine por un momento que perde todo, practicamente todo o imaxinable excepto pais, irmá, teléfono móbil e algúns amigos que case nada poden facer para valerlle. Imaxínese con máis de corenta e cinco, buscando a vida coma de vinte; vendendo cousiñas, traballando en varios sitios, eventualmente lucrando algún alleo co patrimonio de coñecemento e credibilidade atesourado por décadas. Imaxinen que aos cincuenta a saúde advirte, e advirte seriamente.

Por certa literatura do século XX diríase que ou o mundo é exclusivamente un val de bágoas ou a sociedade marco ineludible de sordidez opresiva e o individuo irredento perdedor. Porén, coma en certo cinema americano hai historias que reconforta narrar polo seu desenlace. Laus Deo, como dicían os vellos, e á condición humana.

20 jul 2007

Censura "democrática" dunha revista

A Audiencia Nacional prohíbe a publicación de El Jueves por unha caricatura denigrante dos Príncipes.
Na portada da revista reprodúcese unha caricatura do herdeiro da Coroa e dona Letizia practicando sexo. Aínda pode verse na web de El Jueves.
E tamén na web de La Región.
Esta revista de humor xa recibira chamadas de atención dende a Casa Real.
En poleiro alleo

Todos os nomes (Bieito Iglesias, ECG, 19 xullo)
Un inocente artigo de Bieito Iglesias sobre os nomes dos galegos e galegas provoca unha enxurrada de respostas na web de ECG, onde se mesturan os ataques a Zapatero, ó nacionalismo e ata o fútbol (cabe engadir que a maioría dos interpelantes na web deste xornal é, por dicilo suavemente, "moi conservadora").

A cidade máis novelada (Méndez Ferrín, FV, 20 xullo). De Ourense, Universo Literario e dun artigo de Bieito Iglesias en A Trabe de Ouro.

Saramago.

Pan por Pan 20 xullo


Creo que desta vez o Nobel das letras portuguesas anda errado, quizais influído pola súa propia experiencia persoal. José Saramago declarou que Portugal remataría por integrarse en España, converténdose en provincia dun Estado que pasaría a chamarse Iberia. O vello ideal iberista do século XIX, en boa medida, pero estamos no século XXI: que tería que gañar Portugal nunha solución dese tipo á marxe de perder a súa capitalidade e poñer en risco a súa diferenza cultural?
O marco europeo xa derrubou as fronteiras económicas que existían hai cen anos: os vellos Estados nacionais cederon a Europa as súas competencias económicas, militares e mesmo estratéxicas. O achegamento entre Portugal e España faise agora dende a contorna europea e non precisa xa outras lecturas. Euroescéptico, Saramago prefire obviar esta realidade e aferrarse ó seu soño. Está no seu dereito.

19 jul 2007


CASA DE CITAS: NORMAN MAILER

- Dende o seu primeiro libro, Los desnudos y los muertos, vén advertindo dos perigos que asexan a democracia, cre que o risco medrou?
- A diferenza fundamental é que antes a ameaza viña de enriba e agora é a televisión a que está a devorar o país. Estados Unidos é un lugar máis zafio, máis barato, máis burdo, máis feo en ton, e creo que se está dando unha aceptación máis natural do fascismo por parte dunha gran parte da poboación. Moita xente estase cansando da democracia e isto é algo que non lembro que se dera antes.
- Que é un conservador de esquerdas?
- Un oxímoron, pero que apunta a un ideal potencialmente valioso. Cando me presentei como candidato á alcaldía de Nova York en 1969 fíxeno con esa fórmula. Velaí unha calella sen saída: nin a dereita nin a esquerda teñen razón e o centro é un desastre. O centro son as corporacións, e o corporativismo está a cambiar o estilo do mundo, someténdonos a todos a un molde único. É a cultura do mal, as superautopistas e o plástico. Edificios de 50 plantas que parecen caixas de Kleenex con balcóns. Nin Bagdad se librou diso, e non se lle pode botar a culpa de todo a Sadam. As imaxes da televisión amosábanos unha cidade espantosa, que se podía confundir con calquera outra cidade do mundo. O capitalismo global das corporacións está acabando coa autenticidade da existencia humana.
(Eduardo Lago, entrevista en Babelia, El País, 26-IV-2003)

Casa de Citas: Arthur Miller

- ¿La civilización es el compromiso?
- Sin compromiso, sólo nos queda el desierto. La sociedad occidental se ha desarrollado durante años sirviéndose de la ciencia y la tecnología. Y hemos aprendido a tomar compromisos. A razonar. Pero ahora incluso en el mundo occidental hay mucha gente que rechaza enérgicamente cualquier compromiso.
- ¿También en Estados Unidos?
- En EE.UU. hay una banda, una mafia, que piensa que la religión debe dirigir el país. América ha sido construida por gente que luchó por separar la religión de la sociedad, de la política. Querían que las iglesias estuvieran fuera del Gobierno. Eso nos costó cientos de guerras. Ahora volvemos hacia atrás.
- ¿Por qué?
- - ¡Gran cuestión! Quizás hayamos llegado al límite de la cultura política…
- ¿Por falta de ideas, de utopías, de fe?
- Hubo el comunismo, hubo muchos comunismos, muchas visiones distintas, y entre ellas muchas ideas dispuestas a diferentes compromisos… pero al final…
- ¿Vamos hacia la barbarie?
- No lo creo. La civilización no puede ser derrotada porque si lo es desapareceremos. Nos salvarán quizás las razones económicas porque finalmente debemos producir. Es evidente que las cosas pueden ir todavía peor, aunque creo que al final esta tentación de la destrucción será corregida. Aunque repito, siempre tendremos un loco dispuesto a matar a todo el mundo.

Bru Rovira, entrevista a A. Miller, Magazine, 20-X-2002.

17 jul 2007

JOSÉ BÓVEDA: QUE A TERRA LLE SEXA LEVE...

Hai uns anos homenaxeámolo no Ateneo Ourensán, por iniciativa da Asociación de Amigos da República. Chéganos agora a nova da súa morte (vía X.L. Carrión) e transcribimos aquí o comunicado de despedida desta asociación (o texto completo, en comentarios):

Quen é José Bóveda? Un home bo e xeneroso que lembraba como naquel Abril de esperanzas de 1931 “uns poucos rapaces falamos un día de que eiquí non había ningún sindicato,. Entón decidimos montar a CNT”. Lembraba que “entre 4 ou 5 montamos o primeiro sindicato na comarca, para facer fronte aos caciques. Os xornais eran entón de 3,5 pesetas e 20 horas de traballo. Nós pedimos 5 pesetas e 8 horas. Tiñamos que ir polas portas ás noites explicando o que queriamos, coa negativa dos empresarios, aínda que o conseguimos ao final”.

Co Golpe de Estado, o seu posicionamento custoulle unha condena de 30 anos de cadea por “Rebelión Militar”(?) nun esperpéntico xuízo no Paraninfo do Instituto de Ourense. Conducido inicialmente á prisión de Celanova, foi levado o 26 de xuño de 1937 á prisión do Forte de San Cristóbal, en Pamplona. de onde se fuga o 22 de maio de 1938 xunto con 1085 presos, entre eles 204 galegos (deles 33 eran da provincia de Ourense), segundo el explicaba e así consta nos libros como o de Félix Sierra “La fuga de San Cristóbal”.


Pobres Tintín e Hergé
Andoliña 17 xullo


Indignados están hoxe moitos amantes da banda deseñada e non só os seguidores da liña branca de Hergé e o inmortal Tintín. Como xa sucedera cos contos tradicionais, dos Grimm e Andersen, os novos inquisidores dedícanse agora a censurar o cómic clásico. As teorías da corrección política, que impulsaron antes carapuchiñas feministas e similares, poden chegar ó esperpento. Unha vez aceptada a premisa inquisitorial, non hai volta atrás: todo é posible no reino do disparate.
Porque censura é o que fai o Observatorio Británico contra a Discriminación cando obriga a varias cadeas de librarías a acantoar o álbum Tintín no Congo por presentar varias viñetas nas que os negros son vistos como "retrasados" e "submisos colonizados". O propio Hergé refugou deste álbum e confesou que era, tamén na súa ideoloxía, froito dos prexuízos do mundo burgués da súa época. E xa está: non entender iso é non comprender que é unha obra de arte como produto histórico, que como tal debe ser lido, pero non corrixido.
O seguinte paso será vetar as películas de Tarzán de Jhonny Weismuller e facer unha versión pacifista e branda da Ilíada. O conto é triste, que dicía o noso Castelao. E non rían. Todo se andará.

O noso home de Arán (Afonso Vázquez Monxardín, Galicia Hoxe 17 xullo)

Excelente ocasión para recuperar estas imaxes de O home de Arán, de R. Flaherty, 1934.

O caso é que estes mariñeiros españois acolléranse como porto refuxio na illa un día que o mar se encarrapichaba ata o punto de facerse un cabalo desbocado no que era imposible manterse. Alí botaron semanas ata que o mar volveu ter aparencia de camiño calmo e non de leira esgrevia sementada de portas do inferno. Moi lonxe da casa o lugar este para morrer. Mellor acollerse á calor destes homes da illa, pobres coma eles, pero xente de mar e palabra. E alí, coñecido o porto e as xentes que os libraran da morte, volveron con coñac -cunhas botellas que tiñan tres copas na etiqueta... e cada home traída cinco ou seis... E os de Aran cambiábanllelas por sacos de patacas... "Moito lles gustaban as patacas a estes mariñeiros, que as comías só cocidas", dicía este home de Aran, con cara saudosa dun tempo ido. E eles, os outrora duros mariñeiros da illa, hoxe guías ocasionais de furgonetas de turistas, levaban despois estas botellas á cidade da Terra grande, a Galway, para vendelo e sacar uns cartiños para o inverno... ¿Comedores de patacas que dicían "cuchilo" e se entendían ben con estas xentes? Sei eu ben de que terra viñan.

16 jul 2007

Escribir coa alma (Tennessee Williams)
Andoliña 18 xullo



Dicía Arthur Miller, lembrando a primeira vez que viu a Elia Kazan dirixir no teatro Un tranvía chamado desexo (A Streetcar Named Desire), que esta obra dramática de Tennessee Williams estaba escrita coa alma: "Os seus diálogos fluían da alma. A alma dun autor, unha voz singular, envolvía o escenario case milagrosamente".
A Editorial Alba acaba de publicar en dous volumes catro obras moi relevantes do dramaturgo norteamericano: O zoo de cristal, ó carón de Un tranvía chamado desexo e Unha gata sobre un tellado de zinc, esta xunto con Unha análise perfecta feita por un loro. Obras que moitos lectores/as coñecerán polas diferentes versións levadas ó cine, pero que se agrandan aínda máis na palabra sempre viva do escritor.
Artista maldito, homosexual, neurótico, alcohólico, Williams pertence a esa categoría de grandes clásicos da contemporaneidade como Arthur Miller, Norman Mailer, Truman Capote ou Susan Sontang. Paga a pena achegarse ás súas obras e reencontrar a tenrura violada de personaxes con tanta forza expresiva como Blanche, que no cine interpretou Vivien Leigh: "Podo ulir o mar. Vou pasar o que me queda de vida xunto ó mar e, cando morra, vou morrer no mar".


BLANCHE: Puedo oler el mar. Voy a pasar lo que me queda de vida junto al mar y, cuando muera, voy a morir en el mar. ¿Sabéis de qué voy a morirme? (Coge una uva.) Voy a morirme por comer una uva sin lavar que me voy a encontrar en el mar. Voy a morirme… cogiendo la mano al médico del barco, a un médico muy joven y muy guapo con un bigote rubio y un gran reloj de plata. “Pobre dama –dirán-, la quinina no le ha servido de nada. Esa uva sin lavar ha transportado su alma hasta el cielo.” (Se oyen las campanas de la catedral.) Y me enterrarán en el mar, metida en un saco blanco que echarán por la borda, a mediodía, en pleno verano, ¡a un mar azul (vuelven a oírse las campanas) como los ojos de mi primer amor!

Ao oír por vez primeira Un tranvía –e a diferenza do que sucedeu con outras que seguiron ó longo dos anos, un verdadeiramente oía cada palabra da primeira posta en escena- non se tiña a impresión que deixan o enxeño ou o poético, senón a de que os seus diálogos fluían da alma. A alma dun autor, unha voz singular, envolvía o escenario case milagrosamente. E, sen embargo, de xeito asombroso, a fala de cada un dos personaxes parecía tamén propia; en vez de estar atados ás necesidades argumentais da obra, todos parecían libres para manifestar os seus “eus” contraditorios. Por suposto, ó mesmo tempo, a historia avanzaba inexorablemente segundo a forma, como mínimo soberbia, que lle deu a man de Kazan. De feito, aquela posta en escena foi o froito máis espléndido da extinta pero longa e intensa investigación – durou dez anos- do Group Theatre sobre o método Stanislavski, un xeito de realismo tan fondamente sentido que era capaz de manifestarse como estilización. Os diálogos de Williams, por coloridos e cheos de imaxinería que estean, xamais deixan que a historia se difumine: moi pola contra, impúlsana continuamente cara diante.
(Arthur Miller relembrando a primeira visión da obra no teatro, en versión de Elia Kazan)
Imitación á vida (Douglas Sirk)

Revisitada onte, despois de moitos, moitos anos (en 1982-1983 TVE programou un completísimo ciclo Douglas Sirk, lembran?: Escrito sobre o vento; Só o ceo o sabe; Os pilares da sociedade; Orgullo de raza; Himno de batalla..., así ata un mínimo de 15 películas.

Segue sendo unha obra mestra (na imaxe Lana Turner e Juanita Moore). Para min, inconmensurable. Unha auténtica lección de cine do primeiro ó último plano. Só a escena do enterro de JuanitaMoore, a criada negra, xa xustifica per se toda a película: dan ganas ata de morrer se a un lle fan unha cirimonia tan emocionante e emocionada coma esa.

Obra cumio do melodrama como xénero. Sen ningunha dúbida. Houbo un tempo, xa saben, en que a obra de D. Sirk era mal vista dende certa progresía, como un cine demasiado convencional e comercial. Queda algo coa forza expresiva, e tamén coa mensaxe antiracismo, de Imitación á vida (1958), a case cincuenta anos de distancia (o meu ano natal, mira ti).

Á miña filla tamén lle encantou e protesta, con razón, porque hoxe estas películas xa non se poden ver nas televisións, hai que buscalas en DVD: é o que saímos perdendo...
SER DEUS SERÍA ABURRIDO...
La Región, páxs. opinión, 16 xullo

(A imaxe, da arte precolombina, para non contrariar as expectativas erotizantes que nos atribúen os compañeiros arroutados. No xornal vai unha imaxe de Tamara de Lempicka, para non asustar o público lector)

Sen ter nunca nada que descubrir, ser Deus sería moi aburrido, dixo nunha ocasión Stephen Hawking, unha das grandes cabezas da ciencia do noso tempo. Anque coñecemos mellor que nunca o Universo e o seu funcionamento, “quizais nunca academos o final da nosa aventura para unha completa comprensión do Universo”, engadiu o mesmo científico. E dicía alegrarse desta limitación porque así a ciencia seguirá a ser por moitos anos unha aventura apaixonante: moito máis, por suposto, para os pobres burriños que andamos a ras de terra, sempre apampados ante a inmensidade dos nosos descoñecementos.
Unha aventura que sería digna de servir como argumento á mellor historia de ciencia-ficción: dous físicos de California descubriron que as cinco grandes extincións biolóxicas, que marcaron o ritmo da biodiversidade da Terra, seguiron ciclos exactos de 62 millóns de anos (millón enriba ou abaixo, pero mira ti…). Coma se houbese un reloxo programado nalgures a conducir os fíos do mundo como imaxinaban os mitos primitivos. Segundo estes cálculos nuns cinco millóns de anos habería problemas… Pero nin Hawking nin eu, sospeito, estaremos daquela aquí para contalo. Nin vostede, lector.
Erotismo e riqueza da lingua. “Se non imos todos xuntos, imos ao carallo”, dixo hai uns anos un relevante político galego nun acto electoral. O que pon de relevo a riqueza polisémica deste concepto na nosa lingua, desde tempos ben antigos: o noso trobador medieval Fernando Esquío xa xogou no seu día, nunha das súas cantigas satíricas, coa diferencia entre estar “encaralhado” (potente sexualmente) ou “escaralhado” (impotente), dúas cousas ben distintas só con cambiar unha letra, como sabía o frade protagonista do poema, ao que lle chegaban a parir tres mulleres nun día “e outras muytas prenhadas que ten...”
Os poetas medievais usaron derivados tan transparentes como “caralhote” e “caralho francés” ou “caralho de mesa”, curiosos artiluxios estes últimos que nos revelan que a modernización tecnolóxica no mundo do erotismo ten moitos séculos enriba. Por non falar desa acción que vostedes están pensando “a caralho cheo”, en expresión do escarnio trobadoresco de Estevan da Guarda que conta da precocidade dun neno mouro “que ja fod´este mouro a caralho cheo”.
A familia semántica do concepto citado é aínda maior: hai que engadir , entre outras, formas como “ben”, “cavalo”, “peón”, “pisso” e “rabo”, todas elas rexistradas na “Antoloxía de poesía obscena dos trobadores galego-portugueses” de Xosé Bieito Arias Freixedo (Ed. Positivas, 1993). Son as cousas da riqueza do idioma. O certo é que non só entre os políticos andan moitos “encaralhados” e outros “escaralhados”...
Torrente Ballester

A entrevista con don Gonzalo, do programa A Fondo (1976), colgada no blog
www.blues-propicios.blogspot.com

(vía Pedro Gómez-Valadés)

15 jul 2007


Humor galego
E outra de humor galego, que tamén temos referentes de calidade, como Xaquín Marín (esta é do sábado 14 de xullo). Noutro fío máis abaixo reflíctese o desconcerto de moitas persoas progresistas que apoiamos o cambio para encontrarnos agora con algunhas actitudes cando menos sorprendentes. Por exemplo, os soldos nos Concellos de coalición (o de Ourense é só un exemplo) despois de criticar con dureza parecidas remuneracións cando gobernaba o PP. Ás veces ata se agradecería un mínimo de autocrítica: cantas veces se criticou a política do PP como escurantista e manipuladora cando se negaban no seu goberno a dar información sobre os incendios forestais? Pois, agora, acórdase o mesmo: quizais sexa ata unha actitude ben fundada e con razóns, pero tampouco sobraría dicir logo que alguén falou de máis noutras ocasións...
Humor
Magnífica viñeta de Gallego y Rey no Interviu desta semana