7 sept 2008


ao raiar o sol
Infame condena
Luís González Tosar (ECG 7-9-08)

Coñecín a Ernesto Cardenal en setembro de 2002, en Tromso, Noruega, preto do Ártico. O autor da Oración por Marilyn Monroe era un dos convidados especiais a aquel congreso no que o vento, a friaxe, o lazo e mailo carambelo protagonizaron tanto coma poetas, novelistas, dramaturgos e demais literatos reunidos. Confeso a miña curiosidade por un home rebordante de paixón, fiel ao Evanxelio, mais tamén a Marx, como tantas veces ten dito. Quizais por iso, cando o vin baixar dun autobús, aterecido, tremelicando de frío, vestido de branco, a penas unha camisiña -a típica cotona-, calzado con sandalias, a cabeleira voándolle e a pucha negra metida até os ollos, semelloume un espírito despistado, recén chegado do alén. Alí, en Tromso, merquei o seu irónico libro de memorias Vida perdida, que fun debullando mentres seguía ao crego revolucionario por recitais e intervencións públicas. Souben así que nacera rico pola casa, que vivira a bohemia, de mozo, que participara na revolución de 1954 contra Somoza. Tralo fracaso ingresou en Gethsemani (Kentucky, EE.UU) nun grupo de trapenses contemplativos.
Ordenado cura, con 40 anos, marchou ás illas Solentiname, onde fundou unha comunidade vencellada ao FSLN. Co triunfo sandinista chega a súa etapa de ministro de Cultura, até que en 1987 tivo que pechar o ministerio, por falla de orzamento. Cardenal foi quen de aturar, de xeonllos, a mala hostia do pontífice da cristiandade que, rubio de xenreira, maldicía contra a Teoría da Liberación. Agora, con 83 anos, suspendido ad divinis, o escritor está sendo perseguido por Daniel Ortega e a súa muller, Rosario Murillo, sátrapas no poder no país dos lindos lagos, o que chora coa dor. Un xuiz "danielista" impúxolle, ilegalmente, á multa de 20.000 córdobas (694 euros). Non pensa pagar. "Si me quieren echar preso (...) estoy listo para ir a la cárcel". Díxolles sorrindo.



FÍRGOAS DE HISTORIA E XORNALISMO (Galicia Hoxe 7-9-08)
“GUIEIRO”, VOZ MOZA E REBELDE
Marcos Valcárcel
Falaremos hoxe dunha das publicacións máis rebeldes e orixinais que deu de si o galeguismo republicano: “Guieiro”, a revista da Federación de Mocidades Galeguistas do Partido Galeguista.
Naceu primeiro como páxina semanal do portavoz galeguista A Nosa Terra, o 30 de xuño de 1934, no número 338 de ANT. Era entón o secretario xeral das FMG Francisco Fernández del Riego, acompañado na dirección de Xaime Illa Couto, Xosé L. Fontenla Méndez e Xoán L. Ramos Colemán. Eran responsables locais Vicente Bóveda (Ourense), Ramón Piñeiro (Lugo), Xosé Ramón García Chao (Viveiro), Xenaro Mariñas del Valle (A Coruña), Francisco Ogando Vázquez (Santiago), Avelino Pousa Antelo (Negreira) e Xosé Álvarez Blázquez (Pontevedra).
En setembro de 1934 a páxina colle xa o nome de “Guieiro”, co subtítulo “Outavoz nazonalista da FMG” e con numeración, ata abril de 1935. Finalmente, con data 1 de santos de 1935, a revista sae como publicación autónoma, co subtítulo “Outavoz patriótico da FMG” e un formato de catro páxinas (seis meses despois). Nesta última etapa publicou un total de 13 números, o derradeiro con data 1de xullo de 1936. Editábase en Ourense, na imprenta La Industrial, e tamén o financiamento debía ser ourensán, pois case toda a publicidade é desta cidade: Casa dos Lentes, o Cronómetro, Axencia Otos, Bicicletas Da Cunha, etc.
Publicación monolingüe galega, tiña periodicidade quincenal, que será mensual dende febreiro de 1936 ata o final. Aínda que non figuran na cabeceira os datos dos responsables da revista, os datos internos das Mocidades permiten asegurar que o seu primeiro director foi o ourensán Manuel Vázquez Martín, que sería logo substituído por Celso Emilio Ferreiro e logo por Castro Arines. Na etapa de Celso Emilio a revista foi secuestrada por orde gobernativa, en decembro de 1935, “por inxurias a Hespaña”. Segundo Celso Emilio o proceso debeuse a “dous soltos” nos que se comentaba un discurso de Gil Robles. Cóntalle Celso Emilio a Víctor Freixanes (Unha ducia de galegos, 1976) que un o redactara el mesmo e outro Cuevillas, pero non estaba asinado. O da man do poeta de Celanova titulábase “Porque non berramos ¡Viva Hespaña!” e remataba así: “Por eso o galego que se referindo a esta Hespaña de agora, berra ¡Viva Hespaña”, ou é un malvado ou é un idiota”.
Da forza que xa tiñan as Mocidades Galeguistas nesas datas, baste deixar constancia do mitin de novembro de 1935 nunha vila pequena como Celanova”, que lograba convocar a catro mil mozos nacionalistas para escoitar a Celso Emilio Ferreiro, Xosé Nogueiras, Vicente Bóveda, Illa Couto e Fernández del Riego.

2. ANTIESPAÑOLISMO.
O portavoz das Mocidades tiña seccións fixas como “Problemas da FMG” ou “Aición da FMG”, que dan conta polo miúdo da vida da organización. A orientación política das FMG vai marcando a liña deste boletín, caracterizado por un nacionalismo radical, mesmo próximo ás veces ó arredismo e sempre moi crítico coas organizacións políticas españolas, de dereita e de esquerda. Velaí os diversos ataques á CEDA de Gil Robles e a Calvo Sotelo, pero tamén a políticos republicanos como Casares Quiroga e outros que “volvían a Galicia en busca de votos”, velaí esta cita: “nós temos a obriga de agarral-a escoba e botalos de casa sin consideracións. Casares, os seus calcetíns, Basilio (Álvarez) a súa voz, Portela (Valladares) a súa cabeleira, poden ir a lucilas pol-a Hespaña adiante, xa que n-ela lles gustou campar, cando o poideron faguer” (n.3).
O antiespañolismo marcaba no Guieiro un fío común para unha gran pluralidade ideolóxica no seo das Mocidades. O xornal facía explícita esta posición, mesmo para diferenciarse de posicións máis moderadas do Partido Galeguista: “Estamos intimamente vinculados coa decrarazón de principios do PG. Non embargantes, nós non admitimos nin praiticamos ningún paito que dito partido faga cos partidos hespañoles, señan istes d´esquerda ou direita” (n. 1).
O pouso das teses risquiáns é evidente tamén en soltos coma este: “Patria é Cultura. Cultura é Inmortalidade. A Patria e a Cultura son o único ouxetivodo nacionalismo galego” (n.11).

3. FERNÁNDEZ DEL RIEGO.
Na temática deste xornal dominan os espazos de información sobre a vida interna e externa do galeguismo e os temas históricos e culturais referidos sempre a Galicia ou, ocasionalmente, a Euskadi e Cataluña. Os redactores eran os propios membros das Mocidades, con Fernández del Riego nun primeiro plano, pois del son varios dos artigos de maior peso político. Os “galeguistas adultos”, do PG, están presentes coas firmas habituais de Otero Pedrayo, Vicente Risco e F. Cuevillas.
A salientar tamén as entregas de Aquilino Iglesia Alvariño, Xaime Illa Couto, Antonio Moure, Xosé Velo Mosquera, Xosé L. Fontenla, Prudencio Taboada Tabanera, Bonifacio Suárez, Xosé García Seoane, Marino Dónega, Manuel Gómez Mauricio e Xaime Vidal Rei, ademais dos retratos realizados polo debuxante “Sesto”:
Na vida do Guieiro houbo tamén tempo para lembrar as figuras do poeta Eduardo Pondal (n.7) e do galeguista malogrado Xurxo Fernández, así como as conmemoracións de Pardo de Cela (17 de nadal) ou o maxisterio de Antón Villar Ponte, falecido en 1936, a quen se lle dedica o número 9 do boletín, incluíndo, entre outros textos, un poema elexíaco de Ánxel Sevillano.
No ano 1996 o Consello da Xuventude de Galicia, presidido entón por José A. Constenla Ramos, publicou unha edición facsímile deste xornal, incluídas as páxinas da súa etapa en A Nosa Terra, e cun limiar de Xaime Illa Couto.
A mesma cabeceira foi utilizada polo portavoz da Unión da Mocidade Galega (xuventudes da Unión do Pobo Galego) dende 1978. O mesmo nome levaba o órgano do Patronato da Cultura Galega en Montevideo, tanto na súa xeira de 1965 1 1968 como na posterior, iniciada en xullo de 1984, dirixida inicialmente por Manuel Suárez Suárez.

P.S.: algo que case ninguén sabe (agás Bieito Iglesias, que mos encargou). Nos dous primeiros números do GUIEIRO, boletín da UMG, hai dous artigos sobre Cultura e Nacionalismo (1978). Se teñen acceso a eles, sexan comprensivos. Están sen asinar, pero non renegarei da súa autoría. Eu era moi novo daquela.

A MIRADA RETIDA
O HISTÓRICO ORELLAS
Marcos Valcárcel


Pasoume esta foto un dos donos do Bar Orellas, hoxe na Praza do Ferro. Os que teñan 50 anos ou máis lembrarán ben o motivo e o escenario: o histórico Orellas cando estaba nos baixos do Principal. A foto leva anotados os nomes dos retratados: Aser, Adela, Manolo, Claudio e Daniel. Consérvanse máis fotos desa época: as xerras brancas de viño, os xamóns e chourizos pendurados das trabes da madeira, unha saliña ó fondo chea de pipotes, etc. Funcionaba aínda como cine o Principal, ou o Peripepe, e ó rematar a película de “Sabú” ou de “Tarzán” a festa era completa cun bocadillo de orellas. Había que baixar por unhas angostas escaleiras, que eu lembro escuras. E dende abaixo, polos pequenos ventanos a ras do chan da rúa, víanse os pés da xente que paseaba na rúa da Paz. Estou seguro de que moitos ourensáns teñen neste espazo de sociabilidade popular un anaco da súa memoria sentimental. Ata fixemos por alí algunha xuntanza clandestina de estudantes, como se fixeron tamén no Volter. Pasaron tantos anos que todo se esvaece. Pero queda a foto como testemuña.

P.S.: o histórico Orellas baixo o Principal inaugurouse a finais dos anos 4o e pechou no 1983 para pasar ó local da rúa da Paz. Na foto están Manolo e Claudio, os donos (dereita e esquerda), o comerciante Aser e a súa dona Adela.