A vida segue igual
BIEITO IGLESIAS, ECG. 5-2-09
Eses días neste mesmo xornal, evocaba Carlos Luís Rodríguez o índice dun libro da autoría de intelectuais do Partido Comunista de Galiza dos anos setenta. Entre os asinantes figuran destacados cargos e militantes do PSOE de hoxe, desde o presidente da Xunta á presidenta do Parlamento do Hórreo, pasando por unha listaxe de conselleiros e alcaides. A metempsicose ou transmigración de almas comunistas cara ás ringleiras do socialismo pode exemplificarse con moitos nomes coñecidos. Touriño, Dolores Villarino, Abel Caballero?entre os procedentes dos "peixes" ou máis ben "peces" (PC), aos que cabe engadir outros ex militantes trotskistas, como Príncipe, ou maoístas de cando a China era vicina, como Bugallo.
A recente fichaxe de Pedro Arias -máis un político formado na canteira comunista- polo Partido Popular, vén alargar a influencia desa piscifactoría que ameaza con repoboar ríos azuis e ríos tintos, a inteira rede hidrográfica da política galaica. Cando eu cheguei á universidade de Santiago, a mediados dos setenta, o movemento estudantil estaba esgallado en varias pólas: ácratas, nacionalistas de Estudantes Revolucionarios Galegos, peixes, mocos (MC) e trotsko. Librábase inflamada batalla entre o Partido por antonomasia (o Comunista) e a U (Unión do Pobo Galego), que de símbolo químico do uranio pasara a emblema da liberación nacional. Nesa tirapuxa venceron aparentemente os upegallos, alumadores dun Bloque con algunha implantación, fronte ao alpendre creado polos peixes (Esquerda Unida) que loita sen demasiado suceso por avantar a barreira do cinco por cento dos votos. As aparencias enganan no entanto, porque a lideira continúa só que con distintos disfraces. Uns acóllense á carauta do BNG e outros acoden ao baile con máscaras ou siglas diversas, na escudería do PSOE ou na do PP. Experimento a sensación dun déjà vu, de que le temps revient, tal e como afirma certa divisa renacentista. O tempo volve, pero non nos devolve o arxil que algún día tivemos.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días