3 feb. 2009


O escritor e académico José María Merino abriu os XIX ENCONTROS LITERARIOS do Liceo ourensán
A entidade cultural presentou ‘O conto da Literatura, a Literatura de Conto’
Foto Miguel Villar, de LVG.

«Carlos Casares era un marabilloso orador urbano que coa palabra construía un mundo de ficción»
entrevista en LVG. a José María Merino Sánchez Membro da Real Academia Española
A Obama só lle falta un chapeu
XOSÉ M. SARILLE, ecg. 3-2-09

Nos medios de información van aparecendo cada vez máis especialistas que prevén o derrubamento do capitalismo. Din que convén distinguir entre as crises cíclicas, que se repiten, e os cambios extraordinarios, que suceden unha soa vez. Entre nós o economista e escritor José Luis Sampedro cre que se a poboación mundial se triplicou desde 1900 e a capacidade de rexeneración do planeta non o fixo, isto é imposíbel de soster e que estamos nun remate semellante ao do Imperio romano, no que a barbarie pode adoptar novas formas de autoritarismo.
Heinz Dieterich, o pai do socialismo do S. XXI di que o capitalismo chegou ao final despois de 250 anos. Agora o sistema vai intentar sosterse cunha maior intervención dos estados, que é o principio do final. Mais Dieterich, que propón buscar unha nova civilización, non confía tampouco nas alternativas que poida dar o Foro Social Mundial, controlado pola socialdemocracia e os cristiáns, di el, e que hoxe se configura como a alternativa a Davos, que é o foro dos que mandan no mundo. O FSM acepta un deal, unha reforma, que non resolverá nada, calcula o economista.
Immanuel Walllerstein, o único intelectual que predeciu o derrubamento do bloque soviético durante a Guerra fría, considera que as posibilidades de acumulución do sistema tocaron teito e dentro de trinta anos non viviremos baixo o capitalismo, algo do que podemos estar seguros. Pero non sabemos que nova articulación social e económica ocupará o seu lugar, porque dependerá da loita política que se está dirimindo xa agora.
Obama parece un mago que nos devolve a esperanza no Primeiro mundo. El quere exercer certa autoridade moral, por exemplo cando lles reñe aos tiburóns de Wall Street pola maneira de devorar un billón de dólares, mentres agardan cos dentes afiados por outro máis, ou dous. Pero son palabras. Tamén son palabras, máis inquietantes, as que pronunciou antonte, coas que advirte que saír da crise non levará meses senón anos. Obama cáenos ben a todos, como aqueloutro campión chamado Gorbachov, que cando chegou parecía o único home capaz de cambiar o destino. E cambiouno.
O galego dos políticos
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO. Galicia Hoxe 3-2-09

Sexamos xustos, non todos os políticos galegos, porque existen notorias excepcións, falan mal o idioma propio de Galiza. Mais é ben certo que unha ampla maioría dos principais representantes das organizacións políticas galegas -velaí as 3 presentes no Parlamento- maltratan, non sen contumacia ou teimosía, cousa que sorprende, a "fala dos avós que temos mortos", como diría Celso Emilio Ferreiro. E, agora que estamos a piques de nos mergullar nunha nova campaña electoral, teremos ocasión de comprobalo. Os candidatos á presidencia da Xunta polos tres partidos con representación parlamentar deixan moito que desexar á hora de mexeren os beizos para dicir unha ou outra cousa. É ben certo que entre eles -velaí Anxo Quintana- hai quen se goberna con máis despexo ou desenleo; mais tamén este, candidato nacionalista, é quen de ferir, aínda que sexa levemente, a pel e o corazón do noso vello e nobre idioma cada dúas por tres. Un fillo dun meu amigo que estuda galego no colexio con máxima atención e proveito, todo cerebro e sensibilidade aplicado á causa, leva un caderno no cal levanta acta dos erros, moitos deles de vulto, nos que incorren nas súas comparecencias televisivas os políticos galegos máis coñecidos. Se un analiza o que alí figura, con data, nomes e apelidos, o menos que pode sentir, ben aos poucos, é unha cadea de roibéns a lle queimar as meixelas. ¿Non existe algunha alma caridosa -algún asesor asisado ou autente- que lle diga algo ao político maltratador da lingua? ¿Custa tanto corrixirmos erros de utilización do galego tan garrafais que fan enrubescer mesmo ao máis pintado? ¿Non ven que son milleiros os cidadáns galegofalantes -e moitos deles estudantes que se interesan polo idioma- que fican pampos diante da chafallada expresiva que adoitan exhibir os políticos? ¿U-la súa responsabilidade aos efectos? O fillo do meu amigo, non máis comece a campaña electoral, vai afiar o lapis vermello e inaugurar un caderniño novo. Ten moito traballo por diante. E logo podemos enrubescer xuntos.
Cousas que quedan da guerra
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN, Galicia Hoxe 3-2-09

Despois da hixiene democrática das últimas décadas, poucas cousas quedan activas da época da guerra civil española. Eu sei de dúas que coa súa visibilidade constante están paradoxalmente ocultas á nosa percepción. E conste que non digo isto con máis intención que a pura curiosidade histórica porque o seu propio nome é parte desa historia e a min, certamente, tanto me ten como se chamen se cumpren ben o seu servizo, como creo fan ben entrambas.
A primeira delas é Radio Nacional de España. Como é sabido, fúndase en Salamanca, en 1937 cunhas emisoras móbiles montadas en camións proporcionados polo Reichpost alemán para constrarrestar a influencia informativa de Radio España, emisora oficial do estado desde a súa fundación en época monárquica, en 1924. Así, fronte a Radio España, voz oficial naquela altura da legalidade republicana, ergueuse unha Radio "Nacional" -co que isto significaba daquela- de España, ou sexa como voz suprema da sublevación. ¡Ai se a alguén se lle ocorrese intentar volverlle o nome da emisora oficial de España ao que foi primeiro e sacarlle o de "nacional" pola lembranza guerreira! O que ían baduar algúns sobre os "inimigos da nación española". A outra, tamén coa previsible redundancia de repetir o "nacional" guerreiro e o topónimo do Estado é a Organización Nacional de Cegos de España. A ONCE naceu tamén en tempo bélico, fins de 1938, para a protección dos invidentes que daquela, por mor da guerra, abundaban de xeito especial.
O éxito actual de ambas as empresas -RNE e ONCE- afunde as rúas raiceiras lonxe no tempo. Por unha banda o apoio orixinario e absoluto do Estado. Lembren as conexións obrigatorias de todas as radios cos noticiaros horarios de RNE que trouxo ata os nosos días a denominación belicista de O parte para os bloques informativos públicos. Lembren a afiliación obrigatoria de todos os cegos na ONCE e a licenza dunha lotería particular como é o cupón que, beneficiosamente, situou os invidentes españois entre os de máis posibilidades de desenvolvemento e integración do mundo.
E, por outra parte, a profesionalidade dos directivos e traballadores que conduciron o cambio de xestión da ditadura á democracia en RNE e ONCE ao éxito absoluto. Ambas as empresas gozan hoxe así, do respecto, cariño e estima popular, independentemente daquela vella orixe da que ningúen se lembra. Nin falla que fai.

Marqués de Sargadelos.
PAN POR PAN martes 3 febreiro.

Hai douscentos anos, febreiro de 1809, Antonio Raimundo Ibáñez foi asasinado vilmente nas rúas de Ribadeo. Pasou á historia como un gran industrial galego, creador dos primeiros Altos Fornos de carácter civil e difusor do tradicional pote (como o noso Malingre) e despois dunha excepcional industria de louza. Os historiadores modernistas desvelaron que o marqués, que foi vítima de varios motíns populares, non morreu por “afrancesado”, como se quixo facer crer, senón por molestar a moitos outros sectores. Como o clero e a fidalguía absolutista, temerosos do potencial modernizador das súas industrias, tan necesarias ademais para a provisión dos exércitos da monarquía. Tamén molestou ó campesiñado da comarca, ó que lle caeron novas cargas de traballo a favor do Marqués e que perdeu dereitos na explotación dos bosques. Unha gran figura vítima dun destino fatal.
PEGERTO SAAVEDRA, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago: "Máis que un ilustrado, o marqués de Sargadelos era un home de acción". Cúmprense 200 años da violenta morte do creador do primeiro gran complexo industrial de Galicia