PREMIOS AELG 2009: AS UVAS NA SOLAINA, MELLOR BLOG LITERARIO
por Corresponsal
Fotos(Trebolle
(1) A modo de teletipo:
Celebrouse onte, sábado 9 de maio de 2009, a tradicional Cea Literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega (ALEG). No transcurso dunha cea no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela entregaronse os seguintes galardóns:
Literatura infanto-xuvenil: O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo. Poesía: A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel. Teatro: Unha primavera para Aldara, Teresa Moure. Ensaio: Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado. Tradución: As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza. Narrativa: Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva. Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní. Mellor blog literario: As Uvas na Solaina, Marcos Valcárcel.
(2) A modo de entusiasmo:
Este blog cobra supetamente autoconciencia, como o Hal 9000 de Kubrick, e felicita a todos os galardoados, a todos os nominados e, moi en particular, parabenízase a si mesmo (abrindo con isto un preocupante precedente). Sobre todo e en primeiro lugar, ao seu mestre vendimador, o sabio colleiteiro Marcos Valcárcel López. En segundo lugar, a todos cantos teñen escrito neste blog desde os seus comezos até hoxe, quer fosen ocasionais, quer sexan habituais. E en terceiro pero non en derradeiro lugar, aos centos de lectores e lectoras que teñen incorporado ao seu quefacer diario pasar a botar un grolo de viño novo nesta solaina. En nome de todos eles, moitas grazas aos membros da AELG por teren distinguido a este blog.
(3) A modo de crónica social:
A xente foi chegando aos poucos a algo que pretendía asemellarse a un cóctel. Escritores famosos, semifamosos e perfectos descoñecidos, ademais de escritores aspirantes a famosos, a semifamosos ou a perfectos descoñecidos, parentes, amigos e demais familia, déronse cita para estar presentes na posterior cea e na conseguinte entrega de premios.
Sen ánimo de exhaustividade e citados ao chou para non ferir suceptibilidades, estiveron Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Teresa Moure, Francisco Fernández Naval, Marcos Valcárcel, Inma López Silva, Ana Romaní, Rubén Ruibal, Marica Campo, Olalla Cociña, Arturo Casas, Marcos S. Calveiro, Pilar García Negro, Millán Picouto, Rosa Aneiros, Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Borrazás, Manuel Bragado, María Xosé Queizán, Francisco Castro, Avelino Pousa Antelo, Tati Mancebo ou Modesto Fraga, entre moitos outros que tamén se poderían citar (agás os escritores descoñecidos ou aspirantes a descoñecidos por motivos obvios). Así mesmo, tamén se contou coa presenza de representantes políticos como Ana Pontón.
A ementa da cea foi congruente cos tempos de crise económica: sobria e escasa. O público asistente, nin moito nin pouco, estivo tamén sobrio e contido, amosando un signo preocupante: o que noutrora houbese desatado unha devastadora jacquerie, apenas suscitou protestas. Efectivamente, a ausencia dos licores anunciados co café non deu pé a unha acción colectiva revolucionaria que asaltase as despensas do hotel. Que tampouco se coreasen ao unísono clásicos populares como “A rianxeira” pode considerarse un efecto colateral de tan clamorosa carencia. O semiólogo Arturo Casas, nominado polo seu extraordinario blog Lándoas, podería vincular tales circunstancias coa chegada ao poder do Partido Popular e coa derrota das forzas bipartitas.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, que cada día que pasa se parece máis a un pintor impresionista francés do século XIX, oficiou de eficaz mestre de cirimonias. Varios dos galardoados non estiveron presentes, recollendo os premios outros comisionados. Das intervencións dos premiados paga a pena destacar a serenidade de Ana Romaní, a contaxiosa alegría de Inma López Silva ou as palabras de Marcos Valcárcel reivindicando a tradición cultural galeguista ourensá. Foi, naturalmente, o máis aplaudido da noite. A gran escritora mexicana Elena Poniatowka, unha “chaparra” descendente ao parecer dos reis de Polonia, foi nomeada Escritora Galega Universal e fixo unha emotiva intervención. A AELG agasallou aos presentes cun libro de relatos seus, traducidos ao galego para a ocasión por dez escritores.
Ao remate houbo unha certa desfeita e algunha xente foise sen despedir. Non houbo baile. Mesmo Xosé Manuel Pereiro se deitou cedo, segundo anunciaba minutos antes no Facebook. Algo está a mudar en Galicia: el será que os tempos non son chegados?