27 jun 2006


Milladoiro (e Castelao) en Trasalba
(Andoliña martes 27 xuño)
Estivo brillante o profesor Xesús Alonso Montero o domingo pasado en Trasalba, coa súa evocación das cartas entre Castelao e Otero: sublime, moi especialmente, a imaxe que nos ofreceu de don Ramón e da súa nai dona Eladia camiñando co sacho cara ó lugar máis querido da súa horta a coller un saquiño de terra para mandar a Bos Aires e enterrala no sartego de Castelao. Magnífica igualmente a "laudatio" que fixo Manuel Bragado da ampla historia de Milladoiro, premio Trasalba 2006: moi ben documentada, certeira na recolleita de datos, profunda en subliñar o significado do grupo na nosa cultura onte (dende 1978) e de hoxe (e de mañá). Moi ben tamén Víctor Freixanes, mestre de cerimonias (nalgún momento semellaba un clon do finado Sixto Seco), e Anxo Quintana, dende o plano institucional, que demostrou sen complexos que lle gusta a música de Milladoiro.
En nome do grupo homenaxeado, que ten paseado o nome de Galiza por todo o mundo, Antón Seoane preparou unha intervención reivindicativa, densa e reflexiva, como diagnóstico (algo lle axudou a súa profesión de psiquiatra) dun país doente de hipersomnia e desmemoria. Esperanza e galeguidade: as voces de Trasalba no 2006.
(Hoxe vai a foto enteira de Blanco Amor, realizada en Compostela en 1958, con Luis Meneses, o neno violinista, no medio)