23 mar. 2010

Fotos:La Región de Onte

Neomadamitas e cháchara vacua
Afonso Vázquez-Monxardín
"La Región":23-03-2010

Insisto. As madamitas tradicionais eran dúas: unha vestida de soldado napoleónico –coas súas cinchas e correaxes e gorro alto- e a outra unha damisela de vaporosos vestidos con canesú. Insisto: a festa ten a súa orixe na queima ritual do poder francés e vén ligada á fin da chamada “guerra da independencia” na historiografía española e “guerra dos franceses” na tradición galega. A cousa é clara: a eliminación simbólica daquel poder progresista e laico, co que non se identificaban as masas do antigo réxime nin moitos dos liberais locais, facíase facendo toupar unha representación ideal do soldado e da madamme. De aí a palabra “madamita” pasou á lingua corrente de Ourense como insulto despectivo para homes. “Cala ti, madamita do carallo”, ben podía ser o comezo dunha pelexa na que o alcumado tentaría demostrar a súa homía.
Pois ben, tal foi así durante, se cadra, cento setenta e cinco anos. Os que andamos polo medio século –e de aí para riba todos- lembramos cando a festa do San Lázaro era o eco da personalidade rural de Ourense na que os veciños das aldeas próximas baixaban en traxe de domingo a escoitar a misa, comprar as rosquillas, ver a queima das madamitas e, se cadra, comer o pulpo. Pero desde hai un tempo, perdido o fío do étnico popular, uns usurpadores en figuriñas de bailaríns, acróbatas, ciclistas, andaluzas, galegas e outros adefesios varios, substituíron ás vellas figuras de home e muller afrancesados.
Pois ben, desde o poder político local podemos botar a lingua a pacer todo o que queiramos sobre a defensa das festas populares, da tradición galega, etcétera, porque, como ben sabemos, baduar é gratís. Pero se cando temos o boi collido polos cornos, agarrado o machiño e quen manda somos nós, se non cambiamos as inercias despersonalizadoras, todo o que digamos é bla-bla-blá. As madamitas non poden ser un espectáculo pirotécnico máis. Hai unha lectura histórica e tradicional que o Concello, ano tras ano, está esquecendo só preocupado, polo que parece, porque o estourido sexa insoportable. Pódense modificar (facelas máis grandes, poñer varias madamas ao redor do soldado, ou o que se vexa), pero sempre sen perder de vista a orixe e lectura que debían promover para non parecer un vulgar remedo minúsculo das fallas. Mal, señora concelleira.
Do mesmo xeito, este Concello sacou unhas libretiñas con tampas históricas de sumidoiros e un pin que reproduce unha de 1937, é o mesmo que desde hai case vinte anos deixou de usar nelas o escudo local e a data para poñer outras estándar, impersonais e francesas (Pont a Mouson) ou catalanas (Fundició ductil Benito), algo que, a pesar da globalización, non se fai noutras moitas cidades. En fin moita cháchara “for export” de “defensa da personalidade histórica” e menos interese en seguir coa modesta historia local, moble ou festiva, de verdade.

21 mar. 2010


Un decreto que se contralexisla
Xabier P. DoCampo
Xornal de Galicia, 21/03/2010
Imos ver. Os nosos gobernantes e os que os apoian espernexan cando algúns os alcumamos inimigos do galego ou glotocidas que lexislan para acadar a súa desaparición, cando menos, nalgúns ambientes sociais. E farían ben en se ofenderen se isto non fose algo que se pode demostrar sen dificultade. E a iso vou dedicar este espazo. Calquera o poderá entender, e se non é certo o que digo, desafío o señor conselleiro de Educación ou o señor presidente a que demostren o contrario.
Vexamos. Acaba de se facer público o chamado “Decreto para o plurilingüismo”, e no Capítulo III, dise:
“Artigo 4.- Principios. Os principios a partir dos que se elabora este decreto son os seguintes: 1. Garantía da adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia”.
Para iso é para o que se fai o decreto e para o que se establece unha distribución das materias por linguas vehiculares, galego unhas, castelán outras. Pero no mesmo capítulo e no seu artigo 12, inclúen este punto:
“3. En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior (Lingua castelá e Lingua galega) e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.”
O que fai totalmente inútil o uso dunha lingua como vehicular na materia para o fin que se di perseguir, que era o de conseguir que os alumnos e alumnas teñan en galego unha competencia lingüística semellante á do castelán. Haberá unhas materias que se explicarán en galego, pero o alumnado non terá que facer uso oral nin escrito, se non quere, desa lingua (“procurarase” ten ben pouco valor normativo), e mesmo poderá ter os seus libros de texto en castelán. Por tanto, nada fará, nin falar nin ler nin escribir, para chegar a esa competencia. A non ser que a adquira por ciencia infusa. Vemos pois como o mesmo decreto lexisla en contra do que di, porque, se por un lado se poñen medidas para acadar esa competencia, por outro establece os mecanismos persoais para que se poidan incumprir legalmente esas medidas. Ao final o único que practicará o idioma no que se dá a materia será o profesorado, que se supón que xa non lle fai falla.
Sabemos ben que en realidade este decreto está feito para que os fillos e as fillas de certas familias galegófobas, os negacionistas aos que os nosos gobernantes entregaron a súa alma, non teñan nunca contacto coa lingua galega máis aló dun cativo coñecemento da súa gramática e da historia da súa literatura. Os que nos gobernan están presos dun neocentralismo que aborrece calquera diferenza e quere impoñer a uniformidade no Estado español.
Por iso eu afirmo que o señor conselleiro de Educación e, principalmente, o señor presidente da Xunta son dous declarados inimigos da lingua propia de Galicia. Isto non é máis que unha actuación inmoral de engano, de mentira, de proceder falsario. Saben que hai trampa, vémola todos, eles tamén. Saben que non ten sentido facer un decreto para meter dentro a posibilidade de incumprilo. Saben que os tribunais deixaron ben clara a improcedencia de reclamar para os alumnos a liberdade de usar nas aulas de forma oral e escrita a lingua da súa preferencia.
Coñecen perfectamente a sentenza 1084/2007 do TSXG e saben que o seu decreto será recorrido perante os tribunais, pero o seu cinismo chega a tal punto que non lles importa, só queren gañar tempo en facer dano ao galego, que eles identifican como o seu inimigo. Cando teñan que retirar ese apartado unha boa parte do dano estará feito.
Pódese advertir con claridade a malevolencia, no seu sentido etimolóxico –para seguir a moda de advertir en que sentido se usa cada palabra–, desta artimaña pensada co único obxecto de ir corroendo o futuro da nosa lingua. Como deixou escrito alguén, hai uns días, nun foro dos negacionistas, de facer do decreto o principio do final da normalización lingüística.

18 mar. 2010


Luisa Castro pon de relevo a "urxente" necesidade de acadar un "pacto" estable sobre a cuestión da lingua no ensino, non "manipulable política ou electoralmente"


MONTSE DOPICO . SANTIAGO(Galicia Hoxe:18-03-2010)


É "urxente", para a cuestión da lingua no ensino, acadar un "pacto" estable, non dependente do goberno de quenda nin manipulable "política e electoralmente". O galego non se estaba a impoñer, senón que levaba anos camiñando cara á "deriva", polo que é necesario protexelo co "apoio institucional máximo". Pero en Galicia hai "xente que ten como lingua materna o galego e xente que ten o castelán", e a "liberdade de escoller" debe ser respetada. Así o cre a escritora Luisa Castro, que reflexiona sobre a lingua e moitos outros temas no seu libro Melancolía de Sofá, que acaba de editar Xerais.

"Se as persoas que teñen como lingua materna o galego rexeitan o seu idioma, non o transmiten, non o defenden, están a privar os seus fillos da posibilidade de medrar nese sentido, de aproveitar ese valor que é ser bilingües. As institucións teñen que velar polos dereitos colectivos, para que o galego sexa valorado...", engadiu.

Melancolía de Sofá recolle unha escolma de artigos publicados na prensa pola autora entre o 2000 e o 2006. Textos agromados do "subxectivo, que é o que temos", das "impresións do día a día". Froito "do momento", do vivido, do sentir ante "o que ves na rúa, o que pasa...", explicou a escritora.

"Non son artigos de opinión, de crítica da actualidade. Atopo moi arriscado, e mesmo ás veces pode ser arrogante, opinar segundo o que ves nos medios de comunicación. E eu non quero impoñerlle ao lector unha interpretación, senón facer artigos abertos.... Se teño algunha certeza é a da dúbida...", salientou.

A memoria da familia mariñeira á que pertence deixa a súa pegada en boa parte dos artigos. "Apóiome nas cousas que me dan a vida, no que me conforma", comenta. "Trato o mundo do mar con sentido do humor, pero tamén con crítica... Ademais, mentres escribía estes artigos estaba traballando nas novelas Viajes con mi padre e La segunda mujer", apuntou.

Así, fálalles aos lectores a Luisa escritora, nai, muller, responsable dunha familia monoparental, membro dunha xeración que superou os 30 anos sen acadar a estabilidade laboral, viaxeira, impactada pola falta de solidariedade e de tolerancia, pola violencia e o sufrimento humano, ás veces soa, descolocada... "Hai moitos artigos que reflicten o mundo literario, si, porque é a miña profesión. Os egos, a vaidade, afloran nisto máis que en ningún outro lugar, e sobre todo no colectivo dos poetas. Son debilidades humanas que temos todos. Nisto fago tamén autocrítica", aclarou.

Ademais, os textos foron escritos "nun momento no que volvín despois de vivir en Barcelona, e tiven que volver adaptarme a Santiago". O título do libro alude "á necesidade de sosego, de calma, de tranquilidade, nunha época na que todo corre rápido... Tirarse no sofá e ler, meditar, soñar... Falar do desalento que nos atrapa no día a día prodúceme un gran desafogo. E tamén é un xeito de fuxir da soidade na que se escribe, na máis estricta intimidade, no teu cuarto... Os artigos foron unha experiencia moi boa cos lectores, cos que tiven unha gran comunicación...", subliñou.

No medio das súas reflexións, a autora pon de relevo o que a inquieta. Como a falta de correspondencia entre "a produción artística feminina" e a súa presenza nos medios ou o seu recoñecemento a nivel de premios polas institucións, ou a "explotación laboral" que se tornou "legal", ou "o terrorismo", ou a "intransixencia relixiosa" ou "nacionalista", as "construccións ideolóxicas" que acaban sendo alicerce do "dominio" ou da explotación, en lugar de achegar algo á vida real...

"Estamos un pouco perdidos todos, mulleres e homes. Cambiou o mundo do traballo, das relacións de 20 ou 30 anos a esta parte. Para as mulleres que triunfan no seu é difícil compatibilizalo cunha vida en parella...", pensa.



Rematou dias atrás en Ourense a III Edición do Festival "Pórtico do Paraíso".
Gozamos da boa Música: Parabéns
Por elo deixamos unha pequena mostra:

16 mar. 2010



Maldita TDT
Afonso Vázquez-Monxardín

La Región:16-03-2010
Afonso Vázquez-Monxardín
Aquela velliña tiña os ollos poboados de historias familiares pero agora botaba horas na compaña de mociñas berronas e descaradas como a Belén Esteban. Non entendía ben os seus líos pero íaselle o tempo con aquelas bonecas da televisión. E nestas chegou a TDT.
A filla regaloulle un televisor de 32 pulgadas, plano, para que non andase con dous mandos. A ela abaneóuselle o mundo. O aparello vello, de case vinte anos, non se vía ben nas esquinas e tiña a pantalla algo verdosa. Non lle importaba. Era dela, como a cociña. O seu home, afeccionado a esas cousas, colocara os canais: a 1ª no botón un, a 2ª no dous, a 3 no tres... A filla e o neto fixéronlle ver que podía ver case cincuenta canais e un botón coa información das programacións... O neno, unha xoia, deulle vinte instrucións en cinco minutos. O neto miraba para o mando e a tele alternativamente. Ela sorría e miraba para o neto. Que listo era. Ao acabar, déronlle un agarimoso bico e marcharon felices. A mamá xa tiña tele nova.
Así que os despediu, ollou de pé coas mans entrelazadas a inmensa pantalla e suspirou antes de ir preparar a comida. Pero así que tiña peladas as patacas deuse conta que coa visita pasáralle a hora da telenovela venezolana. Correu á salita, colleu o mando -resultoulle estraño- e mirou o televisor. Ah claro! O novo! E como funcionaba? Deulle ao botón de arriba da dereita e nada. Deulle a outros. Nada. Contrariada, volveu á cociña. “Menos mal que o Pepe está a chegar e xa mo explica”. Sempre lle gustaran os aparellos. Puxo a mesa e sentouse a esperar. As xudías cos ovos cocidos xa pelados agardaban sen escorrer para que estiven quentes cando chegase.
Esperou. As dúas. As dúas e media. As tres. As catro. Nerviosa colleu o teléfono e marcou o número que lle tiñan apuntado. Coa voz rota, díxolles que estaba moi preocupada, que seu home non daba chegado e nunca tal fixera. En tres minutos soou o interfono e abriulles. Viu unha axente loira de coleta por trás da gorra e tatexou que non chegara o home e que sempre vían a telenovela xuntos. E rompeu a chorar. Non entendía que pasaba. A moza policía colleulle a man e, lembrando á súa avoa, sorriulle. Preguntoulle se tiña fillos. ¡Claro que tiña! Deulle solícita o teléfono da filla. Ola, bos días, é fulanita de tal? Si, son eu, quen é?, que pasa? Son a axente tal da policía. Estamos na casa da súa mamá que nos acaba de chamar. Está moi impaciente porque o seu marido non chegou aínda a casa, sabe? Ai mamá. Vou de inmediato que vivo ao lado. Non se apure, pero sabe algo de seu pai? Tiña algún motivo para ausentarse?
A filla musitou entre dentes: leva cinco anos morto. Logo houbo moitas máis lágrimas. A velliña, desesperada, non daba entendido como lle ocultaran a morte do seu Pepe eses cinco anos e como ela non se dera conta. Maldita TDT, escapóuselle á filla. Maldita, repetiu a axente mentres marchaba a outro servizo.

15 mar. 2010

Campo de Granada
Galego, un consenso feito cachizas
Manuel Bragado
Faro de Vigo, 15.03.2010

Alberto Núñez Feijóo preferiu o pasado sábado participar nunha feira de exaltación do viño ca facelo na presentación dun avance do decreto chamado de plurilingüismo. Escolleu ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística para que presentasen aos xornalistas unha nota de prensa dun folio na que se recollen as liñas xerais dun documento que, como eles anunciaron, se coñecerá na súa totalidade nos vindeiros días cando sexa enviado a ditame da Mesa Sectorial, do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo. Razóns políticas –vencelladas aos desequilibrios internos existentes dentro do seu partido, tanto polo evidente fracaso da política do goberno sobre as caixas como pola carreira ás principais alcaldías– deberon aconsellar ao presidente pechar canto antes a redacción do decreto e, ao mesmo tempo, non participar nun acto que supón o abandono efectivo por parte do Partido Popular das políticas de acción positiva sobre o emprego da lingua propia de Galicia desenvolvidas durante tres décadas nos eidos educativo e social.Sexa como for a redacción definitiva do articulado, que non vai ser nin moito menos irrelevante para o futuro da nosa lingua e para o desenvolvemento da nosa civilidade e calidade da educación, algunhas conclusións podemos tirar dos importantes anuncios realizados por Vázquez e Lorenzo. A primeira, a ruptura do Partido Popular cos consensos políticos e sociais forxados ao longo do período autonómico arredor da posición dos idiomas oficiais e da convivencia lingüística en Galicia, recollidos na "Lei de Normalización Lingüística", na "Carta Europea das Linguas" e no "Plan Xeral de Normalización Lingüística" de 2004. Co anunciado por Vázquez e Lorenzo esfarélanse as dúas chaves deste consenso: a da cooficialidade do galego e do castelán, procurando a súa igualdade real e a competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía; a do impulso de políticas de promoción do galego, para compensar a súa situación de partida claramente en desavantaxe co castelán. Ruptura do consenso que ademais de facer caso omiso dos ditames do Consello da Cultura Galega e da Academia Galega sitúa ao Partido Popular en solitario, apoiado só polos sectores negacionistas, moi minoritarios, que pretenden a ferro e fariña non ter contacto ningún coa lingua galega.A segunda, as medidas anunciadas, a pesar de insistir no seu carácter equilibrador, reducen significativamente en todos os niveis educativos, o uso do galego no desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, especialmente nas de comprensión e expresión escrita, profundizando, ademais, nos prexuízos sociais arredor da súa utilidade para eidos do coñecemento científico ou técnico. Moi significativas son as medidas propostas para o segundo ciclo da Educación Infantil (do primeiro, nada sabemos), que volven sobre un modelo semellante ao empregado no decreto de 1995 (o profesorado utilizará na aula a lingua que determinen as familias en votación anual) que os profesionais da educación sabemos supuxo a práctica desaparición do galego na maioría dos centros. A pesar de que no avance do decreto se prevé de forma xenérica "que o profesorado desta etapa procurará que os nenas e as nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia", sabemos que isto só será efectivo nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Resulta moi extraño que nun documento elaborado pola Consellaría de Educación non se proporcionen algunhas recomendacións máis concretas ao profesorado para que os nenos de contornos castelánfalantes poidan iniciarse no proceso educativo cun primeiro contacto co idioma galego. Esta tardía incorporación do emprego educativo das dúas linguas; o complexo sistema de determinación dos itinerarios lingüísticos do alumnado, no que os pais terán en último termo dereito de veto; como, e sobre todo, esoutra demagóxica apelación á "liberdade de expresión dos alumnos" para utilizar "a lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente ", que supón un cínico ataque ao traballo e á autoridade do profesorado na aula, son medidas todas que agoiran o fracaso educativo sen paliativos do modelo proposto que impedirá que todo o alumnado ao remate do ensino secundario posúa idéntica competencia no uso oral e escrito das dúas linguas oficiais.Alberto Núñez Feijóo e o seu partido coa presentación deste decreto estragaron as posibilidades de recompoñer o consenso arredor da convivencia lingüística que ofreceron as máis diversas institucións e sectores da sociedade galega ao longo dos últimos meses. Quizais non preveron os conservadores galegos que seguindo eses engaiolantes cantos de serea negacionistas poidan estar comezando a súa deriva.bretemas@gmail.com

13 mar. 2010

COMUNICADO DO COLECTIVO
GALEGO PATRIMONIO DA HUMANIDADE
EN RELACIÓN AO
ANTEPROXECTO DE DECRETO PARA O PLURILINGÜISMO
NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA


O colectivo Galego Patrimonio da Humanidade fai público a súa oposición ao “Anteproxecto de Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, que o goberno galego acaba de presentar. Pendentes dunha análise máis demorada do texto, este desacordo fundaméntase nas consideracións que a seguir se resumen:

1.- O dito anteproxecto vén dar forma definitiva ás “Bases” difundidas a finais de decembro pasado, que suscitaron un amplo rexeitamento social, político e institucional (nomeadamente a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega), e de xeito especialmente significativo nos distintos sectores da comunidade educativa. O Partido Popular e o goberno desoíron tanto o clamor social coma as opinións dos especialistas e as institucións contra unhas Bases máis pensadas para resolver as obsesións de determinados dirixentes e as querelas internas do PP e dar satisfacción aos sectores contrarios ao idioma galego (minoritarios pero poderosos), que non orientadas a regular racionalmente, e de acordo coa legalidade, o uso das linguas na educación.

2.- Unha vez máis, este Anteproxecto está elaborado a partir de premisas falaces e coa mira posta en obxectivos alleos (cando non contrapostos) aos que veñen inspirando o conxunto da lexislación sobre esta materia. Tanto as normas legais como a política lingüística en Galicia descansaron ata agora na constatación de que o idioma galego fora historicamente sometido a un maltrato que o conducira a unha posición moi vulnerable, de maneira que os poderes públicos estaban obrigados a superar esa situación, mediante políticas de defensa e promoción da lingua. Pola contra, para Alberto Núñez Feijoo, o seu goberno e o partido que o sustenta, o problema non é ese, senón unha suposta imposición do galego, e a partir desa falsidade e dunhas promesas electorais frívolas e irresponsables, o que se deseñan son políticas orientadas en senso contrario ao que as nosas leis, a tradición da autonomía e o puro senso común aconsellan.
O que Galicia precisa non son medidas cautelares contra unha fantaseada imposición do galego, materializadas en previsións insólitas e carentes de lóxica (como a consulta cada catro anos ás familias), senón o que prevé a nosa lexislación: un marco lingüístico-educativo e unhas políticas lingüísticas orientadas a alcanzar igualdade entre os dous idiomas oficiais e ao fomento do idioma galego. Con este Anteproxecto, o goberno da Xunta e o Partido Popular volven colocarse en solitario fronte á maioría das forzas políticas, sociais e sindicais, das institucións máis relevantes e dos colectivos e asociacións profesionais máis representativas. Galego Patrimonio da Humanidade chama a cidadanía, os sindicatos, o colectivos cívicos e os partidos políticos a dar unha resposta unitaria a este Anteproxecto e as medidas de desprotección do idioma impulsadas pola Xunta de Galicia, na procura da recuperación do amplo consenso sobre a política lingüística que o Partido Popular veu rachar, e que coidamos imperativo recuperar.
Compostela, 13 de marzo, 2010
El rigor leve
Manuel Ángel Candelas Colodrón
Faro de Vigo, 13.03.2010

No sé si sus libros formarán parte del canon de la literatura española de la segunda mitad del siglo XX, si se tiene en cuenta el implacable juicio del tiempo en las obras de los autores que ahora son tan reconocidos. Pero creo justo reconocer que varias generaciones, aquellas que leyeron El camino como libro recomendado en el bachillerato, le guardan aprecio y le deben afición y placer por la literatura. Cinco horas con Mario le sigue en estimación entre sus novelas, aumentada por la naturaleza innovadora del terrible monólogo de Menchu ante el cadáver de su marido y por las referencias a la superación de los dos bandos irreconciliables de la guerra civil y al clima represivo y asfixiante de la España de postguerra. Otras obras, del amplio elenco de novelas que compuso a lo largo de casi 50 años, pueden permanecer en la memoria de muchos lectores, a veces ayudados por las imágenes cinematográficas que trasladaron su prosa: el tremendo relato de Las ratas, la inolvidable dureza de Los santos inocentes, la más intimista Mi idolatrado hijo Sisí o la casi circunstancial El disputado voto del señor Cayo, que en plena transición ofreció los atisbos del desencanto político. Memorable resulta para sus lectores Señora de rojo, sobre fondo gris, por la carga emotiva que posee saber o intuir que el dolor por la muerte de su mujer Ángeles, a quien siempre el autor vallisoletano profesó un amor profundísimo, está detrás de este desgarrón afectivo. El hereje, escrito en 1998, en la antesala de la enfermedad que le postró durante los últimos años de su vida, demostró que su magisterio no sólo se mantenía incólume sino que fue capaz de escribir la que a mi juicio constituye su más brillante novela. Concebida como una novela histórica, en el marco de las guerras religiosas europeas de mediados del siglo XVI, con los movimientos reformistas espirituales de esa época de fuego y sangre (luteranos, erasmistas, iluminados), Delibes construyó un personaje fascinante, Cipriano Salcedo, un derrotado de la intolerancia y del fundamentalismo religioso en el Valladolid comercial del Renacimiento. Como último legado literario es difícil concebir más extraordinaria muestra. Si la literatura de Delibes trata de ocupar un lugar en el Parnaso, con un dominio muy notable de la lengua, reconocible por la propiedad léxica y su vocabulario riquísimo, una rara unanimidad, sin embargo, suscita su figura. Resulta extraña una admiración tan compartida en un país de tantas enconadas diferencias. Es muy probable que la ubicación de Delibes en una especie de intersección de todas las ideologías, dentro de un humanismo amable, case franciscano, sobrio y estoicista, modesto y humilde, compasivo en suma, pueda favorecer tal coincidencia de pareceres. Su constante defensa de la armónica relación del hombre con la naturaleza (incluso con su apología de la caza) o de la íntima comunión de ética y estética aumenta su forjada imagen de independencia y rigor personal. La ausencia voluntaria del agitado mundillo literario añade una nota de severidad moral, a ese carácter, lo que contribuye a la mayor estima de sus conciudadanos. Las imágenes de las miles de personas que acompañan su muerte en su Valladolid, ofreciéndole sus respetos, ejemplifican ese carisma inhabitual en otros escritores. Séale la tierra de Castilla, de su Castilla, como él a ella le fue: leve.

11 mar. 2010

DE LETRAS E DE SIGNOS
Ler sen pensar
ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 10.03.2010

Non hai que abondar máis no asunto do desván. Un asunto, este da palabra desván aplicada ao topónimo galego de Sobrado, que por outra parte, tamén é un dos significados que dá o dicionario da RAE para a palabra "sobrado" en castelán. Doutra banda, non sei se Sobrado dos Monxes terá menos que ver cun desván, rocho ou faiado que cun sobral ou sobreiral, é dicir, cun lugar poboado de sobreiras, suberarias latinas (alcornoques casteláns), aproveitado pola súa situación e idoneidade de lugar montesío e solitario para mellor retiro e oración dos antigos eremitas ou ermitáns, despois cenobitas, dados ao aillamento e á oración mentres lles medraban as barbas e daban pinchacarneiros como don Quixote en Serra Morena polos ermos e as penedías. Teoría esta que podería levarnos a ter un topónimo ben chusco, como Alcornocal de los Anacoretas, que ao conselleiro Varela tanto lle daría, xa posto a ler calquera cousa que os seus colaboradores lle poñan diante dos anteollos para saír do paso político e entrar no momento máis interesante dos pinchos con garrafas de vinito español, que tamén levan rolla sobreira no tapón e para iso se sacrifican pola patria.
Sobre o que quizais conveña reflexionar algo é sobre a escandalosa e alarmante incapacidade e/ou incompetencia que amosan a maioría dos políticos post-posmodernos respecto da oratoria parlamentar. Unha incompetencia que os obriga a delegar sistematicamente o seu repertorio ou discurso argumentario no papel pautado que lle escriben, máis ou menos na sombra, máis ou menos coñecidos pola vox populi, os funcionarios da escala técnico-administrativa ou os seus propios colaboradores políticos subordinados nomeados polo criterio de "posto de confianza". Isto, ao parecer do cronista, si que merecería unha pluma ben afiada e intelixente que nos explicase qué é o que pasa pola cabeza dunha persoa responsábel dunha parcela de goberno dun país que le o que lle poñen diante sen se ter preocupado con antelación de lle botar unha ollada e dar o seu visto bo ao escrito sen engadir de propia colleita nada que puidese, non xa enriquecer, pero si deixar unha impronta persoal pola que o personaxe se faga conscientemente responsábel do que emite pola boca.
Neste sentido, é desalentador e desmoralizador ver que os políticos levan frivolamente ao estrado todo precociñado, tanto de se tratar de asuntos técnicos que, efectivamente, é mellor deixalos ben dispostos e ordenados por escrito no papel para que os especialistas dispoñan dun texto base sobre o que debater coa seguridade de non deturpar as palabras que se pronunciaron ao efecto, como doutros asuntos de índole máis subxectiva que, pola contra, requiren un tratamento dialéctico no que aos aspectos técnicos débense sumar compoñentes de convencemento íntimo, ideas interiorizadas sinceras e firmes acerca do que se está a defender a fin de mellor, non só impoñerse aos argumentos do adversario político, senón, sobre todo, convencer cordialmente ao público que espera axuda dunha instancia moral e ética supostamente superior e exemplarizante nun tema por acaso espiñento ou magmático de difícil solución privada. Ver que a defensa das conviccións íntimas que deben estar detrás desta clase de asuntos se delega nun escrito impersoal e anónimo, non pode ser máis que indignante polo que supón de frío trámite e, sobre todo, de frívola estafa moral.

6 mar. 2010



Nenos e novas tecnoloxías

Afonso Vázquez-Monxardín

La Región:06-03-2010

Aver se me explico ben, que a cousa ten moitas reviravoltas e todos andamos nela. Por primeira vez na historia da humanidade hai hoxe unha preadolescencia e adolescencia que sabe da tecnoloxía de vangarda moito máis que os seus pais e que a maioría dos profesores. Antes un pai ensináballe a enxertar a un fillo, un xastre a cortar ao seu aprendiz, ou un obreiro da construción a facer masa ao axudante. E así, os que non querían estudar, a pesar da rebeldía propia da adolescencia, eran conscientes da xerarquía de coñecementos e desexaban ter canto antes un oco laboral no que empezar a aprender cousas que lle habían ser, pensaban, máis útiles e rendibles na vida que o que se lles pegaba dun contexto escolar que non os seducía. Integrábanse na sociedade polo traballo. A outra vía. ¡Ah! Pero isto era antes. Agora, a explosión da microtecnoloxía comunicativa e de ocio nun momento de bonanza económica, fixo chegar ás familias un universo de aparellos –sobre todo telefonía, cámaras, ordenadores, MP3, Ipod, Game Boy, Play Station, Wii, DVDs- cos que, sen dúbida, están máis familiarizados os máis novos da casa.
Os que aprenderon de nenos esa linguaxe bot
ón que tanta gracia nos facía ao principio (Mira que riquiña, anda co chupete e xa sabe pór películas no video) agora colleron o mando non só do televisor senón, a pouco que os deixemos, da casa toda. ¿E como foi a cousa? Unha conxunción de moitos elementos. Por unha banda o lixo televisivo situou ao espectador de chupete –tipo Maggie Simpson- ante a realidade de que unha vez dominada a palabra aínda que sexa a niveis primitivos, todo o emitido por calquera boca ten validez semellante e relativa apoiada na desfachatez e na xesticulación como elementos argumentativos básicos. Xa pode un Nobel dicir que a Lúa é un satélite da Terra, que un tertuliano guaperas e simpático lle pode contestar tan pancho: “Eso te parece a ti, viejo, pero yo sé que es un queso”, todos rin e a continuación, votación democrática: os que crean que é un satélite que chamen ao número X e os do queixo a Z. Gañá o queixo, claro.
Por tamén, ese xa natural dominio da linguaxe bot
ón que aprenderon sós, con proba-erro, fai que nos elementos menos espabilados deles, se cuestione a posibilidade de aprender algo de quen non fale con soltura esa linguaxe. Simplemente, ¿que podo aprender eu deste burro (pai, profesor...) que nin sabe baixar música do Emule ou co Aris? ¿Ou desta ignorante (avoa, nai, profesora) que nin sabe mandar mensaxes polo móbil? E crearon un mundo blindado -aquí o Tuenti- no que se “ciberrelacionan” para ben e para mal. Para ben por varias cousas e para mal por moitísimas que sabemos ou tememos. E aquí, digo, é obriga dos pais saber con quen andan seus fillos –na rúa e no ciberespazo- e é necesidade dos pais actualizárense tecnoloxicamente para poder exercer de pais tamén nese novos mundos. Evidentemente no ensino existe preocupación e todos tratamos de impedir que se fagan gravacións indebidas nos colexios e fomentamos a boa realación entre os estudantes. Pero se ligan, rifan, ou se insultan ás dúas, tres ou catro da mañá desde os seus dormitorios interconectados no ciberespazo, xa lles é cousa bastante fóra do noso control. Pero non debía ser do seu, señor pai, señora nai. Non debía ser.

5 mar. 2010

Nanina Santos
“Ao denunciar a violencia de xénero, ameazábanche: os trapos sucios lávanse na casa”
En 1976 cofundou a Asociación Galega da Muller (AGM), e no 1982, a revista de pensamento feminista Andaina, que dirixe
Galicia Hoxe, 05.03.2010 MARGA TOJO

"Parece que o que temos hoxe o tivemos sempre, e iso non é así". Son palabras da feminista Nanina Santos (Ourense, 1951) en conversa con este xornal. Pero, temos tanto? Santos é taxante: "En relación co que tivemos sen dúbida, en relación co que queremos ter non. Vimos de moi lonxe, non hai que esquecer as leis que ordenaban as vidas das mulleres en 1965. A distancia é abismal. Antes non podiamos abrir unha conta, nin traballar, nin cobrar o noso salario sen lle pedir permiso a pais ou a maridos, non existía o dereito de divorcio, nin dereitos en materia reprodutiva, un tema polo que podías ir á cadea, e os anticonceptivos estaban prohibidos... Iso está aí á volta da esquina e foron tempos moi duros. Todo o que predicou a falanxe, todas as leis que nos desprotexían, as cousas que se dicían, aquilo ‘das leis son como as mulleres, ensánchanse canto máis se usan’ que pronunciaba un ministro cando a lei de asociacións".
Na Transición, o asociacionismo feminista cobrou un renovado impulso. En 1976 creouse a Asociación Galega da Muller (AGM), e no 1982, vinculada a esta agrupación, a revista de pensamento feminista Andaina. Cofundadora da AGM e directora da edición galega ("feita para dar que pensar", así a describe), Santos, activista da que se deu en chamar segunda vaga, dos 60, 70 e 80, é un dos referentes fundamentais na loita polos dereitos das galegas. Ela prefire falar dunha batalla conxunta, dos nomes descoñecidos, das accións anónimas que lograron o cambio. "Este evidénciase, entre outras cuestións, no tratamento da violecia de xénero. Cando comezamos a denunciar que na vida familiar existía a violencia contra as mulleres, caéronnos uns comentarios que hoxe asustarían. Entre outras cousas, ameazaban con que estabamos a atentar contra a intimidade familiar, e que as cousas da casa se lavan na casa. Hoxe ninguén diría algo así, nin sequera nun caso de menor intensidade".
Tamén os homes cambiaron: "Hai quince anos era rarísimo velos comprando no supermercado, ou co carriño do bebé e hoxe vense moitísimos pais coidando dos fillos. Se non vemos os cambios, trabucámonos na lectura da historia".
Pero non todo é positivo: "As mentalidades son moi resistentes, sobre todo cando hai prevendas polo medio que benefician a unha das partes; refírome ás diferenzas salariais e aos teitos para as mulleres. É escandaloso que as direccións, os tribunais, os consellos de administración, siguan a ser homes, cando a maioría dos universitarios son mulleres".

3 mar. 2010

Rosa tabernaria

ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 03.03.2010

Un cronista serio e competente non debería abundar sobre as parvadas emitidas, antes ou despois, e ás veces de xeito continuado, polos políticos, mesmo polos máis ecuánimes ou que nos parecen máis respectábeis. Parvadas como a que enunciou a experta en explotación oportunista de estereotipos imagolóxicos, Rosa Díez, para CNN+ ao comparar Zapatero cun "gallego, en el sentido más peyorativo del término". Pero como un servidor non entra nesas clasificacións de cronistas responsábeis vai dicir o que lle peta. En certo modo, debería preocuparnos, non só aos galegos senón a todo aquel que se precie da súa condición de persoa con criterio, o feito de que alguén que pretende dirixir o goberno do Estado se comporte monoloxicamente nas súas declaracións públicas como un berrador tabernario, no sentido máis pexorativo do termo, empregando clixés e estereotipos que só se comprenden na dialéctica da indixencia cultural característica en que se moven os discutidores vociferantes dos luns futboleiros.
É de coñecemento case común que o estereotipo equival a unha fórmula lingüística ou ideolóxica de carácter arbitrario que funciona como unha expresión banal e escasamente significativa pero que, debido ao uso frecuente, se converteu nun discurso tópico e pouco evocador e se identifica como marca dun individuo ou dunha comunidade cultural, aínda que a miúdo o seu emprego repetido se relacione, sobre todo, coas clases populares. Así, a aparición na literatura de personaxes altamente tipificados, cun rol actancial ríxido, preestablecido, a carón de esquemas narrativos reiterados incide na afirmación da existencia dun modelo social único e inmutable. A este respecto, pódese citar como exemplo o estereotipo do indiano ou emigrante próspero retornado, que a miúdo aparece na literatura galega e castelá. No entanto, é tamén posíbel un emprego distanciado do estereotipo, isto é, un emprego irónico ou mesmo paródico mediante o cal se intenta concienciar o lector ou espectador da situación ideolóxica dominante no momento. Non foi esa a intención de Rosa Díez, que máis ben parece ter integradas no seu entramado ideolóxico, escasamente intelectual, as imaxes do catalán tacaño, o vasco frontal e bruto, o andaluz cantamañáns, o madrileño chulo, etc.
Dende a imagoloxía, o estereotipo concíbese como certa clase particular de imaxe, definida pola unha difusión ampla e pola monosemia. A súa creación responde a un proceso de xeneralización, de confusión entre o accidental e o esencial, entre a norma (moral ou social) e o discurso, entre a natureza (o ser) e a cultura (o facer). Deste xeito, a mirada que o suxeito cultural proxecta sobre o Outro depende dunha concepción monolítica, apriorística, e revela, xa que logo, unha cultura tautolóxica, repetitiva, allea a toda aproximación crítica e tendente á exclusividade esencialista e discriminatoria. Na cultura oral, o coñecemento, unha vez adquirido, debe repetirse constantemente para evitar que se perda; isto explica a necesidade da existencia de fórmulas fixas. E Rosa Díez intúe que repetindo estes clixés faise máis patente a suposta rotura de España e a necesidade dun neocentralismo ao que ela aspira fervorosamente, porque non se pode admitir que o Alcorcón, panda de paletos alfareiros sen sentido de Estado, lle meta 4-0 ao Real Madrid.

2 mar. 2010





AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN
camiño do vao
Modelos de inmersión
Galicia Hoxe:2-3-2010
Hai quen pensa que o da inmersión lingüística é meter nenos no fondo dunha bañeira chea de auga con grelos triscados, retrincos de Sempre en Galicia, folletos da Mesa e de Prolingua, mentres se lles suxeita o pescozo cunha forquita ou galleta desas que noutrora se usaban para termar dos toxos encanto non lles chegaba o tallo definitivo do podón. Mentres as testas dos pobriños cativos estivesen apreixadas contra o fondo habían soar fortes os chiídos da Real Banda de Gaitas de Ourense que pararían cada pouco para sacarlles as cabezas da auga coa intención de que non abafasen de todo e para comprobar, despois de deixalos arfar o que lles cumprise, canto de lingua galega en forma de anaquiños de papel ou triscos greleiros lles ía entrando polas gorxas abaixo. Algúns queren facer crer que a inmersión se faría, máis ou menos, así. Afogados por inmersión. E haber, hailles xente para todo. ¿E logo non lembran aqueles 39 tipiños que se suicidaron en California, en 1997 para ir nun ovni agochado na cola do cometa Hale Bopp a outra dimensión celestial? Como nos ensina a historia, nada deixa de ter os seus crentes radicais por inverosímil que sexa a idea ou polo moito que vaia contra o sentido común. E así, inda que sexa un disparate pensar que os que estamos a favor da inmersión queremos que de- sapareza o castelán ou fastidiar os nenos castelán parlantes, sempre haberá algunha alma cándida que o crea e nos apoña unhas intencións que ignoramos.
Por iso eu quero outra imaxe da inmersión. Estamos no verán. Tardiña de calor. Sete ou oito monitoras e monitores, con tipos atléticos que cobiza causa miralos, mergúllanse na auga fresca da piscina. Van chamando aos rapaciños e rapaciñas que se achegan de man das nais para que lles ensinen a nadar. O primeiro é que perdan o medo. Teñen que meter a cabeza debaixo da auga, con calma, para colleren confianza. O obxectivo é que se movan con soltura fóra e dentro. Que aprendan a nadar pois así gozarán máis do verán e non estarán incómodos na praia nin na piscina. O que non quere dicir, claro, que se convertan en parentes das sardiñas ou xurelos. O mesmo pasa con andar en bicicleta. De pouco vale a teoría (un equilibrio de forzas centrífugas e centrípetas gobernado por un suxeito que reparte a súa masa de forma proporcional e alternativa aos vectores de forzas contrapostos...). Pois se para saber nadar hai que nadar, e para andar en bicicleta hai andar en bicicleta, para garantir o dominio efectivo semellante da lingua galega e castelá ao final do ensino haberá que potenciar e falar máis a máis desfavorecida, digo eu. Moita ciencia non parece ter a cousa.