23 jul 2009

Luar

BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 23.07.2009
Con motivo do corenta cabodano da chegada do home á Lúa (a muller aínda non chegou) os medios de comunicación interrogan a persoas famosas querendo saber como viviron aquel acontecemento. Eu non son así tan famoso como para que me poñan no presenteiro cando chegan estas efemérides, pero contareilles de calquera maneira a lembranza que gardo do evento. Non souben nada da alunizaxe ata o día seguinte por carecer a miña casa na altura de radio ou televisor. Sospeito que algo parecido lle sucedeu á mor parte da humanidade asentada en Asia, África, Illas de Oceanía ou certas partes de América Latina. Se os astronautas trepasen o chan lunar en hora menos intempestiva, tería seguido a fazaña na radio do Perfeuto en paz estea, muiñeiro e veciño conectado ás ondas mentres moía centeo na pedra albeira ou mesmo con noite, cando aproveitaba para picar as moas e escoitar de paso Ustedes son formidables. O rapazolo que eu era facía moita vida no muíño entreténdome con esas audicións, co pan e o millo que entraba pola moxega e saía moído pouco despois, cos pósters que adornaban as paredes (da selección española que lle gañara a Rusia ou dun Ajax de Ámsterdam que logo faría historia con Cruiff).
Cando á mañá seguinte me informei da proeza, un fito na carreira espacial, compartillei o meu entusiasmo coa avoa Josefa e esta enfriou a miña excitación coa súa incredulidade. Non cría en Deus, para canto máis nos americanos. Díxome que a Lúa levaba aí no ceo desde sempre e ninguén poría o pé xamais no satélite. Coñecinlle que interpretaba o simple intento de alunizar como unha profanación e a conquista do espazo como cousa de aluados.
Axiña cantarían Los Tres Sudamericanos La luna, la Luna ya está en el bote e a xente esquecería que había que trasfegar o viño e sementar o fruto coa lúa vella.