23 oct 2009


A cuarta sesión dos VII Encontros, na terceira e derradeira xornada, estivo a cargo de Joao Medina e de Andrés Torres Queiruga. O profesor portugués reflexionou sobre a construción do laicismo luso, situándoo nun contexto histórico-cultural ao longo de tres réximes sucesivos: o liberal (1820-1910), o republicano parlamentar (1910-1926) e a ditadura nacionalista (1926-1974). Esta última fase política institucionalizou un longo réxime autoritario de base tradicionalista, conservadora e católica. O maior paradoxo deste triunfo revelarase en 1940, ao estabelecer o Concordato coa Santa Sede, cando o ditador Salazar mantivo a separación da Igrexa e o Estado, conservando, no esencial, os parámetros da lei de 1911 instituída polo “irmán Platón” do Grande Oriente Lusitano.
Torres Queiruga cambiou o título e enfoque do relatorio, despois do debate das conferencias de Peña-Ruíz e Sebastián Aguilar, o día anterior, e improvisou sobre un novo tema: A presenza pública da relixión. Para o teólogo, a ética dun crente e dun non crente non ten por que diferir. Cada un vívea dende unha perspectiva diferente. “A relixión, exista ou non exista, é unha relación orixinaria e orixinal coa realidade, autónoma con respecto da ética”. A relixión -subliñou- significa recoñecer as leis naturais como mandato divino. “O que é bo para o fillo é bo para a nai”. Recordou Torres Queiruga unha polémica interna a raíz dun artigo seu sobre o caso de Ramón Sampedro no que escribía que o que era bo para Ramón Sampedro era bo para Deus. Non hai tampouco, para o teólogo galego, unha ética política, nin mesmo unha ética civil, senon un uso ético de valores en ambos campos.
A sesión vespertina comezou coa Mesa Redonda que reuniu a Antón Baamonde, Basilio Lourenço e Victorino Pérez Prieto. Para Basilio Lourenço o problema fundamental que nos ocupa non é un conflito de ideoloxías, senón de estruturas de poder. “É máis importante -salientou- o problema do diálogo entre as distintas tendencias da Igrexa católica que o diálogo externo que esta pode manter”. Antón Baamonde foi máis lonxe, reflexionando sobre a posibilidade de estarmos no esgotamento do ciclo histórico do cristianismo e nos albores de novas formas de sincretismo relixioso. Dende o punto de vista do teólogo, Victorino Pérez Prieto sostivo que moitas persoas que son relixiosas son, á vez, laicistas, porque a Igrexa é ampla e plural e nela hai tamén unha cultura da laicidade. Para el o problema non é que o laicismo e o catolicismo sexan incompatibles, senón que reside nas loitas de poder entre a xerarquía eclesiástica e o poder político.
Ás 20.00h comezou a sesión de clausura, que correu a cargo de José Bono e versou sobre Cristianismo, globalización e sociedade no século XXI . Para Bono existe compatibilidade entre cristianismo e socialismo e, do mesmo xeito que este necesita un proceso de profunda renovación, os católicos deben desembarazarse dese “catolicismo sumiso” do que falaba o recén desaparecido Miret Magdalena. Uns e outros non deberían aceptar o dogma coa docilidade co que se fai. O dogma -resaltou Bono- é a cousa máis contraria á fe que un poida imaxinar. Para o actual presidente do Congreso dos Diputados, que foi presentado por Gregorio Peces-Barba, os valores do cristianismo poden e deben incorporarse ao socialismo pero sen mesturar as savias de ambas árbores. Recordou que o socialismo foi sempre internacionalista, aínda que hoxe o internacionalismo reside nos capitais que se moven con tanta frivolidade polo mundo globalizado.”O valor da relixión no mundo non debe ser desprezado”, insistiu Bono, que recordou ao bispo brasileiro Helder Cámara. Non obstante, alertou contra o uso partidario de asuntos polémicos. “É obsceno usar o tema do aborto como proposta ideolóxica e resulta farisaico na boca de quen tendo responsabilidades de poder non o modificou no seu momento”, dixo en alusión a José María Aznar.