CENSO DE GRANDES HISTORIAS
(Andoliña venres 14 xullo)Estou de acordo cos que pensan que todas as grandes historias están xa contadas. E isto é así dende os tempos das mitoloxías clásicas, as letras grecolatinas e a Biblia: cada xeración só pode aspirar a interpretar dende a modernidade os grandes mitos de todos os tempos. Por iso produce certa incomodidade escoitar declaracións de novos autores (escritores, cineastas, etc.) que din pouco menos que veñen reinventar o mundo. Pobriños, teñen demasiada tradición detrás...
E por iso relacionaba onte o argumento de Superman, e doutras películas de ciencia-ficción, coa historia de Xesucristo. Nun magnífico libro (“
La semilla inmortal”, de Xavier Balló e Jordi Pérez, Anagrama) emparéntanse todas as grandes películas, de diversas épocas, coa matriz máis arredada na que se inspiran: por exemplo, “
Vértigo” ou “
Frenético” son dúas boas películas que remiten ao descenso aos infernos de Orfeo. Historias como o “
Scarface” de Hawks que interpretaba Paul Muni veñen do Macbeth de Shakespeare. E os “
Tempos Modernos” de Chaplin beben de “
O castelo” de Kafka.
Os autores dese libro censan un total de 21 grandes historias. E non creo que haxa máis, de certo, en toda a literatura universal. (Imaxe: Lauren Bacall)