31 may 2008




Feira do Libro: Agustín Fernández Paz
Esta mañá inaugurouse na rúa do Paseo a Feira do Libro. Dúas notas sobre algunhas intervencións.

Os políticos.
O libro fai milagres: asisten (e falan os dous) o alcalde e o tenente de alcalde, xuntos, cousa non habitual.
Alexandre Sánchez Vidal insiste na imaxe de Ourense como Universo Literario e evoca as figuras e a obra de Blanco Amor, Carlos Casares e Méndez Ferrín. Felicítase polo premio Nacional a Ferrín e reclama o seu Nobel (“xa tivemos a Saramago, Nobel en lingua galego-portuguesa, este sería o segundo”). Por dúas veces cita a Manuel Outeiriño e a min mesmo como “Creadores e estudosos dese Universo”, quizais tamén por estarmos os dous presentes. Cita tamén a “Chesi” e creo que a algún autor máis. Agradézoo, en todo caso.
O alcalde, Francisco Rodríguez, cita pola súa banda libros: as últimas novelas de “Chesi” e “do meu amigo Caneiro”, pero tamén dous títulos moi recentes de Carlos Ruíz Zafón e de Ken Follet (recomendacións de lectura?).

O pregoeiro oficial, Agustín Fernández Paz, maxistral, como era de agardar. Empeza dicindo que “vén a diario por Ourense a través de As Uvas na Solaina, ese blog imprescindible de M:V.” (todos os meus agradecementos). Fai un percorrido amplo polos autores ourensáns: moitos dos xa citados e moitos outros como Álvarez de Nóvoa ou Diego Ameixeiras. Loubanzas entusiastas para “Xente ao lonxe”, “gran novela á que volvo moitas veces”. Os esteos do seu discurso son firmes e ben resistentes: Cunqueiro, Blanco Amor, Valente, Paul Auster, etc. Remata cun canto optimista á cultura do libro e a demanda enérxica dunha maior visibilidade nos escaparates das librarías para o libro galego (“que os nosos títulos non estean sempre ocultos no montón de “los de gallego”, dixo”).

30 may 2008




Faltriqueira no Campus (onte)

Eu non puiden asistir, pero seica foi un éxito a actuación de Faltriqueira, cun cento de persoas escoitando. Trebolle dá conta do suceso cultural.

Romeu hoxe
Un humorista (El País), que non me gusta moito, pero h0xe dá no cravo.
Un asesor torpe? (en La Región, quen cho dixo?)

"Por qué disque el conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, se ha mostrado como un auténtico indocumentado, a juicio del boss Baltar? Porque aquél acusó a la Dipu (la del siglo XIX, claro) de despedir a Manuel Curros Enríquez en un acto en Calvos de Randín cuando, atestigua el segundo, la gloriosa figura de las letras fue cesado, sí, pero de la Delegación de Hacienda, trasladándose a Madrid para trabajar en ese ayuntamiento. -si será por esos problemas de documentaçao por los que la Cidade da Xustiza (que compete al primero) acumula ya tres años... pero de promesas?"

P.S.: non só Curros non puido ser despedido da Deputación, porque alí non traballou, senón que, ademais, a Deputación ourensá daquela subvencionou a publicación de "Aires da miña terra".

Baltar ten razón (desta vez)
Baltar acusou onte ao conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, de ser «un auténtico indocumentado que se adica a desprestixiar e a criticar aos demais sen ter a máis mínima noción». O socialista Méndez Romeu facía unhas declaracións o mércores en Calvos de Randín denunciando a moción de censura e culpando a Baltar da mesma. Para «ilustrar» a actuación da Deputación dixo que xa o propio Curros «pagou un alto prezo pola defensa dás persoas máis oprimidas, xa que foi perseguido, condeado xudicialmente e despedido do seu posto na Deputación de Ourense». Ademais de ironizar sobre o feito de facerlle responsable dun acto que, de ser certo «que non ou foi», ocorreu no século XIX, Baltar recordou que Curros volvía a Galicia en 1.878 para traballar en Facenda en Ourense, non na Deputación -coa que nunca tivo relación laboral-. Baltar tamén recordou que a institución subvencionou en 1880 a publicación de Poesías galegas, en 1927 concedeu unha pensión vitalicia á súa viúva, en 1951 colaborou no financiamento dunha pensión ao fillo de Curros e dos actos de conmemoración do centenario e en 2000 participou na recuperación da casa do poeta. (LVG)
Bieito Iglesias
A pegada de Blanco Amor, Vicente Risco, Valle Inclán, Camilo Castelo Branco... na súa narrativa (segundo Paulino Vázquez), na crónica de ECG.

DÚAS PREGUNTAS
Andoliña 30 maio

Sóubose onte o contido das dúas preguntas que Ibarretxe quere formular na súa consulta ós vascos, da que tanto se ten falado. Así está a actualidade política: o galimatías vasco e o galimatías Rajoy.
As dúas preguntas do lehendakari están redactadas cunha chea de palabras agradables: “final dialogado da violencia”, “proceso de negociación”, “acordo democrático”, “dereito a decidir”, etc. A priori case todo o mundo está de acordo con tales propostas. Con todo, hai un pero. Na primeira pregunta o “final dialogado da violencia” está suxeito a esta redacción en condicional: “se previamente ETA manifesta a súa vontade de poñer fin á mesma para sempre”.
E aí está o problema. A banda terrorista non ten ningunha intención de entrar nesa condicional: teno demostrado abondo. De que valería, pois, votar en afirmativo se ETA non vai facer caso ningún do resultado? Por outra parte, se a banda decidise deixar a violencia, xa sobra case todo o resto: que os partidos vascas se dediquen a facer política, sen máis reviravoltas. Os analistas interpretan a consulta Ibarretxe en clave de estratexia electoral. Lexítima, pero frustrante cando se vexa que, rematadas as eleccións, todo vai seguir igual.

29 may 2008












Paseando por Auria...
O Trebolle que non para: imaxes da mostra de Curros Enríquez, na rúa que leva o seu nome, e os versos de José Ángel Valente, na praciña das Mercedes.

Unlla e carne
Hoxe presenta en Compostela Bieito Iglesias o seu último libro (Fundación Torrente Ballester, 20,30 h.).
Bieito Iglesias recrea en "Pan e coitelo" os últimos anos do fraguismo desde un ollar satírico que incide no cinismo e nos rituais do mundo da política, sen omitir o seu lado máis humano .
Xenial tamén o seu artigo de hoxe, de Bieito Iglesias, en ECG:
'La Señora' e posibilidades galegas. de ANXO TARRÍO VARELA (GH. 28.5.08)
Neste interesante artigo, A. Tarrío chama a utilizar as novelas galegas e os seus argumentos como material de base para ficcións audiovisuais en galego.

Fito histórico. Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura

Os premios nacionais da Cultura galega recoñecen as achegas de Ferrín ao novo horizonte da Literatura do país e os logros da remodelación urbana de Pontevedra. Na categoría de Pensamento e Cultura Científica, o xurado escolleu o edafólogo Franciso Díaz-Fierros, do que destacaron a súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica e saber unir a investigación con problemáticas actuais da sociedade galega, como o ambiente. (Galicia Hoxe, Maré)
O xornal Galicia Hoxe publica un especial da Revista das Letras
sobre Ferrín cunha entrevista e artigos de Anxo Angueira, Antón Dobao e Xabier Cordal.

28 may 2008


Documento histórico-visual ourensán (graciñas, Xabimusic)

Velaí a esplendorosa estrea do coro de alumnos-profesores do IES A Carballeira de Ourense, luns 26 de maio. Imaxe tan relevante merece ser ben documentada para a posteridade. Velaí:
Fila masculina, superior (estabamos sobre uns pequenos taburetes): de dereita a esquerda, os profes Rafael González (Ciencias), Xabier López (Historia), Felipe Iglesias (Informática), M.V. (Liter. Galega), José Manuel Fidalgo (Francés), Xoaquín Fernández (Inglés, pero non se ve na foto) e Gonzalo, alumno do ciclo de Sanitaria.
Fila feminina, primeiro plano, tamén de dereita a esquerda: profesora Uxía Méndez (Lingua Española), alumnas Laura Blanco e Paula Campos (2º e 1º Bacharelato Ciencias), profesora Minerva Outeiriño (Matemáticas), alumna Francisca Losada (1ª Bach. Ciencias), alumna Sandra Campos (2º Bac. Ciencias), a miña alumna romanesa Nicoletta Ghiban (3º ESO) e a súa compañeira húngara Andrea Toth; a profesora de inglés Marina Cortizo (non se ve na foto), e Esther Justo (Liter. Española), que nese momento le un poema en galego, mentres os demais lle facemos un coro melodioso de fondo. Tampouco se ven na foto, pero estaban cantando, as alumnas Jessica de Araújo, Noelia López Pérez, Samanta e Aurora Gómez Yahia (alumnas de ESO e Ciclo Sanitaria).
Non puido estar na estrea a compañeira de galego Milagros Roca, por un desgrazado accidente na súa familia, pero acordámonos moito dela e dedicámoslle unha canción con todo o agarimo. Dirixe o director do coro, Xabier Álvarez.
CITA

Ó fundarse unha relixión, o primeiro que desparece é o humor.
(Andrés Trapiello, "Magazine", 25.5.08)
Bilingüismo, de Damián Villalaín (en ANT., 26.05.2008)

Non entendo a xenreira que certos sectores nacionalistas profesan contra unha idea como a de “bilingüismo”. Non entendo qué estratexia normalizadora pode haber detrás de lemas como “as cobras tamén son bilingües” ou “bilingüismo é colonialismo”, exhibidas na recente marcha a favor do galego. Non entendo a pertinencia de agasallar a organizacións como “Galicia bilingüe” cun concepto que goza do aval do sentido común e, por democrático e igualitario, dunha moi positiva consideración social.
Que o reseso batallón de Gloria Lago faga circular unha imaxe falsa e indocumentada do bilingüismo non é motivo de abondo para darmos por boa esa manipulación. Todo o contrario: habería que reapropiarse desa bandeira, explicar que o bilingüismo implica igualdade de oportunidades e de presenza pública das linguas coexistentes e, sobre todo, igualdade de dereitos dos falantes. Esa é a batalla do galego hoxe, ese é o cerne dunha “normalización” que non pasa por unha Galicia monolingüe nin en castelán nin en galego.
Pero hai medios e entidades que se empeñan en clamar contra o bilingüismo, aludindo a historias de “diglosias” que ninguén entende nin lle importan. Un activismo que se empeña en crear un “conflito lingüístico” co castelán no que o galego levaría todas as de perder. Un discurso que segue a vivir de diagnósticos elaborados hai case 40 anos e aínda hoxe non revisados…
Que se pretende co galego? Que sexa a lingua única dos nacionalistas ou unha das dúas da sociedade? A pregunta segue sen recibir unha resposta clara e acaída.














Debuxos de Xohán da Coba... no Tía Matilda (foto Trebolle)




Oráculo de Delfos
(fotos Trebolle)



Moi interesante a charla de David Hernández sobre o Oráculo de Delfos, no Foro La Región (e a sala a rebosar, qué marabilla). Presentouno, con dignidade e acerto, Xosé M. Domínguez Prieto.
Repito aquí o que dixen na miña intervención no coloquio: primeiro, a miña felicitación por ser o ponente capaz de suxerir moitas máis cousas das que dixo. Segundo, unha observación sobre os Oráculos despois do fin (cando rematan en tempos de Juliano o Apóstata): aínda que a Igrexa cristiá os considerase como demoníacos, as igrexas medievais souberon utilizar as súas formas e elementos simbólicos, readaptados, cando non os lugares de culto (en Galicia sabemos moito disto): o ponente deume a razón e puxo moitos exemplos de Grecia e Exipto de reutilización posterior destes Oráculos pagáns. Finalmente, engadín que, visto o que dicía David Hernández, sobre as relacións entre o poder político, a maxia e adiviñación, hoxe temos tamén outros Oráculos igualmente eficaces e potentes: os grandes medios de comunicación.
Fío Musical (20), de Arume dos Piñeiros
PUNK IS NOT DEAD

No ano 1976 fun por primeira vez a Londres: daquela nace a miña comprensible devoción anglófila. Voltei ao ano seguinte (o ano do xubileo da Raíña Isabela II) e puiden ver polas rúas do Soho e de Piccadilly aqueles tipos de cabelos tesos, con aquelas cazadoras negras e cremalleiras oblicuas por todos os lados. O número 1 daquel verán era o inesgotable Elton John, pero xa comezaba a rular o God save the Queen dos Sex Pistols. Tras escoitar aquela furia, veloz e vertixinosa, xa nada podía ser igual. Con eles, os Ramones e, como cumio daquel movemento, o mítico London Calling dos Clash. Nunca cheguei á imitación completa (algunha cazadora aínda fica no armario), pero teño que confesar que o punk foi para min unha das miñas preferencias. Aínda hoxe, escoitar a explosión das Spanish bombs ponme a cen.
Fío musical (19), de Gustavo Peaguda

The TimesThey Are Changin Vs So You Want To Be A Rock and Roll Star. The times they are a changin´ cantaban os nosos politicos de esquerdas naqueles anos mozos na compostela mitica. Poderían hoxe eses homes e mulleres asinar o que escribiu Jean Paul Sartre no prologo da novela de Paul Nizan " Aden Arabia" no ano 1960 :" Comunicar os xovenes desconocidos a nosa cordura e os bos frutos da nosa experiencia?. De dimision en dimision. só soubemos unha cousa: a nosa radical impotencia". Por iso co tempo alguns poden pensar que seria mellor que aqueles xovenes cantaran " So you want to be a rock and roll star" a berro limpo. Polo menos o cinismo non presidiría a vida dalguns e se lembrarian mellor do que facian e pensaban cando eran novos. Eu de momento seguirei escoitando as versions daqueles temas que fixeran os The Byrds nos sesenta.

Onte, hoxe, mañá (DESPEDIDA 2º BACHARELATO, 26 maio 2008).
Deixo aquí (está íntegro en Comentarios) o meu discurso do luns no IES A Carballeira, en nome dos profesores do centro. De seguido, algunhas frases soltas para convidarvos á súa lectura.
Falo dunha Galicia moi diferente desta, cando non había televisión nin internet nin xogos de consola. Eu aínda acordo a chegada das televisións ás cidades, na miña infancia, e dos primeiros baños de aseo nas casas das aldeas. Pois antes non os había. O primeiro edificio con calefacción na nosa cidade foi o Hotel Miño, na rúa do Paseo, e inaugurouse con todo o esplendor, no ano 1936. (...)
A barbarie quixo evitalo nin máis nin menos que cunha guerra civil: lograron parar o reloxo da historia uns corenta anos, pero nada máis. Os ideais e ilusións de outrora renaceron nas xeracións que aboiaban ó mundo nos anos 60 e 70: as que puxeron as bases da Galicia que hoxe vivimos. (...)
Porque esas son as nosas raíces. Porque somos fillos desas xentes e deses tempos. Deses nosos avós que marcharon a América, ou logo a Europa, cunha maleta mal atada e as catro regras: Galicia non pode ser ingrata coa realidade inmigrante de hoxe, sería un sacrilexio. Os nosos avós son tamén os marroquís, romaneses e colombianos que chegan agora ás nosas aulas. Que teñen dereito a un mellor destino integrados nesta Galicia aberta a todos/as. (...)
Non é o mesmo a Divina Comedia de Dante que o Chickiliquatre. Non é o mesmo Umberto Eco que María Patiño. Non é o mesmo o xornalismo que o habitual espectáculo de mentiras, desinformación e manipulación que padecemos a cotío. Non perdamos o norte. Lin de moi novo e releo moitas veces a Divina Comedia e sei que aínda nos meus últimos días encontrarei algo valioso en libros como ese; en cambio, dentro duns meses e por sorte, digo eu, xa non lembraremos quen representou a España no 2008 en Eurovisión. Chámase a isto xerarquía cultural. E é necesaria para situarnos no mundo. (...)
E houbo persoas que se ergueron e convocaron á loita contra a escravitude, contra a discriminación racial ou contra a explotación das mulleres. Todos eles, e elas, foron adiantados ó seu tempo: o primeiro que tiveron que facer foi convencer ós seus contemporáneos que unha sociedade de escravos non era o máis xusto, que a discriminación dos negros non era a vontade de Deus ou que as mulleres eran algo máis que bestas de carga e seres sen dereitos. Non lles foi doado, seguro, porque sempre é máis fácil deixarse levar polo pensamento dominante. (...)
Lembrade a Goya, o xenial pintor, cando realiza, xa no remate da súa vida, un fermoso debuxiño dun vello de longas barbas brancas camiñando, apoiado en dous caxatos. O debuxo leva un pequeno texto debaixo que é toda unha filosofía da vida: “Aún aprendo”. Con ese optimismo, con esa esperanza, con ese entusiasmo, calquera reto que vós decidades afrontar nos novos capítulos da vosa novela vital pode ter éxito. Que teñades tamén toda a sorte necesaria para facer esa viaxe salvando todas as treboadas ata a ben amada Ítaca.
"Aún aprendo". PAN POR PAN mercores 28 maio

O pasado luns fixemos no Instituto de A Carballeira o acto solemne de despedida de curso de 2º de Bacharelato. E foi ocasión axeitada para a estrea dun coro do Instituto, formado por alumnos de todas as idades e profesores, con catro cancións: en galego, inglés e latín. O argallante de todo é Xabier Álvarez, mestre de música e de moitas cousas máis, que nos puxo as pilas e nos converteu en “chicos do coro” a algúns que somos, para a nosa desgraza, analfabetos musicais. Pero o coro gustou e moito. No meu discurso de despedida ós alumnos e alumnas faleilles do famoso debuxo de Goya no que se pintou a si mesmo, xa moi velliño, camiñando apoiado en dous caxatos e por baixo o lema: “Aún aprendo”. Canta verdade! Non pasa un día nas nosas vidas que non teñamos a oportunidade de aprender algo: quen me ía dicir a min que, cumpridos xa os 50, ía eu cantar nun coro?

27 may 2008

en poleiro alleo
A ferocidade do Partido Popular (X.M. Sarille, ECG 27.5.08)
Se entre eles son capaces de insultarse e agredirse así, é fácil imaxinar o que estarían dispostos a facer cos demais se gañasen as eleccións e obtivesen o monopolio da estaca e a mordaza. Despois deste espectáculo, seguro que a maioría dos votantes do PP están espantados coa súa decisión de meter e...
en poleiro alleo
Motos etcétera, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 26.5.08)


Se algo cambiou nos últimos corenta anos -que cambiou todo- foron as motos. Cando eu era pequeno -curiosamente cada vez hai máis tempo discompraba coche a xente que algo tiña, e compraba moto quen tiña algo máis ca nada. Era a moto, pois, o medio de transporte por excelencia dos obreiros, ou sexa dos da construción; os outros -do Malingre ou do Pereira dos Santos- eran traballadores. Nesa época os obreiros en vez de casco gastaban no traballo un extremo refucido de saco de cemento na cabeza e como aínda non chegaran os ‘palés’, subían os ladrillos ás obras a través de cadeas de expertos lanzadores e cachadores de ladrillos voantes. Cobraban pouco e non tiñan dereito ningún. As súas motos tiñan tamén pouca cilindrada e unha protección anterior, ás veces flexible e adaptable ao corpo, co que se protexían do frío e humidade da mañá, por se non chegaban os papeis de periódico que entalaban entre peito e roupa. Esas motos proletarias chamábanse Guzzi ou Bultaco ou Derby -as Vespas empezaron como cousa máis ben señorita- e foron desaparecendo conforme melloraba a economía e triunfaba o desarrollismo na primeira metade dos setenta.
(artigo completo)

Don Paco Roque, de Antonio Piñeiro (LR. 26.5.08)
Hai uns días, mellor dito unhas semanas (o tempo pasa a unha velocidade que marea) falei aquí dun tal ‘Paco Roque’, facendo alusión a un alcume colectivo que dende hai moitos anos levamos pendurado do pescozo -coma un sambenito- os celanovenses.Tanto para os que se deron por aludidos e seica me quixeron organizar un ‘boicot’, como para os que non, voulles contar unha versión resumida de quén era o tal Paco Roque, que malia que moitos celanovenses non o saiban, aínda é posuidor dunha rúa en Celanova.



Presentación do libro de Chesi (texto e fotos de Trebolle).

Moi simpático e humoristico José Luis Cuerda, levantou moitas sorrisos.
"No debias llamarte José MªPérez, Chesi..bueno, pero mejor Chejof¡, casi "así comezou a sua disertación JL Cuerda. Saúdos, Trebolle.

(Máis fotos no blog de Trebolle)
REPUBLICANOS GALEGOS (e 3)
Andoliña 27 maio

Unha última nota sobre o interesante volume “República e republicanos en Galicia” (ARGA, 2006). Varios traballos inciden na historia do republicanismo dende o século XIX e comezos do XX: a conclusión dos mesmos é que o peso do republicanismo en Galicia estaba asentado décadas antes da Segunda República e acentuouse nos primeiros anos do século XX. Da forte ligazón entre republicanos e sociedades agrarias dá abondo datos o historiador Luis Giadás e a figura de Basilio Álvarez subliña esa realidade. Pero o mesmo se podería afirmar de nomes máis vinculados ó galeguismo como Ánxel Fole, Carlos Maside ou o mestre “Ben-Cho-Shey”, todos eles cunha presenza republicana anterior ó seu compromiso co Partido Galeguista.
Velaí o pouso, nas raíces do republicanismo, do papel dos mestres e das chamadas Escolas Laicas: diso fala Antón Costa e subliña a relevancia nos lideratos republicanos no noso país de intelectuais cunha forte relación coa emigración americana, ben como emigrantes eles ou como exiliados. A prensa, a escola, os líderes, foron creando un substrato cultural no que xermolaron os mellores valores republicanos: a democracia, o ideal da convivencia en liberdade e tolerancia.

PAN POR PAN martes 27 maio. Curros Enríquez.

Excelente na súa concepción e resultados, a exposición dedicada ó centenario da morte de Curros que se exhibe estes días na rúa que o poeta de “Aires da miña terra” ten na nosa cidade, diante do Parque de San Lázaro. Recolle con xeito os riscos fundamentais da vida e da obra do escritor e aínda achega unha mostra das moitas bandas sonoras que inspirou: Luís Emilio Batallán ou os Tamara cantando ou Manuel María recitando os versos do de Celanova. Fermoso, por exemplo, o cubo-panel que amosa as tarxetas de embarque dos emigrantes no porto da Coruña, coa súa descrición racial e idade: ata nenos de 15 anos entre os carnés que se expoñen. A mostra foi organizada pola Consellería de Cultura da Xunta, coa colaboración de varias cidades galegas. E debería rematar, cómo non, coa súa instalación na vila natal do poeta, Celanova. Antes de rematar este ano.

26 may 2008


A ledicia de vivir en Auria (Foto Trebolle)

Xoán Fonseca e Javier Casares cos seus amigos de compaña musical: cando pase por aquí o Xoán pediríalle, por favor, que nos identifique ó resto dos contertulios.

LOITAS DE PODER. AUTOCRÍTICA.
La Región 26 maio (Imaxe: o Saturno de Goya)

O poder. Esoutro día dicía eu neste mesmo xornal que era case imposible esculcar ideas diferentes ou posicións ideolóxicas nidias nos bandos enfrontados dentro do PP. O mesmo pensan dentro e, de feito, confesábao onte Jorge de Moragas, asesor principal de Rajoy: “Esta é unha loita de poder, non de ideas”. Se as ideas son as de sempre, qué move, pois, ás duascentas ou trescentas persoas que foron ata a sede de Genova a abouxar os seus líderes? Pois o deseño das estratexias futuras. Alguén botou contas e decatouse de que é case imposible gobernar España con ningún tipo de maioría sen o apoio dalgún dos nacionalismos periféricos: non saen as contas nin os votos precisos. Por iso Jorge Moragas di agora que el non renuncia a que lle vote un nacionalista moderado desencantado.
Nada novo. Tampouco é nada tan novo. Lembremos que Aznar chegou ó goberno cando falaba catalán na intimidade e demandaba (e lograba) os apoios de CIU e PNV. O centrodereita en España é plural e, dende logo, cataláns e vascos (podemos engadir galegos e canarios) non se senten cómodos cunha dereita de raigames só españolistas, que non entenda a pluralidade estrutural do Estado. Veremos, pois, a Rajoy e ós seus en adiante falando da “España plural”, como fixo Zapatero? Pois non sería mala cousa e, de paso, que o PP galego reivindique a súa propia galeguidade e se arrede radicalmente de campañas que inventan falsas realidades como unha suposta imposición do galego no noso país (pobriños dos castelán falantes, asediados polos xornais en galego, o cine en galego, a xustiza en galego, etc. non sei como poden soportalo!).
Extrema dereita. Di tamén Jorge Moragas que non é bo que haxa extrema dereita, supoño que se refire á organizada en partidos políticos (na sociedade nunca deixou de habela). Pero eu creo que para pular un modelo centrista e reformista, sería bo que o PP deixase caer pola borda toda a súa carga de extrema dereita. Iso non racha a unidade do centrodereita, pola contra define espazos rigorosos. E os votos que se perdan dunha banda, pódense recuper de abondo entre o electorado centrista, maioritario. Doutra banda, os retos do futuro son tan grandes que non creo que haxa posibilidade de convivencia tolerada nun mesmo partido: vexan o exemplo italiano, os extremistas están levando a toda a dereita e ó país en pleno a un discurso integrista, excluínte e xenófobo.
Outra crise. Hai outra crise que case non sae nos xornais, só en columniñas pequeniñas: a de Izquierda Unida. Xentes de vontade e esforzo militante, sumidas na confusión tralo desastre electoral. Cando menos Llamazares e os seus tiveron a valentía da autocrítica ó recoñecer nun comunicado que non coñecen ben a sociedade española. En realidade, iso pásalle a todos os partidos, tamén ós que gañan as eleccións. Só que cando gañas acertas na polaroid, na foto fixa dun momento dado. E con iso xa levas os votos necesarios. E vas tirando.
O Descendemento (vía Tacho).

25 may 2008

Cen anos de historia cutural
2002: Sarmiento. Abrente. Paratextos
25.05.2008

O ano 2002 foi o ano do Padre Sarmiento no Día das Letras e arredor da súa figura celebráronse actos en toda Galicia e tamén no Bierzo, coa colaboración da asociación Fala Ceibe. Publicáronse estudos de Antón Costa, Carlos Casares, Pilar Allegue, Sonia Varela, Xosé L. Barreiro, Mercedes Queizas, X.A.Liñares e A. Puentes Chao, etc. E tamén volumes como a edición de José Luís Pensado da Viaxe a Galicia do noso frade ilustrado.
Vexamos agora algúns traballos de ensaio e investigación publicados durante ese ano. No campo dos estudos literarios, rexistramos traballos como Manuel María: os traballos e os días, biografía sociocultural realizada por Camilo Gómez Torres (Laiovento); Romanceiro en lingua galega (Xerais), de X.R. Mariño Ferro e Carlos Luís Bernárdez; As cantigas de Santa María (Xerais), de Elvira Fidalgo; A novela policial (Laiovento), de Xesús González Gómez; O labor lírico do ilustrado cura de Fruime (Laiovento), de Xulio Pardo de Neyra; A linguaxe literaria (Xerais), de Manuel Rosales, e As mulleres escritoras, 1860-1870 (Laiovento), de Celia Armas. En Sotelo Blanco aparecía a Historia da literatura medieval galego-portuguesa, de Xosé R. Pena, e Antonia López García estudaba a obra de Bernardino Graña en Se as aves insistisen na ledicia (Laiovento).
Editábanse as actas do I Congreso Manuel Luís Acuña (celebrado en Trives no 2000) e o Diccionario metodolóxico de análise literaria, de Arcadio López- Casanova. Carme Blanco publicaba en Linteo o estudo Luz Pozo Garza. A ave do norte e Goretti Sanmartín ocupábase dun tema pouco tratado nas nosas letras: Lendo nas marxes. Lingua e compromiso nos paratextos, 1863-1936 (Espiral Maior). Alexandre Rodríguez Guerra ocupábase de Miguel de Unamuno e a lingua galega e Dolores Vilavedra e Inma López Silva da nosa historia teatral recente con Un abrente teatral. As mostras e o concurso de teatro de Ribadavia (Galaxia). Xesús Alonso Montero preparaba a escolma poética A guerrilla antifranquista e os guerrilleiros de Galicia na voz dos poetas. Nos estudos historiográficos, velaí o ensaio sobre o político e ensaísta Eloy Luis André (Baía), de Ramón López Vázquez; O inmigrante imaxinario (USC), de Xosé M. Núñez Seixas; A esperanza bretona, de Anxo Fernández, premio Vicente Risco de Ciencias Sociais; Alfredo Brañas. Textos en galego, de E. García Canosa e C. Nogueira Blanco; A memoria de Pontevedra (Xerais), de Víctor Freixanes, Carlos Díaz e Xosé Fortes; A filosofía krausista en Galicia, de Xosé R. López Vázquez (Centro Ramón Piñeiro). Xosé Luís Estévez revisaba as relacións de Castelao con Galeusca (Laiovento) e Xulio Ríos publicaba en Ediciós do Castro unha escolma do xornalismo de Plácido Castro.
(o artigo completo)

Fraga e o galego (onte, nun "onte" histórico)
Outro amigo (Juan Blanco, graciñas) mándame este rcorte coa nova (sacada do Correo de Galicia, de Buenos Aires) dunha multa de 50.000 pts. a "La Voz de Galicia" por un artigo sobre a lingua galega.
No recorte non se ve a data, pero supoño que se referirá a unha multa do ano 1968 (xuño), imposta por un artigo de Augusto Assía (si, leron ben, A. Assía) que afirmaba que o réxime franquista trataba ó idioma galego como se trataba ós negros en Norteamérica, nun sistema racista.
Escribín sobre isto hai anos, en LVG-Ourense, e por algures teño todos os recortes de LVG, varios, ó respecto.

Fío Musical (18): Janis Joplin (por Gustavo Peaguda)

Entro na tenda de discos. Dez, vinte, cen, douscentos discos que podo elexir. Só escollo un porque lembro aquello escribiu unha vez Xose Carlos Caneiro “ Janis Joplin que por fortuna rompe un día gris e o albor infame das ausencias”.*

Estas breves notas escribinnas nunca folla cando o meu tío estaba no Hospital de Ourense e os berros dos enfermos parecían os laios agonizantes da Janis Joplin.
Somebody to love ¡
Somebody to love!.
(* Estacion Sur. Xose Carlos Caneiro.)
A MIRADA RETIDA (3). O TUCHO.
La Región 25 maio, domingo.

Parece unha taberna sen máis e iso era de certo. Pero esta imaxe evoca parte da alma da nosa historia cultural. Hai unhas semanas, da man da Asociación de Amigos da República, homenaxeamos ós artistiñas do Volter cunha gran festa popular encabezada por Xosé Luís de Dios, Arturo Baltar, Buciños e Acisclo Manzano. Pola praza do Eirociño andaban unha chea de clónicos con gabardina gris, a súa boina, bigote e puro, en homenaxe ó Tucho, que el ben apreciaría.

Pois aquí teñen o Tucho real, en medio de botellas, adobíos kitsch e calendarios. Sen el non existiría, dende logo, o Volter que bautizou Vicente Risco e ó que deron corpo tantos artistas e escritores. Todos eles penduraron as súas pinturas e poemas nas paredes daquel humilde local. No interior, dende a entrada xa se podían ver moitos dos cadros e os históricos murais ó fondo, unha colección de bastóns, unha gaiola non sei se con paxaro ou sen el, unha imaxe da cabeza dun gran gato, mesiñas pequenas e tallos de madeira. (Foto: M.A.R. Yánez, prestada dende o blog de Ana Bande).

Puntualizando..
O amigo Trebolle faime chegar esta dedicatoria do libro "Scorpio", que o profesor Carvalho Calero lle asinou no seu día. "Carvalho" é a grafía que o autor usa na portada, como aquí xa comentamos e recoñecemos. Pero na dedicatoria manuscrita eu só acerto a ver un "Carvallo".
(esta é a entrada 1999 do blog)


Axenda. José Luis Cuerda presentará no Liceo o libro «A soidade das vogais» de José María Pérez Álvarez.
O Liceo da capital ourensá será escenario o luns a partir das 20.15 horas da presentación do libro La soledad de las vocales do escritor ourensán José María Pérez Álvarez, Chesi, polo que obtivo o premio Bruguera de novela na súa terceira edición. Ao acto de presentación acudirá o director de cine José Luis Cuerda, amigo do autor, que achegará aos presentes as reviravoltas da obra.

(Nota: as imaxes, fotos de Trebolle, son da presentación anterior no Liceo, de LAS ESTACIONES DE LA MUERTE. Introduciuno Manuel Zabal, cun texto ben traballado e orixinal. O autor dixo que optara por non variar o texto da súa primeira novela, publicada hai uns cantos anos, e definiuna como a súa "homenaxe a Ourense").

24 may 2008

Fío Musical (17). Vía Tacho.

O National Recording Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos cada ano decide recoller mostras sonoras para ser preservadas para a posteridade como bens culturais dada a sua importancia histórica. Na edicion diste ano esta , "Oh, pretty woman" (1964), do gran Roy Orbison..
Con ise motivo mandovos unha potentísima version cunha banda de luxo: Roy Orbinson, Bruce Springsteen, Jackson Browne, Elvis Costello, Tom Waits, T. Bone Burnett (Burnett versus Srpingsteen), J.D.Souther. Que o disfrutedes.
Dous datos.
Pan por pan sábado 24 maio. Foto: Tatiana Cardeal.

Publicáronse onte os resultados dun estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a inmigración en España. Xa hai 2,16 millóns de fogares nos que vive algún estranxeiro. Os máis numerosos son os marroquís, romaneses e ecuatorianos. No estudo hai dous datos que a min non me sorprenden, pero quizais si a alguén. Por exemplo, demóstrase que só 1 de cada 10 estranxeiros que chegaron a España fixérono en pateras ou caiucos; a maioría chegaron en autobús, tren ou avión, contra o que quixo facer crer certo discurso alarmista. Os caiucos son só a cara máis dramática dun fenómeno moito máis amplo. Outro dato curioso: o 65 por cento xa tiñan traballo antes de emigrar a España e viñeron por un emprego mellor ou por maior calidade de vida. Tamén sucedeu así cos emigrantes galegos en América: non sempre marchaban os máis pobres, senón os que tiñan máis gañas de mellorar.

23 may 2008

Brincadeira na ONU (vía Arume)

A ONU remata de finalizar a enquisa máis grande da súa historia. A pregunta foi:
- Por favor, responda honestamente, que opina da escaseza de alimentos no resto do mundo?
Os resultados foron desalentadores. A enquisa foi un completo fracaso.
1. Os europeos non entenderon qué significaba “escaseza”.
2. Os africanos non sabían qué eran “alimentos”.
3. Os israelís non entenderon qué quería dicir “por favor!”.
4. Os ianquis preguntaban qué significa “o resto do mundo”.
5. Os chineses e cubanos pedían que lles explicasen que significaba “que opina?”.
6. E no congreso arxentino, colombiano, chileno, boliviano, peruano, brasileiro e venezolano, aínda hoxe están debatendo qué quere dicir “honestamente”.

















FÍO MUSICAL 16: CANTANDO AO MAIO DO 68 (XABIMUSIC)
A verdade é que as cancións nos acompañan en tódolos momentos das nosas vidas. Xa que logo, non podían faltar as cancións sobre o "maio do 68" de profundas resoancias para algúns de nós. Non vou caer no lugar común de preguntarlles onde estaban hai 40 anos, pero si pedirlles que esgarabellen buscando na memoria a que lles soa esa data...
Máis en concreto ¿que lles parece a imaxe que Ismael Serrano nos deixa deses acontecementos? Velaí a a miña pequena contribución a un aniversario que está a pasar case desapercebido neste foro.
(P.S., este meu, M.V.: a moza da foto superior, a da minisaia, é a mesma da que fala o Ismael Serrano na súa cantiga):-
En minoría IV: Da putrefacción, de X.L. Méndez Ferrín (FV.23.5.08)
Teño entendido que encallaron estes días unha balea grande e outros cetáceos máis cativos na costa de Oia, entre cabo Silleiro e a praia do Fedorento, na Guarda. Din os xornais que están levando estes animais (seguramente Tragsa) para seren incinerados en Cerceda. O becho maior en volume parece que está mau de mover e non sei se o evacuarán ou xa o evacuaron por vía marítima.Todo o mundo está de acordo en que é normal retirar os animais mortos do monte ou da costa e facelos desaparecer por cremación. Eu discrepo, polo que me vexo en minoría.Penso que os cadáveres dos mamíferos mariños deberían ficar onde os botou o mar para alí podreceren. Cada cadáver é unha fonte e unha explosión gozosa de biodiversidade. Debemos entender as preas ou cadáveres de animais como teatro de nacemento, reprodución e morte de milleiros de individuos vivos e centos de especies que grazas a descomposición orgánica multiplican os seus sistemas orgánicos. Ver a putrefacción como algo maldito e indesexábel, non é unha actitude ecoloxista. Os cetáceos varados na costa deberían ficar alí e culminar o seu proceso de descomposición no mesmo sitio no que foron botados en seco. Este e os seus fillos microscópicos ou maiores darían conta das partes mergulladas do animal en tanto que outras entidades vivas de respiración aérea favoreceríanse das zonas corporais que emerxeron.En todo caso, e de non ser aceptados os cadáveres pola veciñanza humana, pensamos que o seu destino alternativo debera ser a rede de pudrideiros do monte galego que non existe como existe en Asturias e noutras comunidades de España e de Europa. Constitúe un grave atentado ecolóxico substraerlle á Natureza o acontecemento colosal e farturento dunha comprida balea defunta.Nunha prosa célebre (polo simpática) Dieste conta o caso dunha balea encallada nos Lombos do Ulla ou así e de como os de Rianxo e os de Carril desputaron pola titularidade do corpo do cetáceo. A min gostaríame mirar os de Oia e os ecoloxistas e toda a cidadanía, como se di agora nos círculos do poder autonómico, unidos para impedir que a balea ou baleas sexan levadas da nosas costa a fin de que o lume as reduza a cinsas. Charles Baudelaire escribiu un día un poderoso poema en homenaxe á beleza dun corpo de animal putrefacto que Lois Tobío verqueu ao galego co título de "A prea". O poema podería recollerse no cartel dunha campaña, hoxe impensábel, en defensa da carroña, da carniza, da presa, dos cadáveres en descomposición como centros de vida que deben ser protexidos.A balea é un animal (non sei por que) moi solicitado pola nova poesía galega. Supoño que as e os poetas (moitos) que procuran a balea como símbolo ou metáfora ou referencia faranno pensando en baleas vidas. Algún día, espero, á sombra de Baudelaire xurdirá unha poética das baleas mortas, máis dialéctica e menos soñadora.Para min, a máis relembrada bas baleas literarias non é Moby Dick, senón a que encallou nas ribeiras do Miño ao seu paso por Ourense segundo relataba "La Región" o Día de Inocentes de 1947.

REPUBLICANOS GALEGOS (2)
Andoliña venres 23 maio
(Imaxe: nunha mostra do posibilismo que practicaron os galeguistas históricos, Castelao colaborou cos seus debuxos durante varios anos nun "Faro" bastante reaccionario e antiautonomista).
A prensa galega dos anos da Segunda República non foi neutral. Non podía selo. No volume “República e republicanos en Galicia”, María Carme Pérez Pais estuda a posición do xornalismo a través dos catro grandes diarios do momento. O máis relevante era “El Pueblo Gallego”, neses anos da man de Portela Valladares, cuns trinta mil exemplares de venda. Foi un gran proxecto de xornal republicano, galeguista, democrático, laicista e reformista. Coas mellores firmas do galeguismo e das letras do momento. O que máis atención prestou ós problemas galegos e máis apoiou a campaña en pro da Autonomía.
O coruñés “La Voz de Galicia”, xornal liberal, partidario dunha República de orde, centrista, tiña entón a metade da difusión de EPG e vía no Partido Radical unha alternativa ata que se esfarelou no propio poder. Na dereita conservadora e antirrepublicana estaban entón “Faro de Vigo”, moi antiautonomista, e “El Ideal Gallego”, un dos máis reaccionarios do momento, totalmente vinculado á Igrexa. Xornais que non acataban as reformas modernizadoras do novo réxime: nin sequera aceptaban o divorcio que, escribían, desamparaba ás mulleres. Xornais de todas as cores, había para todos os gustos. Como hoxe mesmo.
Semanas de paixón. (Pan por Pan venres 23 maio)

A Mariano Rajoy agárdanlle varias semanas de paixón ata o congreso de xuño do PP. A degradación parece xa imparable. Cada día suma un novo goteo de críticas, saídas de ton e defeccións. O máis sorprendente é que custa ver aí algo máis que un problema de formas: non hai ideas a debate, menos proxectos ideolóxicos alternativos. Iso non significa que a crise non sexa grave: lembren o papel decisivo dos personalismos na descomposición da UCD. O certo é que a dereita, fóra do poder, non sabe resolver os seus problemas: onte un contertulio falaba nunha emisora de radio da “coalición de bloqueo” contra Rajoy que se está montando, dentro e fóra do PP. Un humorista galego, López, resumía o conto neste diálogo: “Agora vai resultar que Mariano é de esquerdas”, di un personaxe. E o outro resposta: “As posicións dependen das referencias”.

22 may 2008


A nova galiña azul, de Gondomar (que creo que non é azul alí).
Monxardín mandou crónica deste acto o 17-V. Agora recibimos esta foto (graciñas C. Méixome) onde se ve o monumento dedicado a Carlos Casares.
Por alí andaban, se se fixan, Afonso Moxardín e Belén Lorenzo, Xulián Maure, o propio Méixome, entre outros (tamén os mestres Carlos e Delfina, que militaran no nacionalismo popular auriense dos primeiros 70, saúdos a todos/as).
En Comentarios inclúo unha nota explicativa do Instituto de Estudos Miñoranos.

Xenial onte, López, en Galicia Hoxe (21.5.08)
Poesía (Bieito Iglesias, ECG 22 maio)

Alá na casa do pai envelleceu un can anódino, de boa traza pero pastrán e completamente inútil para a caza, o pastoreo ou a garda da morada. Caza a voo, ai iso si, a comida que lle botan e móstrase moi cariñoso coa familia. Dalle ao rabo con agarimo aínda ben non avista a un membro do clan, mais tales efusións rara vez son correspondidas cun aloumiño na súa testa de amante pelo amarelo, porque nun solar de tradición venatoria na que viviron míticos perdigueiros e algún excepcional perseguidor de xabaríns ou raposos, apenas se tolera a este animaliño torpe e comellón. Incluso o seu nome (Cuqui) resulta ridículo en comparanza coa Merola (formidable setter que levantaba poladas de perdices aínda que non portase as pezas cobradas); coa Pirula (que viaxaba soa a Ourense en coche de liña desde a aldea, para visitarnos no barrio onde viviamos daquela); coa Rin de perfecta cabeza e espectacular manela no rabo; co Turín de olfacto lendario (capaz de recuperar un paxaro caído no río e retido no leito da corrente por uns ganzaños) ou do aguerrido Pistón que botaba o porco bravo dos toxais. Agora o Cuqui enfermou, non come e láiase cando alguén da casa se lle achega. Un día destes, xa na alta noite, abrín a xanela para tirar a cabicha dun cigarro e oín a queixa lancinante do cadelo. Non se lle prestou demasiada atención cando estaba san e suplicaba caricias co rabo e moito receo que morra sen que ninguén o bote a faltar. Existen seres así, tan desafortunados que non concitan afecto nin odio, se acaso unha vaga incomodidade.
Pero como traducir o lamento do canino a unha linguaxe humana? Non encontro ningunha versión plausible en toda a poesía da experiencia desde Gil de Biedma a García Montero, tampouco na estrañeza lírica dun John Ashbery nin nas liridades galegas xa denunciadas no seu día por Manuel Antonio. Unha tradución aproximada atópoa nestas palabras de Edmond Jabès: "A dor é un ceo estrelado; a noite enteira está en nós" .
Noxo. (Pan por Pan 22 maio)
Imaxe: "Angustia", de Siqueiros.

“O noxo” é un excepcional conto de Blanco Amor, do libro “Os biosbardos”. E noxo sentimos tamén ó ler certas novas no xornal: por exemplo, ese xuízo contra un individuo que abusou dunha rapaza de dez anos, a cal quedou logo embarazada. É fácil imaxinar polo que tivo que pasar esa rapaza e a súa nai, chegadas dende fóra. Pero, á marxe da sentenza, que non podo valorar en termos xurídicos, é indignante a estratexia da defensa do acusado neste caso: afirmando que o adulto foi seducido pola nena (por unha nena de dez anos ?) e que a cousa non ten maior importancia porque é habitual no seu país de orixe. O acusado, colombiano, afirma que tal cousa, ter relacións cunha nena, é case o normal no seu país, que é tamén a terra de orixe da nena vítima e da súa nai. Se hai asociacións de inmigrantes colombianos ou suramericanos, xa deberían estar xa denunciando tal agravio. Digo eu.

Republicanos galegos (I)
Andoliña 22 maio (Imaxes: Lerroux e M. Azaña, este en caricatura de Loredano)


Publicado no 2006 polo Ateneo Republicano de Galicia, chégame agora o libro República e republicanos en Galicia, da man do historiador Emilio Grandío, o seu coordinador. Este libro colectivo agrupa 11 traballos: algúns enchen baleiros historiográficos; outros son sínteses útiles de diferentes perspectivas. A primeira parte do volume segue unha orde cronolóxica e abrangue o estudo dos grupos e líderes republicanos en Galicia dende a época de Isabel II ata 1936. A segunda parte escolle a perspectiva temática e ocúpase das relacións co republicanismo do movemento obreiro, da escola, da prensa e das mulleres, cunha última entrega sobre o exilio republicano en México.
Emilio Grandío esculca a andaina dos dous grandes grupos da Segunda República: a ORGA, de raíces galegas, e o Partido Radical, ámbolos dous con semellantes bases sociais (o PR con maior peso no mundo agrario). A ORGA, logo IR, abaneou cara á esquerda e rematou na Fronte Popular. O Partido Radical, acubillo de clientelas anteriores, na busca do centro, acabou nunha posición moi conservadora. O PR rematou desaparecendo meses antes da guerra. Dalgún xeito, os electores pensaron: de imitar á dereita, preferimos a dereita de sempre.

21 may 2008


ESTEREOTIPOS NA LITERATURA (RECICLANDO)

Lembro que toquei este tema, o dos estereotipos literarios, moitas veces nos meus artigos. Recupero dous deles, os dous anteriores ó nacemento do blog.

PAN POR PAN xoves 13 febreiro 2003
Andan cabreados os hispanos de Estados Unidos, 35 millóns, por un artigo dun tal Humphries na revista “Vanity Fair” despreciativo coa lingua española. “Olvídese do español” dille o columnista ós lectores, “nada hai nese idioma que pague a pena ler agás o “Don Quijote” que pode escoitar no CD do Home da Mancha”. E engade: “¿Con quen quere falar español? ¿Co servizo doméstico? ¿Cos xardineiros?”. Esta ristra de babecadas desvea como son os prexuízos de clase os que constrúen os estereotipos. Esa era a imaxe que daban tamén dos galegos os poetas do Barroco castelán: xente rústica, suxa, pouco de fiar, falsa, ladroa, etc. O xenial Quevedo escribiu das mulleres galegas: “Muy góticas de facciones/ y de pelo muy espín;/ virginidades monteses/ aman a lo jabalí”. ¡Que pouco cambiou o mundo”.

ANDOLIÑA mércores 22 decembro 2004. Galiza no espello exterior

Co mesmo título que encabeza estas liñas, Xosé M. Núñez Seixas publicou un interesante ensaio na revista “Tempos Novos” que subliña o descoñecemento absoluto que existe mundo adiante sobre Galiza como colectividade etnocultural e histórica de seu. É coñecida a anécdota da confusión entre o noso país e a Galitzia centroeuropea a disputa entre Ucraína e Polonia, como é habitual que os turistas galegos nas súas viaxes teñan que referirse a Santiago de Compostela para que os seus interpelantes sexan capaces de situar estas terras no mapa.
Os tópicos e estereotipos teñen raíces tan fondas como difíciles de arrincar: chega con viaxar ata a literatura castelá do Século de Ouro para encontrar a xénese de moitas dos perfís despectivos aplicados aos galegos, sobre todo aos dos oficios máis humildes en Madrid ou en Lisboa, como xa comentou Castelao no seu día e como estudou X.Caramés Martínez nun volume de Galaxia. Estes tópicos sobreviviron, confundíndose coa caricatura máis infame, e marcaron os os novos emigrantes a América do século XIX, fenómeno que Núñez Seixas ten analisado nos seus libros. É certo todo o que di o historiador ourensán ao respecto, pero o máis triste é que moitos destes prexuízos e estereotipos son tamén a imaxe interior da Galiza para moitos galegos.
MEMORIA HISTÓRICA. Un coruñés de 87 anos denuncia o alcalde por non suprimir "os ofensivos" símbolos franquistas nos lugares públicos. Expón que para os que viviron nesa época "a simboloxía trae moitos recordos desagradables" (Galicia Hoxe, 21.5.08. EUROPA PRESS. A CORUÑA)

Ovidio Bao, un coruñés de 87 anos, decidiu denunciar o alcalde da cidade da Coruña, Javier Losada (PSDEG), despois de que, pasados cinco meses da aprobación da Lei de Memoria Histórica, "aínda non retirase a simboloxía franquista dos lugares públicos". Bao sinalou que Losada "comprometeuse" a retiralos "en cumprimento da lei e en canto se aprobase" e recordou que esta simboloxía "é moi ofensiva para os que sufriron a represión do réxime". "Vostedes leno nos libros e veno como unha parte da historia, pero para os que o vivimos non é o mesmo, tráenos moitos recordos desagradables e este home non fixo nada por eliminalos, eu xa estou moi vello , vou morrer pronto e non teño ganas de aguantar máis, quero deixar isto solucionado", sentenciou. Este coruñés tomou a decisión de acudir ós xulgados porque cada vez que pasea pola rúa ou ve a estatua de Millán Astray, situada nas inmediacións da súa casa, recorda a situación que sufriu o seu pai despois de que en agosto de 1936 saquearan a súa casa coa intención de matar o seu pai que tivo que estar escondido de Franco durante ó redor de tres anos, para terminar encarcerado por oporse ideolóxicamente a el. Finalmente, tras estar no cárcere, o pai de Bao puido arranxar a súa situación grazas á axuda dunha monxa de Lugo que era irmá dun xeneral. "Se non non sei que pasaría porque estes non se andaban polas ramas", recoñeceu. Neste sentido, Bao lamentou que na Coruña "a única lei que se cumpre é a de prohibir a entrada a cans en bares e autobuses, mentres que en Londres e París poden ir a todos os sitios". "Eu teño un caniche e non podo levalo a ningún sitio e logo o importante déixase nun segundo plano", criticou.
Na frente unha estrela, de X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 19.5.08)

Foi inaugurada na Casa dos Poetas de Celanova unha conmovente exposición sobre recordos e pertenzas de Curros Enríquez, no centenario do seu pasamento e enterro na Coruña. Boa nova que conxugaremos co traslado do monumento a Curros dendesde seu desterro ao centro de Vigo de onde un alcalde franquista o tiña expulsado. A exposición de Celanova leva o rubro dun poema dedicado a Rosalía por Curros: NA FRENTE UNHA ESTRELA. A estrela, como símbolo da Liberdade, do Xenio, da Enerxía Criativa, da Emancipación. Trátase seguramente da estrela vermella de cinco puntas que Castelao puxo onda unha fouce de ouro no escudo republicano de Galicia, deseño que, obviamente, non figura entre os símbolos oficiais hoxe, por non ser de substancia autonómica senón nacional e popular. De modo que a exposición de Celanova chámase NA FRENTE UNHA ESTRELA. Ordenou de facer a exposición a Academia Galega e executouna, co concurso do Patronato Curros Enríquez, X.L. Axeitos. Beizón aos leais e pertinaces! (...)
(o artigo completo)
Avisos.
Estaba mal a ligazón do Fío Musical 15: A voz, instrumento máxico, de Xabimusic (máis abaixo).
Agora xa está ben. Non deixen de ver o video: paga a pena.
Máis avisos: amigo don Xohán da Coba, xa ten no Trampitán os dous libros dedicados. E amigo Xosé Manuel González, graciñas polo seu envío: daremos conta del aquí, home claro.
Sen ficar pequena, de Rosa Aneiros (GH. 21.5.08)
Podería eu dicir con Fernando Esquío: "Amor, a ti me venh´ira queixar/ de mia senhor, que te faz enviar cada u dórmio sempre m´espertar/ e faz-me de gran coita sofredor./ Pois m´ela non quer veer nen falar,/ que me queres, Amor?" E tamén con Curros Enríquez "Ai vén o maio de frores cuberto... ¿Queredes castañas dos meus castiñeiros?... Cantádeme un maio sin bruxas nin demos; un maio sin segas, usuras nin preitos, sin quintas, nin portas, nin foros, nin cregos. Claro, da man de Manuel Antonio, "...A noiva goleta... enloitada de branco... que cose con roitas esquencidas... acena no vento as súas velas como ese pano das despedidas". E, como non, Pondal: "Nobre e harmoniosa fala de Breogán, fala boa, de fortes e grandes sen rival; ti do celta aos ouvidos sempre soando estás como soan os pinos na costa de Froxán; ti nos eidos da Celtia e co tempo serás, un lábaro, sagrado que ao triunfo guiará, fala nobre, harmoniosa, ¡fala de Breogán!". E con Novoneyra: "Chove, para que eu soñe?". Da pluma de Celso Emilio: "Por enriba de tódalas fronteiras, por enriba dos muros e valados, si os nosos soños son igoales, como un irmau che falo.Común temos a patria, Común a loita, ambos. A miña mau che dou, Coma un irmau che falo." Ou con Pilar Pallarés: "Amei-te tanto esta tarde, cando ti non estavas, e estava o ceo como un atlas de auséncia, esvarando nas horas!" Ou con Marica Campo "Falabamos da praia e das gaivotas, dos cabalos de mar e de Alfonsina, o ecoar misterioso da buguina levounos por areas ben remotas....". Podería eu dicir milleiros de palabras e nesta celebración tardía das Letras Galegas sempre ficar pequena. Por iso, e abonda, parabéns pola nosa lingua.
en poleiro alleo
Xenofobia en Italia, de M. A. Fernán-Vello (Galicia Hoxe 21.5.08)

Rajoy e os estereotipos
Andoliña 21.5.08
Supoño que son un dos moitos galegos e galegas cabreado pola crise do Partido Popular. Non pola crise en si, que xa entrou nos terreos do esperpento político, senón polo tratamento informativo que se lle dá da mesma nalgúns medios. Os medios que agardaron ata este barullo de declaracións, contradeclaracións e mensaxes crípticas para descubrir que Rajoy é galego e que todos os seus movementos son, así editorializa un xornal de Madrid, "habilidades de un gallego".
E xa estamos asolagados no imperio dos tópicos: a súa astucia galega, a súa indecisión porque non sabe se sobe ou baixa da escaleira, a súa ironía e desconfianza etc. Todo vale no esquema. Se en Madrid lesen a Santiago Lamas agora estarían a falar da "crise borrosa" do PP, porque o seu máximo dirixente procede da ancestral Galicia Borrosa.
Que digan o que queiran, penso. Pero resulta abafante este abuso dos esterotipos que, como indican algúns estudos, veñen de moi lonxe, de varios séculos atrás sen dúbida: velaí os poemas que nos dedicaron algúns poetas españois (moitos) do Século de Ouro. Curioso que caian nestes retratos simplistas, aqueles que logo se fartan de dicir que eles están por riba dos argumentos identitarios. Curioso de verdade.

20 may 2008


Salvador de Bahía, ao lonxe, de Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 20.5.08

Estívenlles dando un curso na Universidade Federal da Bahía e outro nunha sociedade galega alá no Salvador hai exactamente vinte anos. Leva chovido moito pero, polo seu exotismo, gardo moitas lembranzas. Moitas cousas me chamaron a atención. É unha cidade medio africana. Os olores, os sabores, as froitas, as xentes, son, maiormente, afro. Grazas ao Carlinhos Brown e a restauración do barrio do Pelourinho -onde nós entraramos acompañados e case con medo- é ben máis coñecida agora. Chamoume á atención ler que na súa historia denominaban galegos a todos os estranxeiros. Non só a galegos -case todos da zona de Ponteareas, Verducido e Terra de Montes-, españois e portugueses. A todos. Así dividian á xente en negros, mulatos, indios, brancos e galegos. (Os bosquimanos -con perdón pois os reivindicadores deles queren chamarlles ‘xentes de fala San’ e consideran insultante o de ‘bushmen’ ou ‘bosquimanos’ homes do bosque- dividen o xénero humano dunha forma máis simpática e complicada: brancos, negros, crocodilos e portugueses. Os brancos son os de Sudáfrica, afrikaneers ou ingleses; os negros, eles, falen San, bantú ou swahili; os crocodilos, parentes por depositarios da alma dos antepasados, e os por tugueses, esoutros que nin os brancos do sur, nin negros, nin cocodrilos, e que andaban por alí, por Angola e Mozambique.) Chamoume a atención en Salvador o de costas que vivía ao mar. Os vellos jangueiros de Jorge Amado non deron nunca o salto á modernización. Así, no mercado do pequeno porto de Praia da Barra os mariñeiros negros sen raíces na pesca, a todo o que caia na rede lle chamaban ‘peixe’ e por todo pedían o mesmo prezo. A lóxica era implacable: xa que todo caeu na rede, todo deu o mesmo traballo, todo custa igual. (...)
Rogativas pola lingua galega, X.M. Sarille (ECG 20.5.08)

Un filme italiano dos anos cincuenta ambientado no Sur, conta que a superioridade obrigou a un alcalde democristián a construír un depósito de auga e canles de distribución para regar as terras de cultivo. Por desidia e torpeza, a corporación municipal non fixo nada e cando chegaron as calores comezou unha forte seca que deixou os campos ermos. Entón o párroco e os fregueses devotos convocaron aos campesiños para saír en rogativa pola aldea, pedíndolle auga ao ceo, coidándose de non facer referencia ás solucións técnicas nin ás responsabilidades políticas, porque os párrocos á hora de facer distincións son efectivamente moi coidadosos. Os edís democristiáns non laboraban pero si que oraban, e por iso marcharon tamén na procesión detrás do saio, como se o arranxo da auga fose asunto da divindade. E así, barbeáronse para arriba unha vez máis.
Na manifestación pola lingua deste domingo abundaba a xente que desexa cambios, pero había igualmente moitos alcaldes e concelleiros nacionalistas que teñen o idioma completamente abandonado nas súas corporacións. Eles van tamén a estoutras rogativas, cunha disposición para abanicarse parecida á dos seus homólogos italianos, porque saben que os lemas e os manifestos non lles van pedir responsabilidades. O mesmo pode dicirse dos conselleiros do Bloque e do Vicepresidente da Xunta, indiferentes á decadencia lingüística.
Eu digo ademais que o galego está moi mal, peor que nunca, e no entanto non admito en absoluto que esta posición se considere apocalíptica, e menos aínda extrema, como afirmou estes días Manuel Rivas. Porque está meditada e baséase en datos obxectivos. Acaba de publicarse outra estatística, outra máis. Di que o noventa por cento dos xoves das cidades non usan nunca o galego. Nunca.
Cando se discute a calidade literaria dun país pódese intuír e adornar, mais a saúde do idioma mídese con cifras, non só con fabulacións e sensacións. E hai dúas alternativas. Unha é amosar eses datos e pedir novas políticas. A outra é ignorar as cifras, como se non pasase nada e brindar cos gobernantes. É a verdade, a áspera verdade, que dicía Danton.
Despedidas (case)
Andamos xa case de despedidas cos alumnos/as de 2º de Bacharelato. E andan a facerse fotos de despedida cos profesores, por exemplo, nos corredores do Instituto. Nesta, de esquerda a dereita, están varios alumnos/as de 2 Bac. Ciencias: Sandra Campos, Laura Blanco,
Adrián Nóvoa, Pablo Rodríguez e Hugo Fernández. Todos, boa xente...

Un drama europeo
Andoliña martes 20 maio

Nun posible guión de cine a secuencia está moi clara. Gaña as eleccións nun país mediterráneo un líder populista e conservador, ademais de millonario e dono dos grandes medios de comunicación. Gaña logo un candidato fascista na capital dese Estado. Hai fotos de entusiasmo das masas, brazo en alto, que se difunden por internet. Neses mesmos días morre un mozo dos golpes recibidos por parte de militantes fascistas: sen motivo, ó chou. Os xornais contan que hai máis de 50.000 militantes fascistas nese país. Estas novas nos xornais fannos pensar que estamos a ler o guión dunha película de denuncia dos anos 60. Ou que xa a vimos asinada por Bertolucci ou por Pontecorvo.
Os políticos que gañaron as eleccións intensifican as súas declaracións racistas e xenófobas. Nalgunhas cidades empezan a arder campamentos de xitanos: moitos deles, serbios ou romaneses, volven cara ós seus fogares. Disque a Mafia está detrás dos ataques vandálicos, nunca espontáneos: os que atacan tamén son pobres, pero as vítimas son aínda máis pobres. As construtoras da Mafia edificarán logo vivendas sobre ese chan queimado. Non, non hai casualidades. E isto tampouco é un guión de cine: está a suceder na Italia dos nosos días.

19 may 2008

A VOZ, ESE INSTRUMENTO CASI MÁXICO (Xabimusic). Fío Musical, 15.

Tiven unha profesora de pedagoxía musical que lle chamaba ó corpo humano o "corpófono" pola cantidade de recursos sonoros que o corpo encerra. Ademais das posibilidades da body percussion, os propios órganos de articulación da voz tamén poden crear cantidade de sons que moitos intérpretes teñen integrado nas súas creacións. Todos coñecen seguramente as actuacións de B. Mcferrin como exemplo paradigmático.
Pero hoxe quero ofrecerlles unha auténtica curiosidade na que o protagonista é todo un coro.

en poleiro alleo

* 17-M. A cidadanía sae á rúa. Arredor de dez mil persoas aplícanlle ao Goberno do bipartito un correctivo para cambiar a política lingüística da Xunta e lograr que se cumpra a lexislación (MARÉ, Galicia Hoxe 19.5.08)

* Manuel Forcadela : "Falar de bilingüismo en Galicia é unha contradición nos termos". “O nacionalismo non é máis que a forza centrípeta que condiciona a existencia de nacións. Levamos douscentos anos de loita para conseguirmos ser o que somos.Non somos o resultado dun capricho senón que somos o resultado da historia”, entrevista de M. Vidal Villaverde (GH. 19.5.08)
axenda: Antón Tovar
Peche do VI ciclo Visións de Galicia no Liceo
(Esta foto de A. Tovar en Castro de Beiro é, como todo o mundo sabe, da autoría de Blanco Amor)

Conferencia de Marcos Valcárcel sobre a personalidade poética e vital de Antón Tovar, o gran poeta e diarista (20,15 h.)

Ó tempo, teño pensado facer unha pequena síntese de toda a poesía de posguerra galega (para dar unha visión de conxunto, no remate do ciclo) e, se hai tempo, tamén un pequeno percorrido visual por ese momento histórico das nosas letras.

18 may 2008


Crónicas desde Madrid: Zapatero evita a foto co BNG ata as eleccións (LVG 18 maio 08)
O Bloque teme que Touriño intente gobernar en solitario a partir do 2009. (Gonzalo Bareño)
Un artigo interesante sobre as estratexias ante as próximas autonómicas.
Cen anos de historia cultural
2002: Casares, Freixanes, Ferreiro
(Pola esquerda, Carlos Casares, Víctor Freixanes e Rosa Aneiros)

A prensa cultural comezaba o ano 2002 falando dunha obra clave publicada a finais do ano anterior: Galicia, unha luz no Atlántico (Xerais), a xeito de summa de ensaios e documentación sobre a historia do país e a súa realidade actual. Coordinaba aquel traballo Víctor Freixanes e contaba con traballos de Ramón Villares, X. M: Núñez Seixas, Marcial Gondar, César Portela, Henrique Monteagudo, Xavier Vence e Guillermo de la Dehesa. V. Freixanes reeditou nese ano ademais A cidade dos Césares, premio Torrente Ballester no 92 e novela coral á vez que relato dun soño epopeico fundacional. En marzo, a morte de súpeto de Carlos Casares conmocionaba o mundo cultural e todo o país. O autor ourensán deixaba unha gran novela póstuma publicada de inmediato, O sol do verán. Moi cedo saíron algúns monográficos sobre o escritor como o nº. 217 da revista Quimera ou o volume C.Casares, punto de encontro (Concello Ourense).
Foi un ano fecundo nas letras. Na narrativa, empezo por Xosé Fernández Ferreiro coas novelas Millo verde (Xerais), pesadelo da tortura interior dun profesor acusado de violar a unha alumna, e O último paraíso (Espiral Maior), novela curta e descrición dunha utopía que serve de réplica a O minotauro. O premio Xerais de novela era para Concubinas, historia de amor e soidades, de Inma López Silva. Xerais publicaba As chamadas perdidas, 24 relatos realistas, de Manuel Rivas; Longa Lingua, libro colectivo de relatos coordinado pola Mesa de Normalización Lingüística; Sentinela, alerta!, dez contos de temática social e antifranquista, de María Xosé Queizán; Ganga, de Antón Lopo, procura da identidade e a salvación dende as experiencias psicotrópicas; O ladrón de esperma, de Xavier Queipo, prosas experimentais premiadas no Café Dublín da Coruña; Santos e defuntos, relatos cheos de humor e ironía de Gonzalo Navaza; Escáner, de R. Caride; Un baile de moscas, de Kiko Neves; e O baile da mariolas, de Rosa Vidal.