6 ago 2009



A portada norte

Afonso Vázquez-Monxardín

Temos unha catedral impresionante. Fermosa. Orixinal. Dinámica. As portadas norte e sur, o Pórtico do Paraíso, o ciborio, a claustra nova, o retablo de Cornelius, a éxtase barroca do Santo Cristo Ese románico transición gótico que foi mudando desde a tripe ábsida á xirola actual Certamente por moi próxima que a teñamos non debemos deixar de admirala e mimala. Así, fixemos desde sempre e o 3 de xuño de 1931, grazas á sensibilidade republicana polas cousas da arte, foi declarada ‘monumento nacional’.

Só os máis vellos do lugar lembran xa o vello coro no centro da nave maior (foi removido en 1937 e trasladada a sillería á capela do Santo Cristo e ao pé do altar maior). Pero moitos recordamos a última grande intervención, a construción da escaleira da fachada oeste, a da Praza de San Martiño, cousa que foi alá polo ano do noso señor de 1972.

Sabemos tamén que a nosa catedral ten pinta de castelo. Sobre todo desde que lle liberaran e refixeran as ameas da súa fachada sur. Estas e os torreóns danlle unha aparencia compacta e case civil. Así, tamén é coñecido que foi lugar de ‘encastelamento’, de acobillo, de refuxio nas liortas nobiliares e cidadáns da fin da idade media. Nunha destas, a portada norte sufriu o indecible. Foi no enfrontamento entre o Conde de Lemos e o de Benavente en 1471, tal e como nos conta na súa fermosa e recomendable web de visita virtual elaborada polo Bispado de Ourense.

Ben. Pois témola abandonada. Tamén a portada norte está abandonada. Hai moitos anos, contra 1963, fíxose un tratamento moi bruto consistente nun baño de cera quente para impermeabilizar a pedra. Por iso -máis que polo lume dos combates Lemos-Benavente- é polo que ten ese ton escuro. Pero a humidade seguiu subindo por ósmose polo interior e a pedra foi amolecendo e arestora está esconchando. Se un ve as fotos de hai uns anos e observa a realidade actual das dúas figuras das columnas, colle medo.

É imprescindible unha actuación decidida para que non se esfarele de todo. E se cadra valorar a reposición ¿por que non? dos fustes decorados das dúas arquivoltas na parte oeste ou as cabezas que faltan xa de vello. E limpar o tímpano que hai por riba da fachada, na escena do descendemento da cruz que ao redor do pobre Cristo hai, digámolo finamente, vinte centímetros de ‘guano’ e todo tipo de obxectos-lixo enganchados nas puntas escorre-pombas.

Portada norte e Capela de San Xoán, habémosvos pór na lista con San Francisco, Banco de España, e cárcere vello, para cando veña de novo a Ilustración. Se é que algo queda daquela.(La Región:04-08-2009)