
Luchino Visconti
PAN POR PAN martes 5 decembro
Pasei a tarde gris do domingo vendo “O gatopardo” de Luchino Visconti. Xa a tiña visto varias veces, pero comprobei que garda toda a súa fascinación orixinal. Poucas veces se retratou con tal acerto a decadencia duns poderes e a súa transformación noutros, nun proceso case natural. Afonso Tancredi (Alain Delon) pasa de militar na guerrilla garibaldina a xustificar logo o fusilamento dos seus compañeiros que non aceptan a nova orde burguesa. Inspirada na novela de Lampedusa, a película de Visconti debería ser de visión obrigada nas Universidades: quizais tamén nas aulas dos Institutos.
Contan que Togliatti, secretario dos comunistas italianos e amigo de Visconti, viu a película nun pase privado co director. Para algúns críticos a escena do baile, que dura un tercio da cinta, é moi longa. Pero Togliatti díxolle a Visconti: "Non cortes nin un metro da película". E tiña razón.