O asasinato de Laura
XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA
Galicia Hoxe, 06.09.2009
Unha vez máis, un asasino machista matou unha muller na Galiza. De se confirmar a certeza da confesión do seu antigo mozo, estariamos diante dun asasino que pensou que a vida de Laura non se podía de- senvolver se non era vencellada á súa propia. Que pensou que, por ser Laura da súa propiedade, había matala se quería excluílo por sempre da súa vida. Como en tantas outras ocasións, de se confirmar esta tan probábel autoría, un home matou a muller que compartiu a súa vida cando ela decidiu romper con el e comezar unha vida distinta. Para os violentos machistas, o único xeito que teñen as mulleres de garantir a súa vida ou integridade física é renunciar ao exercicio da súa liberdade.
En calquera caso, esta morte terríbel amosou a gravísima inconveniencia de retirar as denuncias baseadas en feitos delituosos reais por meras conveniencias persoais, veciñais, profesionais ou familiares. Un violento machista é un delincuente que cómpre pechar no cárcere ou afastar efectivamente para prever a violencia na denunciante, na súa contorna e mesmo noutras posíbeis e futuras vítimas femininas.
Tamén vimos a serenidade na manifestación de dor e de solidariedade coa familia da veciñanza e amizades de Laura. Un comportamento solidario e maduro, propio de sociedades democráticas avanzadas que se abstivo desas apelacións á pena de morte ou á vinganza que temos visto tantas veces noutros países e territorios do Estado. Por unha vez, os galegos demostramos unha madurez moral e cidadá que non sempre se dá nos momentos posteriores a un asasinato.
Alén das especialidades da prevención e represión de lacras como a violencia machista ou a pederastia, convén mirar máis polas vítimas. Cómpre irlles recoñecendo ás vítimas de calquera crime violento os mesmos dereitos a respecto das vítimas do terrorismo. E nomeadamente ás vítimas da violencia machista, que se ten revelado tan cualitativamente asasina como a ETA, só que nunha cantidade moi superior. Dereitos para facilitar a resocialización, a reinserción laboral e educativa e mais a terapia psicolóxica para estas vítimas do crime.