21 nov 2008



Marcos Valcárcel

XAIME DA PENAAvogado e galeguista.


Un que xa nos se vos emociona por case nada, que debulla na realidade, anota as contradiccións e denuncia todo aquelo que un home pode denunciar, e que nin se ocorre endereza-lo dereito pensa que poucas persoas da nosa terra, quizabes se contan cos dedos dunha man, merecen unha homenaxe coma a que o día 29 se lle vai a dar a Marcos Valcarcel en Ourense.

Sei que nestes días somos moitos, e en tódolos medios posibles os que nos sumamos a esta celebración, que constata a profunda admiración pública que sentimos por este ourensán sabio.

Cada un de nós, ben polo coñecemento directo da súa persoa ou pola súa obra, facemos unha aproximación do Marcos historiador erudito, do escritor pulcro e cosmopolita, do conferenciante exuberante, do profundo coñecedor do galeguismo e dos galeguistas e que día a día, achega a achega, vaite vernizando ata te sentires un privilexiado de ser galego, da túa cultura e do teu país.

Cando Pondal xuntou os dous cualificativos de Bó e Xeneroso, non podía pensar en Marcos Valcárcel, pero o noso amigo, o máis famoso vendimador da rede, o patrón DAS UVAS NA SOLAINA, é especialista en facerte sentir ben, transmíteche a paz xusta para exprimirte no debate, ca seguridade de que sempre che vai axudar para non retirarte derrotado e erguerte o día seguinte para segui-la análise, que é preciso que continúe para illa-la incultura e a soberbia discriminadora.

Marcos tamén ten todo aquelo que sempre quixemos do noso pai e para o noso fillo, a tolerancia suficiente para que te comprenda nun extremo e un sorriso cómplice despois dunha zoupada, !vas caer¡, pero con eso non se nace, eso faise o longo de cincuenta anos, día a día, lectura a lectura e artigo a artigo, e de aí ese bendito respecto profesoral que lle temos os seus okupas, e como dicía o outro senón existira habería que fabricalo. Nós témolo, disfrutémolo.


(Outro millón de grazas máis, tamén para vostede, amigo Xaime. )

Fonte: Xornal.com, 21 de novembro de 2008.