25 feb. 2007


Historias de Galicia (primeira impresión)

Veño de ver, agora mesmo, a estrea de Historias de Galicia, a nova serie de divulgación histórica da TVG, cun equipo de asesores excepcional (entre outros, Villares, Beramendi, Núñez Seixas, H. Monteagudo, Fernández Prieto, Calo Lourido, López Carrera, etc.).
Esta primeira entrega ocupouse da relación do home en Galicia co territorio, dende o mundo castrexo ata o caos da cidade das áreas metropolitanas de hoxe, pasando polo mundo medieval, a cidade racionalista de Ferrol impulsada dende a Armada ou o fanado Plan de Antonio Palacios para Vigo nos anos 30.
Escolleuse un rexistro capaz de combinar a divulgación e o seguimento da serie por un amplo público e o rigor histórico. E sempre cunha mirada na actualidade: explicitando como os problemas do pasado (e ás veces as solucións adiadas) repercuten no noso vivir cotián de hoxe.
O que vin gustoume. Dende logo é un programa útil e necesario, pouco habitual ata agora para os tipos de produto que ofertaba a TVG.
Parabéns para os responsables da criatura.



CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1956. A emigración galega.

En claves moi resumidas: o ano do Primeiro Congreso da Emigración Galega, coa participación de todos os exiliados, chegados dende diferentes países de América.
Da creación en Buenos Aires da Agrupación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA). Da fundación de Papeles de Son Armadans, a revista de Cela, que tan ben tratou ós poetas galegos (velaí a relación de poetas colaboradores que cito).
E de O tempo solprendido, de Celso Emilio; Na brétema, Sant-Iago, de Luís Seoane; do Cancioneiro, de Eduardo Blanco Amor. E doutros libros de Ramón Lorenzo, Manuel Casado Nieto (O ronsel do teu silenzo), Álvaro Cunqueiro (As crónicas do sochantre), Rodríguez Mourullo (Memorias de Tains); Daniel Cortezón, Victoriano Taibo, Julio Camba, Faustino Santalices (un método para tocas a zanfona)
E desa marabilla que é Grapes and granite, de Nina Epton.
E cando Fole empezou o seu "Cartafolio de Lugo". E María Cofán, actriz ourensá, a súa carreira no cine. E cando morreu Álvaro Cebreiro e Enrique Muíño.
E cando naceron Suso de Toro, Claudio Rodríguez Fer, Manuel Guede, Fernández Naval, Pepe Carballude, Xosé R. Pena, Ballesteros Rey, Xoaquín Agulla, Antón Costa Gómez, Xosé H. Acuña, Xurxo Lobato, Xosé Ramón Gayoso, etc. etc. (varios deles ademais amigos).
(Nas imaxes: a actriz María Cofán (foto do "Diccionario do Cine en Galicia"); Seoane e Dieste en Buenos Aires, e Xosé Velo no Primeiro Congreso da Emigración Galega). O artigo completo.

Aclaración (outra vez a guerra civil…!)

Hai uns días recibín unha chamada dun dos responsables dunha tv local de Ourense, TV Auria. Nin a vexo nunca (na miña casa non se colle) nin teño dela máis referencias que algunha cousa escoitada ó chou. Pedíame unha entrevista, hoxe domingo, sobre a guerra civil en Ourense. Aclareille ó meu interpelante que existía un especialista no tema, Xulio Prada, autor dunha brillante tese doutoral ó respecto, aínda que eu tiña un artigo longo sobre o tema (do ano 1987: van aló 20 anos!!). Pero insistiu en que acudise eu, porque me coñecía polos artigos da prensa e a Xulio Prada xa o chamaría noutra ocasión, díxome. Accedín por educación e porque non vía razóns para non asistir.
Hoxe cheguei alí, fun recibido moi amablemente, e pídenme que me sente no estudo nunha mesa para tres. A persoa que me chamou vai facer de moderadora e pídeme os meus datos e confírmolle que vou falar en galego. A outra persoa na mesa (eu non sabía quen era) di que é bilingüe pero que falará en castelán, porque están a impor o idioma e el protesta dese xeito (isto xa me cheirou moi mal). Empeza a suposta entrevista e vexo que en realidade se vai tratar dun debate e dá os datos do convidado misterioso: unha persoa da que só di que pertence a Falange de las Jons. Neste momento eu interrompo ó moderador (Gonzalo) e, sacándome o micrófono, dígolle que me retiro, porque me sinto enganado: nunca se me dixo que eu asistiría a un debate (outro! xa tiven unha experiencia difícil en Telemiño o ano pasado) e menos cun representante dun partido fascista. Gonzalo reacciona porque ve que se queda sen programa e pídeme encarecidamente que me quede. Dime que me entrevistará só a min e sobre o tema previsto (se emiten todo isto, aínda que non creo, sería divertido). Acepto nesas condicións e, despois de que eu me vaia, que fagan o que queira.
A entrevista foi normal, uns 20-25 minutos, falei da represión en Ourense e mesmo con algunhas referencias á actualidade, provocado polo entrevistador. Marchei de alí sen máis problemas e co compromiso de que me mandarían un DVD coa miña intervención. Aclaro todo isto coa seguridade de que será emitido tal como alí se me asegurou: como unha entrevista persoal e non un debate cun falanxista. En calquera caso, quede claro o que sucedeu en TV-Auria: a quen poida interesar...
(A imaxe é de Basquiat)
A escola en Finlandia.

Segundo varios estudos, Finlandia é un dos países cun sistema educativo máis avanzado e eficiente; de feito, encabeza o Informe Pisa da OCDE dende hai varios anos. É un sistema case totalmente público (o 90 por cento das escolas), con comedores e libros de texto gratis e mestres moi motivados porque gozan dun gran recoñecemento social (pero seica cobran menos que os españois). Os centros teñen certa autonomía e liberdade de programación e só un 10 por cento dos alumnos abandonan a escola trala primaria (a media europea é o 18). Por iso me sorprendeu un dato que ofreceu esoutro día o psiquiatra Luís Ferrer: Finlandia ten un índice máis alto de maltrato á muller que España e tamén un dos niveis máis elevados en suicidios adolescentes. A escola pode facernos máis felices e mellores cidadáns. Pero o seu poder non é omnímodo.
(Pan por Pan domingo 25 febreiro. Imaxe de Lucien Freud)