10 jul 2008


Santiños, de Bieito Iglesias (ECG 10.07.2008)

Aqueles que non militamos no Partido Nacionalista de Raxoi nin no Partido Porreiro (quérese dicir lindo, óptimo) de Zapatero e tamén non no Partido do Revés (Bloque) temos que camuflarnos dentro dalgunha malta ou loxia, pois nun país tan gregario logo pasas por toxo se enxeitas o rabaño. Será por iso que está nacendo a Liga dos Bieitos, asociación sen ánimo de amolar que aspira a reconducir a cousa beneditina, dándolle un pulo descoñecido desde a reforma cluniacense. Contamos co mellor valedor posible: ese San Benitiño avogoso na cura das verrugas e omnipresente como patrón de Allariz, Arbo, Cambados, Cenlle, Cortegada, Cuntis, Gondomar, Meaño, Meis, Pontevedra, Porriño, Portas, Samos, Boloña, Montecassino e Palermo. Haberá quizais porfía á hora de escollermos o himno, entre os partidarios de cantarlle ao santo milagreiro de Lérez e os seareiros irredutibles do San Benitiño da Cova do Lobo, hei de ir alá miña nai se non morro. Sendo efectivamente o benaventurado de Nursia padroeiro dos moribundos, igualmente protexe aos mineiros e espeleólogos, estendendo o seu amparo a editores (Bieito Ledo), xornalistas (Bieito Rubido), músicos (Bieito Romero), historiadores (Bieito Alonso) e prosadores (este lerenda).
A Liga dos Bieitos xoga con dúas vantaxes respecto de calquera outro grupo de presión: o propio nome benditoso (benedictus), un talismán que impide que os bautizados con esta graza nos convertamos en lobisomes; e a posibilidade de fichar un auténtico crack (nada de estrelas de segunda grandeza tipo Cospedal ou Leire Pajín) como Bieito XVI. En conxunto somos uns benditos, con algún garavanzo negro como certo tocaio bravo e lascivo citado nunha cantiga de escarnio do século XIII: "Don Beeito, ome duro, foi beijar pelo oscuro a mía senhor; ome é ome aventurado, foi beijar pelo furado a mía senhor". A nosa primeira campaña restituirá o mesón do Bento ao seu lexítimo dono, porque nunca o vento nin o seu irmán (o aire) se dedicaron á hostalería.
RAMÓN PIÑEIRO A DEBATE (e 3)
Andoliña xoves 10 xullo

Son moitas as posibles perspectivas desde as que resulta pertinente debater sobre a figura e a obra de Ramón Piñeiro: históricas, políticas, filosóficas, literarias, etc. Por desgraza, algúns dos que xogan xa a descualificalo nin sequera coñecen a súa biografía, na que non faltou o cárcere e a persecución no franquismo. Dende unha modesta habitación da rúa Xelmírez, Piñeiro recibía xente, daba azos ós que traballaban, pensaba libros, escribía cartas, erguía proxectos culturais. En boa medida todos somos fillos desa herdanza de moitos anos.
Sen caer na haxiografía, absurda e inútil, moitas das ideas de Piñeiro circularon no tempo, conducidas coa enerxía do sentido común. Velaí a súa tese sobre a necesidade de galeguizar a toda a sociedade e ás diversas ideoloxías: parece obvia, outra cousa son os medios, cómo se fai iso. Non é doado, ben o puidemos comprobar nestes anos. Ou a relevancia das elites intelectuais na construción do galeguismo.
Ou a súa convicción de que o futuro do galego estaba no mundo urbano, asociando lingua e modernidade. Nos anos oitenta, a Piñeiro preocupáballe a distancia entre o noso autogoberno potencial e a escasa conciencia galeguista da sociedade. E nesas aínda estamos.

Xornalismo.
Pan por pan xoves 10 xullo

Estamos no ano do centenario da morte de Curros e, entre as homenaxes e mostras celebradas, creo que un dos feitos máis positivos foi a lembranza do seu papel como xornalista. Entre outras cousas, porque foi o seu medio de vida e, dende o mesmo e nas difíciles condicións da súa época, foi quen de manter unha gran coherencia ideolóxica en todos os seus artigos, nos da prensa galega, nos de Madrid ou nos de Cuba. Como xornalista exerceu coa mesma coraxe e enerxía que como poeta cívico. Velaí os seus artigos contra o papel dos Estados Unidos na guerra de Cuba como “Perfidia yankee” (1896), onde lles dedica ós norteamericanos algunhas xoias (“nación mercachifle”, “falsa y egoísta democracia”) e os acusa de arrapañar pola forza os territorios de Texas, Carolina do Sur e alta California. Se chega a ser hoxe, o rebelde de Celanova igual acaba en Guantánamo.
axenda
xoves 10 xullo, conferencia "Curros xornalista" (10 h.). Celanova. Curso Os Sons e As Imaxes da Información. Radio, Televisión, Internet.
Organizado por Univ. Vigo, Fundación Casares e Consocio Audiovisual de Galicia (comisario do curso: Miguel Anxo Fernández).