31 may. 2006


Zapatero e os profetas do non
(Andoliña mércores 31 maio)
Hai uns anos a dereita gobernante en Galiza adoitaba alcumar os nacionalistas do Bloque como os "profetas do Non". Daquela estes eran un partido antisistema, que non podía aínda nin soñar con chegar ao poder e que seguía, xa que logo, unha estratexia maximalista á agarda de tempos mellores. Lembreime onte deste alcume no Debate do Estado da Nación, pois, sen usar esa expresión, iso mesmo foi o que lle chamou Zapatero ao xefe da oposición, Mariano Rajoy.
Ao líder socialista bastáronlle uns minutos para tirar por terra o discurso "catastrofista" do seu adversario: unha posición negada pola propia realidade e carente de propostas que remata por ser cómica, dixo Zapatero ("patética", diría eu). Zapatero foi contundente nas súas afirmacións: "Vostede non ten nin idea do que é verdadeiramente España", espetoulle a Mariano Rajoy. Así, o presidente do Goberno consolida un liderado gañado por propios méritos, defendendo unha imaxe dunha España plural na que collen todos os territorios e cidadáns do Estado. É a dereita a que segue sen encontrar o seu papel na función.

María Madalena e o simbolismo da cabeleira feminina
(Pan por Pan mércores 31 maio)
María Madalena foi un dos temas relixiosos retratado con máis liberdade polos clásicos, dicíalles eu onte. Así o fixo Tiziano na súa imaxe da Madalena: unha muller de aparencia devota, mirando ao ceo, pero dotada dunha exuberante sensualidade, que tapa coas mans só en parte o seu corpo espido (os peitos quedan á vista) e que arrodea o seu busto cunha inmensa cabeleira solta. Reparen no detalle: a cabeleira feminina como símbolo de sedución, tema sobre o que escribiu un ensaio Erika Bornay (Cátedra, 1994). O pelo solto como convite ao pecado: noutrora só se deixaba libre na intimidade oculta da alcoba. Co mesmo sentido foi usado polos artistas prerrafaelistas, sobre todo por Dante Gabriel Rossetti, pintor de belezas misteriosas como esta “Bocca Baciata” de hoxe (1859). Parte do segredo da súa atracción está nas cores rubias (“pelirrojas” en castelán) dos cabelos: outra clave da sedución feminina.