15 oct. 2008


Traficantes de insectos,
de XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Faro VIgo 13-10-08)

Cando eu era neno pasaba moito tempo a observar o que pasaba nun tanque de auga situado, para regar, en certa horta da cidade de Ourense próxima ao río da Barbaña. Chamáronme a atención uns pequenos esgarabellos que vivían nas augas verdosas, que nadaban moi ben e que, de tarde en tarde, subían á superficie sacando o abdomen e se proveían dunhas burbullas, non finaceiras senón de ar, que levaban consigo ás profundidades nas que habitaban. Unha vez que conseguía apañar algún individuo e depositalo no bordo do tanque, o becho soía despregar as alas membranosas e saía voando coma mesma habelencia coa que un momento antes navegaba a bucío. Nunha ocasión, e só nunha, vin, nun relanzo do Miño, contra os herbais que daquela había onda a acea e cachón de Oira, como un insecto moi parecido na forma aos esgarabellos do tanque pero grandísimo, subía á superficie e puña en contacto a cabeza co ar para, logo de facer visibel un instante o seu corpo poderoso e ovalado, perderse de novo nas fonduras do río. "É unha vacaloura de río" -díxome o Suso, que me acompañaba-. En verdade, aínda que o insecto de Oira ofrecía unha certa semellanza coa femia da vacaloura, non era tal. Supoño que o que vin daquela no Miño era un coleóptero da familia ou superfamilia dos Hydrophilidae, moi seguramente, un especimen do grande esgarabello acuático cuxo nome é Hydrous piceus. O insecto do tanque ao que me referín anteriormente pertencería a outra familia, a dos Dyscidae, e podía ser o coñecido como Acilius sulcatus.Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.
(Nota de M.V.: sempre haberá sitio nas Uvas para os artigos de Ferrín, sobre todo os que evocan a súa infancia ourensá. O clima literario deste non está lonxe do conto "O Suso": o mesmo Suso que se cita no artigo?)

Lectores/as?

"Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto -coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da sociedade -e sobretodo no plano estético- á que inicialmente vai dirixida. E mesmo moi por riba de sectores sociais cultos e galeguistas, e nacionalistas, que simplemente non len. "

Hoxe, en Galicia Hoxe, no artigo de Fernán Vello, "Literatura e sociedade".


TRAPECIO
PAN POR PAN mércores 15 outubro

Reviso, despois de non sei cantos anos, “Trapecio”, de Carol Reed (1956). Sen dúbida, unha das grandes películas sobre o mundo do circo (que non son moitas). Burt Lancaster, monumental no seu papel de Mike Ribble, o trapecista eivado. Tony Curtis, correcto, pero non pode entusiasmar ó carón daquel mestre de actores.
A historia é moi sinxela: un triángulo amoroso e unha loita pola perfección artística: o triplo salto mortal. A parte negativa, a ambición e o engano, ten aquí cara feminina, só redimida ó remate polo papel redentor do amor. Podería mesmo falarse dun certo ton misóxino, pero a película é tamén unha excelente ocasión para encontrarse con outro tipo de estrelas cinematográficas como Gina Lollobrigida ou Katy Jurado.
A vitoria artística do fillo do Gran Orsini (T.Curtis) fai realidade o soño incumprido do seu mestre: un tema moi humano, tan auténtico como a vida.






























Do contubernio sanfroilanesco de Lugo


Deixo aquí estas fotos, enviadas por Arume e creo que da autoría de Ana Bande,

do Contubernio de Lugo, que tanto está dando a falar no blogomillo.

Eu non puiden estar pero agradezo enormemente as tan xenerosas palabras de Lándoa

e as crónicas ou comentarios de Aduanadas e do blog de Ana Bande.