5 mar. 2010

Nanina Santos
“Ao denunciar a violencia de xénero, ameazábanche: os trapos sucios lávanse na casa”
En 1976 cofundou a Asociación Galega da Muller (AGM), e no 1982, a revista de pensamento feminista Andaina, que dirixe
Galicia Hoxe, 05.03.2010 MARGA TOJO

"Parece que o que temos hoxe o tivemos sempre, e iso non é así". Son palabras da feminista Nanina Santos (Ourense, 1951) en conversa con este xornal. Pero, temos tanto? Santos é taxante: "En relación co que tivemos sen dúbida, en relación co que queremos ter non. Vimos de moi lonxe, non hai que esquecer as leis que ordenaban as vidas das mulleres en 1965. A distancia é abismal. Antes non podiamos abrir unha conta, nin traballar, nin cobrar o noso salario sen lle pedir permiso a pais ou a maridos, non existía o dereito de divorcio, nin dereitos en materia reprodutiva, un tema polo que podías ir á cadea, e os anticonceptivos estaban prohibidos... Iso está aí á volta da esquina e foron tempos moi duros. Todo o que predicou a falanxe, todas as leis que nos desprotexían, as cousas que se dicían, aquilo ‘das leis son como as mulleres, ensánchanse canto máis se usan’ que pronunciaba un ministro cando a lei de asociacións".
Na Transición, o asociacionismo feminista cobrou un renovado impulso. En 1976 creouse a Asociación Galega da Muller (AGM), e no 1982, vinculada a esta agrupación, a revista de pensamento feminista Andaina. Cofundadora da AGM e directora da edición galega ("feita para dar que pensar", así a describe), Santos, activista da que se deu en chamar segunda vaga, dos 60, 70 e 80, é un dos referentes fundamentais na loita polos dereitos das galegas. Ela prefire falar dunha batalla conxunta, dos nomes descoñecidos, das accións anónimas que lograron o cambio. "Este evidénciase, entre outras cuestións, no tratamento da violecia de xénero. Cando comezamos a denunciar que na vida familiar existía a violencia contra as mulleres, caéronnos uns comentarios que hoxe asustarían. Entre outras cousas, ameazaban con que estabamos a atentar contra a intimidade familiar, e que as cousas da casa se lavan na casa. Hoxe ninguén diría algo así, nin sequera nun caso de menor intensidade".
Tamén os homes cambiaron: "Hai quince anos era rarísimo velos comprando no supermercado, ou co carriño do bebé e hoxe vense moitísimos pais coidando dos fillos. Se non vemos os cambios, trabucámonos na lectura da historia".
Pero non todo é positivo: "As mentalidades son moi resistentes, sobre todo cando hai prevendas polo medio que benefician a unha das partes; refírome ás diferenzas salariais e aos teitos para as mulleres. É escandaloso que as direccións, os tribunais, os consellos de administración, siguan a ser homes, cando a maioría dos universitarios son mulleres".