18 jun 2006


Prego, case esquecido.
De Manuel Prego de Oliver, un dos clásicos da pintura galega, xa case non se fala. Saíu o seu nome na homenaxe a Manuel Gómez del Valle: el sufriu tamén a traxedia desa familia, que era a súa (a súa noiva Branca era irmá do poeta). Para protexer ao resto da familia, trala morte de Manolo e da súa nai María del Valle (máis logo sería asasinado Ricardo, outro irmán), Prego incorporouse á fronte, na unidade de Tiradores de Ifni e fixo a guerra. Rematada esta, foi depurado e expulsado do maxisterio: a represión non era arbitraria, dende logo. Dedicou desde entón a súa vida á pintura e xa en 1945, nunha mostra en Madrid, recibiu os eloxios do pintor Gutiérrez Solana. Xa fixo 20 anos da súa morte. Entón falouse dun futuro museo a el dedicado en Vigo: nada se sabe daquelas promesas. De novo, fai presenza a ingrata desmemoria.
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1926
Se queredes saber qué pasaba na Galiza cultural á altura de 1926, remítovos ao meu artigo de hoxe en GALICIA HOXE.
Basta citar a Castelao, Dieste e Cabanillas para decatarse da importancia na nosa historia cultural e literaria dun ano como 1926, un dos mellores do período de preguerra. O ano en que se publicou o primeiro libro das inmortais Cousas de Castelao ou obras como A coutada, de Vicente Risco; Dos arquivos do trasno (El Pueblo Gallego), de Rafael Dieste, ou O purgatorio de don Ramiro, a segunda entrega narrativa de Ramón Otero Pedrayo. Obras mestras todas elas da narrativa breve e do relato curto, que deixarían unha fonda pegada nas letras galegas e nos autores posteriores. Pero, ademais, o propio Otero daba a luz nesas datas a súa Guía de Galicia, que aínda se segue a vender 80 anos despois, e a súa Síntese xeográfica de Galicia. Tamén foi un ano glorioso para Ramón Cabanillas, que vía publicada a súa obra Na noite estrelecida, na imprenta de Mondariz, e O mariscal, na colección Lar (poucos meses despois de publicar O bendito San Amaro), ademais de reedicións de No desterro e Da Terra asoballada. Con 50 anos en 1926, Cabanillas, presente ademais en múltiples xornais e revistas, era xa un clásico vivo.Boa parte dese esplendor, temos que repetilo unha vez máis, débese ás meritorias figuras dos editores Leandro Carré e Ánxel Casal, os pais da Editorial Lar, onde saíron os libros de Castelao e Risco. Na mesma colección aparecían tamén obras como O filósofo de Tamarica e O Kalivera 30 H.P., ambas as dúas de Xulián Magariños Negreira; Desengano, de Xosé Pla Zubiri; O consentimento, de Luis G. Vicente (pseudónimo de Luis Carré Alvarellos); O home que deu vida a un morto, de Leandro Carré; Manecho, o da Rúa, de Xosé Lesta Meis; Xelo o salvaxe, de Felipe Fernández Armesto; O xardín do castelo de Vidre, de Álvaro de las Casas; Fuxidos, de Gonzalo López Abente, ou O corazón dun pedáneo, de Leandro Carré, primeiro volume da Biblioteca Teatral de Lar.

OS OLLOS DA MEMORIA
Hoxe teño o pracer de comunicarvos que estreo unha nova (e breve) sección na prensa: Os Ollos da Memoria (o máis bonito da sección, xa o vedes, é o título).
Sairá todos os domingos en El Correo Gallego, no suplemento El Correo 2, e recollerá fotos relevantes da nosa historia acompañadas dun texto breve de contextualización.
A primeira entrega titúlase Curros na Coruña (1904) e pego aquí a foto porque na versión dixital do xornal non sae publicada.