Políticos e comunicación.“Os políticos. se non se ven á mañá no xornal, se non se escoitan na radio ou se a camareira do restaurante onde comen non lles fala do ben que saen na televisión, pensan que morreron. Moléstalles a critica e, o que é peor, máncaos a verdade”: tal declara Lois Celeiro, xefe de comunicación da Universidade de Santiago e amigo de vello. Hai tres décadas era un dos nomes que nun vello piso de Compostela navegaba na nova singradura de “A Nosa Terra” conducida por Margarita Ledo Andión (coa colaboración do artista Pepe Barro e do escritor Bieito Iglesias). Por suposto, ten razón o Lois Celeiro e o andazo afecta a todos os políticos, á marxe do seu carné. Naquela época tamén entrevistou a Fraga e preguntoulle polas autonomías que deseñaba Adolfo Suárez: Fraga “respondeu cunha puñada na mesa, a modo de ameaza, dicindo ¡vostede quere romper España!”. (Imaxe de Rita Voutyla)