18 nov 2008

Obama si pode
ECG. 13-11-08

BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR

Por ter nado eu na Galiza profunda, case me levan lástima os votantes de Kentucky ou Cansas, desa Norteamérica non menos entrañada, que quedaron cun palmo de nefres ao ver na Casa Branca a un tipo bronceado (Berlusconi dixit).
Por parte da cor, aos electores do fosco Sul e do Medio Oeste camponio, non lles chistou un candidato do que temían a suba da contribución e a interdición de gastar armas así sen máis nin mangas. Eses drégolas de barba rubia, camisa a cadros e calzas vaqueiras, que o tópico fílmico pinta enviando cervexa en bares de estrada e que Tom Wolfe describe como langráns dados a tirarse coios na noite do sábado (igual que se acantazaban aquí os rillotes malensinados hai catro días), xa non se consolarán coa idea de que aínda existe unha clase inferior a deles, integrada por pretos marcados co estigma dos devanceiros escravos. Que farán para soerguer a autoestima?
Quizais lle abonde con arrebollar e marcar unha vaca de cornas ganchelas. De resto, en Europa e por estes pagos, a elección de Obama recibiuse con indisimulado contento, pola asa progre e mesmo por varios líderes da asa conservadora. Non era para menos, despois de aturar as meteduras de zoca da Administración Bush, que levantou avespeiros na xeopolítica e deixa a economía aterecida. Outra cousa é o entusiasmo un chisco infantil desatado cada vez que os medios de comunicación publicitan un "feito histórico". Un terzo dos americanos con dereito a voto abstívose, ben polos engarros do sistema electoral, ben porque son personaxes de novela de John Updike e pensan que "a historia sucede, pero non nos sucede a nós agás que nos asoballe".
Un xornalista definiu a Obama como "nacionalista irredento cunha concepción case mítica da patria", apoñéndolle trazas de Ibarretxe. Supoñendo que acertase no retrato, o único seguro é que con el non han poder nin Rosa Díez nin Savater.
graciñas, Xosé Manuel

"Marcos Valcárcel", de XOSÉ M. GONZÁLEZ
Colaborador de
Xornal.com. Luns, 17 de novembro de 2008

Un quere lembrar, e volve ao ano setenta e nove ou oitenta. Certo grupo de mozos nacionalistas, chegando desde a rúa perpendicular ao cine Capitol, xorden pola Porta da Mámoa con afán de recuperar o Entroido rueiro santiagués e facer algo de política. Pepe Barro deseñara un mómaro que porto eu; e na comparsa de dez ou quince o espigado ourensán de gafas elixiu para sátira un atavío balompédico, talvez camisola branca e vermella, desde logo calzón curto. No medio do inverno. Qué novos eramos.

Despois moito choveu, e non só auga. En decenios, o profesor lugués retirado de actividades militantes conservou figuración e imaxe mediática do futbolista por un día. Aínda relevo político, gradual e ascendente protagonismo cultural... Nada imprevisible refutaba aquela silueta xuvenil. E chega o blog. Vese illa ilustrada, abeiro que promete. Entra un sen pedir moito permiso, e o balsámico repouso non esquiva debate gladiatórico. Estímulo de contertulios, achego do patrón, provocan froito rara vez sopesado: escribir un libro. Grazas ás uvas e o amo, xa non queda máis cá árbore para chegar a home.
E deica hoxe. El, motivo e titular desta peciña, leva gañado o que dicían o Miranda e quen asina: constituír arestora único parangón factible para don Ramón Otero Pedrayo. Igual lle agroma roibén nas fazulas, cavilando que aquela enorme sombra non ten hogano semellar. Confundirase. Hospitalidade, erudición, ourensanía. Perciben o aire de familia?
Na presente xeira de homenaxes, diversa voz próxima e ilustre colocará a súa alfaia no panexírico. Eu só quería lembrar e agradecer. Ou moito moito se torce, ou este vinte e nove encontrarémonos alí. Madia leva se non.