14 nov. 2008


En carne viva (fragmentos)

- Que, seica imitando ós grandes do boxeo para conseguir uns cantos puntos de sutura nos beizos, non?, dixo Afonso cando entrou na habitación do sanatorio de visita.

A realidade era moito menos novelesca e cinematográfica: unha simple caída, ó erguerme do sofá, afociñando de fronte contra o chan e batendo cos dentes contra o parqué como o mellor porteiro cando vai parar un posible gol, engadindo neste caso bastante sangue espallada dende os meus beizos. A María e a Eire, pois as dúas estaban na casa, custoulles levantar os meus oitenta e cinco quilos. Fixérono cunha cadeira e logo pedín ir ó baño, porque pareceume que quería vomitar. Pero, chegado alí, fóiseme realmente a cabeza e María, asustada, foi chamar unha ambulancia, mentres a miña filla me sostiña sentado no servizo, eu inclinado sobre min mesmo, pero sen caer. Daquela debín perder o coñecemento moi pouco tempo, quizais un minuto ou moito menos, non o sei. Espertei oíndo berrar a Eire: “Papá, que che pasa?”.
Por fortuna, case dous días despois e feitas todas as análises e controis habituais, os médicos non viron nada especial nin danos novos. Iso é o que di a ciencia. Eu teño outra incógnita: dese minutiño que eu pensei soñar e debín perder o coñecemento de xeito moi transitorio, non lembro case nada. Pero creo que soñaba, imaxinaba, lembraba, eu que sei, unha paisaxe de verdes moi fortes, arredor dun pozo ou dunha congostra ou algo así. Moito me gustaría saber de onde procede esa paisaxe ...
Sapoconchos nas uvas da solaina

Se alguén lle pode respostar, seguro que o agradece:

Boas. Buscando no jujel atopei unha referencia no seu blog os sapoconchos no Arnoia, xustamente en Xunqueira de Ambia. Estaria interesado en calquera referencia historica da zona, xa que se está a facer o plan de conservacion e calquera zona que quede fora agora será mais dificil de que poida ser incluida despois.
Saudos,Cesar-- Vocal de Conservacion AHERede de Observación Ambiental de Galicia (ROAGA)CINAMCentro de Investigación e Información Ambiental - Lourizán Estrada PO-546 Pontevedra-Marín, km. 4Apdo. de Correos 127- C.P. 36080Lourizán - Pontevedra-Spain
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO. CADERNO ABERTO
Marcos Valcárcel, intelectual e historiador, galicia hoxe 14-11-08


Se un intelectual é aquela persoa que produce, e en certa maneira administra, os contidos culturais representativos da sociedade, o historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel responde perfectamente, sen dúbida, a ese retrato; e aínda a definición, no seu caso, fica curta e merece ser ampliada nos pormenores que lle afectan. Eu vexo a Marcos Valcárcel no papel que lle asigna ao intelectual Mario Bunge -o intelectual é aquel que busca a verdade e a difunde, di o filósofo-, mais, ao mesmo tempo, navegou e navega o noso amigo polas augas do que Pierre Bordieu -autor dun texto a estes efectos imprescindíbel: Contra a política da despolitización- consideraba absolutamente necesario como forma permanente de compromiso: a restauración da política, a acción e o pensamento. Velaquí, todo sumado, o perfil nidio de Marcos Valcárcel. E todo isto vén a conto porque o historiador, o profesor, o escritor, o homme de lettres, vai presentar nos próximos días na cidade das Burgas un novo libro, Historia de Ourense, obra esta que se unirá a ese inmenso labor de investigación, documentadísima en todos os aspectos, que Marcos Valcárcel leva realizado, relacionando -é un dos seus puntos maiores de interese- a historia cultural, social, humana e política do galeguismo coa cidade de Ourense. No ano 1987 publicaba xa unha obra titulada A prensa en Ourense e a súa provincia, e logo virían títulos como Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988), A cidade da Xeración Nós (1996) e Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (2001), entre outros. E non quero esquecer aquí outra obra: Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998). Agora o excelente profesor e tamén gran xornalista literario, compañeiro nas páxinas de Galicia Hoxe, publica unha Historia de Ourense, e os amigos de Ourense e da Galiza toda decidiron facerlle unha homenaxe: puro acto de xustiza poética cunha das figuras máis importantes da cultura galega do noso tempo. Alí estaremos.


(Da miña banda: graciñas, de corazón, a Fernán-Vello e a Pepe Paz polos seus artigos de hoxe, fillos máis da amizade que das miñas cualidades)
Marcos Valcárcel, ourensano exemplar
José Paz Rodríguez
LA REGIÓN 14-11-2008


Hai muitos anos que conhecemos a Marcos Valcárcel. Ao que apreciamos e admiramos sempre. Pola sua homia de bem. Polo seu labor profundo e prolongado ao largo do tempo a favor da nossa cultura. Polo seu ourensanismo de pro. Por ser uma pessoa que respeita aos demais, embora possam discrepar de algumas das suas ideias. Porque tem investigado muito e bem sobre temas galegos, sobre pensadores e escritores e sobre o jornalismo e os jornais galegos. O seu livro sobre este tema é modélico e nom compreendemos, ao estar esgotado, como nom se faz do mesmo uma nova ediçom. Por quem corresponda.De Marcos lembramos muitas cousas positivas. Da sua assistência continuada às sesoes do Cine Clube ‘Padre Feijóo’. Sendo logo nosso colaborador como Vocal de Galiza na Federaçom de Cine Clubes do Estado Espanhol. Sempre gostou do cinema de qualidade. Polos seus estudos, as suas leituras, as suas pescudas e as suas publicaçoes, é uma pessoa de cultura elevada e um excelente conferencista. Resultando um prazer escoitá-lo. Uma pessoa que enlaça, e o comentamos sem dúvida alguma, com os grandes vultos da cultura ourensana. Como Risco, Otero, Cuevilhas, Joaquim Lourenço e Ben-Cho-Shei. Valcárcel é, estamos seguros, nos últimos tempos, um dos que mais tem estudado sobre a nossa cidade, a sua história, as suas personagens, a sua cultura, os seus feitos destacados, a cultura popular.. (...)

ARTIGO COMPLETO
ENTREVISTA: Luces MARCOS VALCÁRCEL Historiador
"Aínda temos mentalidade de leiriña"


Unha boa xornalista pode converter unhas declaracións sinxelas nunha excelente entrevista: isto é o que fixo CRISTINA HUETE hoxe en El País, traballo que ag radezo de corazón.
Magnífica tamén a foto de DANIEL ATANES.