Furrichado
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 10-02-2009
Eu sempre dixen ‘furrichar’, aínda que tamén oía normalmente ‘firrichar’, cirrichar’, ‘zurrichar’ e outras formas parecidas. Agora, co avance da lingua light, xa non se oe moito disto, pero vostedes seguro que me entenden. O caso é que papei un susto cheiroso.
Cóntolles.Pedín coche prestado -tiña o meu a pintar- e parei nunha gasolineira na autopista a Santiago. Baixei bufando, abrín o depósito, collín a mangueira, introducina no burato e apertei. E por primeira vez na miña vida furrichoume para fóra. Coñecese que non metera suficiente o bico da mangueira -non coñecía ben os sangumiños do depósito- e o gasóleo debeu petar nalgunha revolta do camiño que se desviou cara a min, cuspíndome maleducado. Instintivamente apertei a man e furrichou aínda máis. Enzoufeime lixeiramente. Garabata. Camisa. Chaqueta. Pantalón. Metín de novo e máis fondo o cano, botei o que quería, entrei no baño, lavei as mans e divertido, pensando no arrecendo que me ía acompañar nas xestións santiaguesas, dirixinme á amabilísima caixeira.
-Mire, eu sonlle empregado desta empresa e acabo de ter un pequenísimo accidente laboral e...
Abriu os ollos de cuarta e atalloume incrédula mentres ladeaba a cabeza:
-¿Empregado?
-Si, veño de estar traballando para esta gasolineira e quería saber se o meu seguro como traballador...
Non saia ela do seu asombro aínda que algo ía cheirando.
-¿Como di?
Entón expliqueime o mellor que puiden.
-Si. Mire. Nas gasolineiras ‘normais’ hai uns traballadores que fan o seu traballo botando gasolina e gasóleo nos coches, por eles se cotiza, teñen a súa preparación para andar con líquidos inflamables e perigosos e o seu seguro de responsabilidade. Nesta gasolineira xa non hai eses empregados pero como o traballo non desaparece, débeno facer outros moitos traballadores momentáneos, non sei se ilegais, pero si sen contrato nin preparación que á súa vez son clientes. E non entremos xa en que se aforran media ducia de soldos e deberían vender máis barata a gasolina como forma de pagamento compensatorio a nós, polos minutos do noso traballo temporal...
A moza, moi disposta -atendía á vez a caixa xeral da tenda, a dos surtidores e a barra do bar onde preparaba cafés e puña torradas e bocatas-, escoitou o discursiño con cara de entender o que lle eu dicía, tatexou un ‘síntoo’ sentido e un ‘¿quere facer unha reclamación?’.
Entón rin e díxenlle: -Non, muller, non. Só queria botar unha risa contigo e tomar un café con leite.Sorriu comprensiva -e aliviada- e deu volta cara a cafeteira.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días