Unha historia de afección.
Galicia Hoxe, 07.05.2009
Imaxe: Práctica de vela.Ao fondo a ponte de Rande. Foto do compañeiro Rodrigo Comba. "O deporte en Galicia é un feito cultural que cómpre ter en conta"
"O fenómeno deportivo pode e debe ser considerado como un feito social e cultural digno de ter en conta". É a idea que guiou o investigador e historiador Andrés Domínguez Almansa na súa obra Historia social do deporte en Galicia, na que dá conta do arraigamento das prácticas deportivas como unha forma de cultura cívica.
O autor reflexiona sobre a afección que dende sempre cultivou a sociedade galega sobre o deporte. Segundo conta Domínguez Almansa, as prácticas deportivas xorden en Galicia unidas a grupos progresistas no século XIX, moitos deles, vencellados ao republicanismo. Entre eles, nomea o Ximnasio de Vigo, exemplo de progresismo que sería duramente represaliado tras a sublevación militar do 36.
Antes da represión franquista, o deporte estaba ligado a unha forma de ser culto. De aí que a comezos do século XX, moitos intelectuais galegos estivesen ligados a clubs de fútbol como Roberto Blanco Amor, Valentín Paz Andrade, Gerardo Álvarez Limeses, Antón Losada Diéguez ou mesmo Castelao que mesmo se inspirou no fútbol para a súa obra de debuxante e caricaturista.
E non só iso senón que tamén mesmo se creaban asociacións de carácter deportivo que se achegaban a diferentes ámbitos culturais como o club de fútbol coruñés Bellas Artes, o Centro Artístico Sportivo de Ponteareas ou Iberia F. C., que incluso representaba teatro.
Ao ver de Domínguez Almansa, o desinterese dos historiadores galegos por estudaren a transformación da sociedade galega a través do deporte débese ao impacto da longa ditadura. Segundo indica no libro, "a represión e o estrito control exercido sobre a sociedade civil como forma de imposición do novo réxime ditatorial, leva emparellado o desmantelamento dun forte tecido asociativo de índole deportiva".
É máis, a incapacidade do franquismo de incluír con normalidade a práctica deportiva na educación levou tamén a que ficase desvencellado do ámbito da cultura e que o entramado deportivo "ficase en gran medida encadrado no ámbito da Falange".
Un investigador do asociacionismo .Andrés Domínguez Almansa (Vigo, 1966) é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade compostelá. Os seus traballos xiran arredor de tres eixes: o estudo do asociacionismo no ámbito rural, a transformación da sociedade galega a través do deporte e a destrución da modernidade tras o golpe de estado de 1936. Froito destas liñas de publicación, publicou A formación da sociedade civil na Galicia rural. Asociacionismo agrario e poder local en Teo (1890-1940), A cultura deportiva e a Universidade de Santiago, en Gallaecia Fulget. Cinco siglos de historia universitaria, Los orígenes de un fenómeno de masas contemporáneo: deporte, modernidade y mentalidad burguesa en Galicia, en El siglo XX, balance y perspectivas, e Mujer, memoria y represión, en IX Congreso da Asociación de Historia Contemporánea.
Actualmente é investigador do Proxecto de Investigación As vítimas, os nomes e as voces.