6 nov 2008


Feirantes, de Bieito Iglesias, ECG. 06.11.2008
(debuxo de Laxeiro)

O sábado pasado chegámonos a Monterroso para participar na máis espectacular exposición de bodegóns ou naturezas mortas que se pode visitar neste país. A feira de Santos non nos decepcionou, despregando diante dos nosos ollos remelados queixos, tarros de mel de cores diversas, noces e castañas, cebolas, repolos que se comían cos ollos e carne entrefrebada de porco promisoria dun cocido glorioso. Polo mercado andaba Núñez Feijóo, con cara de ferreiro (aburrida e emburricada) e rodeado por unha comitiva oficial. Seica antes de nós chegarmos xa pasara polo recinto o presidente Touriño, quen se retratou cortando queixo e aproveitou para tizarlle ás diferenzas que mentén coa oposición. Mágoa que o presidente non comese o polbo baixo o toldo no que eu engulín os rabiños de cefalópodo coa rega do preceptivo tinto con gasosa. A dona do establecemento separou o banco para que eu me sentase preguntando "Arrédollo un pouco?" Se Touriño frecuentase estas comerotas populares, aprendería máis galego do que lle ensina o seu profesor particular, unha toupa en pedagoxía idiomática a xulgar polo castrapo do discípulo. Faría ben tamén (o propio vale para Núñez Feijóo) en absterse de declaracións políticas cando toca mercar unha restra de allos e un pouco unto, por algo os paisanos definen aos demagogos como barullantes que "falan prá feira". Nas feiras cómpre relear, palicar coa Galiza profunda e mougar vitela ou polbo. E hai que ir sociños ou en familia, deixando esas comitivas de tabáns que revoan arredor dos próceres. Do contrario corres o risco de que algún vellote arredista che negue a aperta de mans, como lle sucedeu un día a Sarkozy, e entón quedas cortado ou chámaslle parvo (pudo permitirse o insulto o faltón do Elíseo, pero tales fazañas están fóra do alcance dos líderes autonómicos).
Botar discursiños nunha feira é cousa de gilipollas, se me permiten usar un vocábulo da lingua que tanto Touriño como Feijoo badúan na intimidade.

Vixilancia e acoso
andolñiña 6-11-08

Hai debate nos medios e nos faladoiros televisivos sobre esa multiplicación de cámaras de vixilancia nas rúas que aparecen como fungos por todas partes. Invocando o deus supremo da Seguridade, xa nos obrigaron a resignarnos a ser gravados continuamente como sospeitosos delincuentes: o éxito definitivo do Gran Irmán. Que pasará pola cabeza dos vixilantes encargados de espiarnos paso a paso, que nos contemplan nas pantallas como míseras formigas desorientadas?
Oxalá puidésemos estar tranquilos nas nosas casas. Pero nin iso. Aí están os vendedores e comerciais de todo tipo, a importunarnos decotío con seguros, telefonía ou servizos bancarios. Eu xa hai tempo que decidín ser maleducado con esta nova forma de acoso á nosa intimidade e contesto cun simple "Non me interesa" que corta calquera posible diálogo. Porque tamén é mala educación que te chamen da mesma empresa varios días seguidos co pretexto de que son servizos arrendados e cada un deles chama pola súa conta. Hai uns días chamou un comercial dun banco que parecía saber máis da miña economía ca min. E dábame consellos para gastar os cartos, reformando a casa ou cambiando de coche. A min tamén me pareceu outro maleducado.