5 jun 2007

Un amigo ourensán infórmame da nova campaña da D.X. de Tráfico. Necesaria, sen dúbida. (Grazas, Henrique)
En poleiro alleo
Monxardín pregúntase de quén son as siglas dos partidos políticos. Xosé M. Sarille xustifica o peche dun canal de TV venezolano por ser golpista. Pola súa banda infórmase da edición dun epistolario de Dionisio Ridruejo, personaxe do que se falou aquí hai unhas semanas.

Siglas políticas (Afonso Monxardín en Galicia Hoxe)

O cerre de Radio Caracas Televisión (Sarille en El Correo Gallego)

Dionisio Ridruejo, o fillo contrariado de Franco (Galicia Hoxe 6 xuño)


Andrés do Barro.


Andoliña 6 xuño

Hai uns días a TVG emitiu un programa especial dedicado a relembrar a figura do cantante galego Andrés do Barro, falecido no 1989, cando contaba 42 anos. No que eu vin, que non foi todo, tivo certo interese, aínda que o actor Luís Tosar abusou un pouco insistindo niso da estética do dobarrismo. Doutra parte, moitas das versións que alí se tocaron a min gústanme máis na súa interpretación orixinal.
Esta recuperación deste cantante ferrolán non é de agora: hai meses que está en vigor na Radio Galega e no mundo dos blogs de internet. Despois de moitos anos esquecido, agora todo o mundo relembra cancións como O tren, Rapaciña, Corpiño xeitoso ou Teño saudade: de O tren, da que son coautores os letristas Xosé Manuel Silva e Xavier Alcalá, falamos o domingo pasado na sección Cen Anos de Historia Cultural pois apareceu no ano 1969.
O artista coincidiu no seu tempo histórico co nacemento de Voces Ceibes, con Benedicto, Bibiano e Miro Casabella, entre outros. Dende a esquerda facíanse críticas duras contra este modelo de canción comercial en galego, por non comprometida. Hoxe hai que admitir que o ferrolán tiña pezas fermosas. E, ademais, había sitio para todos.

SEGURO AZAR. Todos menos un (Damián Villalaín en A Nosa Terra)
Aínda que é evidente que nas eleccións hai sempre quen gaña e quen perde, os resultados das municipais do pasado domingo introducen tantos elementos de compensación para uns e para outros que, finalmente, incluso os que perden votos poden considerárense, se non completamente satisfeitos, si polo menos mellor parados do que se prevía. Puido ser peor, estarán pensando aliviados, por exemplo, nas sedes pontevedresas do PP, e mesmo celebrando como unha gran victoria a agónica conservación da Deputación Provincial por un pequeno número de votos. Hai nacionalistas que se sinten decepcionados pola non consecución dalgúns importantes e explícitos obxectivos, pero o certo é que o seu descenso nas cidades vese compensado polo relevante papel que van desempeñar na súa gobernación. Os socialistas, dende logo, teñen que estar ben contentos. Por aí non hai queixa, aínda que algunha das moitas expectativas depositadas nestes comicios non fose finalmente cumprimentada.
Así que todos poden atopar nos resultados definitivos algún motivo para estar contentos e mesmo para sacar peito. O cal está moi ben, pois nada hai mellor para o tranquilo discorrer da convivencia que un sentimento xeral de triunfo e de poderes repartidos.
Só hai unha excepción a este estado global de felicidade absoluta e victoria para todos. Chorando polas esquinas, apiltrafados e catatónicos, andan os que máis o merecían. Vou facer leña da árbore caída e deixar aquí escrito que unha das alegrías que a moitos nos depararon estes comicios foi o boicot do electorado aos descarados executores da fea manobra de usurpación e manipulación política das siglas históricas do partido fundado hai oito décadas polos galeguistas das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. Unha ducia de políticos rebotados, dispostos a especular co seu voto nos desafortunados concellos nos que conseguiron entrar, é todo o botín atrapado por esta nada romántica requitropa. Só exclúo da miña ledicia por tan contundente fracaso a unha candidata de Vigo, Maite Fernández, respetada ex-concelleira do Partido Popular, inexplicablemente implicada nesta trapallada. Pero que non lograse poñer o pé en María Pita o piernas que optaba a facerse co control do urbanismo coruñés, con abraiantes apoios mediáticos e económicos e con mensaxes radicalmente contrarias ao ideario representado polas siglas baixo as que se disfrazaba, é a máis edificante lección que os picaros da política poden obter destas municipais. E, ademais, evitóuselle un disgusto a don Avelino Pousa Antelo.