4 jul. 2009





Valcárcel: Medalla Castelao.
Marina Sánchez Soto.

La Región. 04.06.2009.
Fotografía: Maribel Longueira.

Que feliz vive Castelao sobre o teu peito! ¡Que digno lugar o cobixa! ¡Que corazón tan ardente de compromiso pola terra, tan ‘bo e xeneroso’ o agarima! Poucos atoparía igual, Marcos, poucos poden agradarlle tanto a el, aquel home de sensibilidade anxélica que quixo tanto ó seu pobo, digno discípulo es tí que tamén quixeches, como Daniel, dar o mellor de ti en ben de todos, o teu saber, o teu traballo e docencia, o teu esforzo e esperanza, digno home da nosa terra da chispa.

¡Como forxa o destino dos homes esta terra pequena! ¡como nos arroula con amor de nai coa súa lingua amorosa e melosa...

E nós, os seus fillos queridos, pechamos os ollos e volvemos soñar...! ¡Que mellores mans que as túas para agarrar este talismán espada-medalla coa que nos parece que che se pegan todas as túas batallas, noso gladiador! A viva voz cho dicimos: é un honor para todos os de Ourense -e para os nosos afiadores e paragüeiros de Nogueira de Ramuín- que sexa gardada en ti a medalla Castelao, no sagrario do teu peito.

¡Escoita!, son as voces dos teus alumnos (onte eran futuro) é a dos teus compañeiros de traballo, a dos que compartiron contigo utopías e realidades, é a voz dos que te len e a dos que se moveron por ti en aras da cultura... escoita, son as voces dos ancestros, dos pobos que nos deron o sangue, a dos nosos antepasados ilustres a quen ti lle devolviches tantas veces a voz, e a voz dos que te presinten...

¡Escoita, escoita a voz das gradas, noso gladiador! ¡ves! todos erran o teu nome.


Tamén o amigo González Tosar:O día:festa da palabra
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Meténdose en Honduras.
Alfonso Vázquez Monxardín.
La Región 4.07.2009.
Imaxe: Lenzo de Leandro.

O mundo occidental desenvolvido parece que ten mala conciencia. Se cadra ten algo que purgar, non sei, pero a min non me presta moito considerarme culpable de ‘pecados’ feitos por outro seres humanos ou por outros gobernantes hai centos de anos. Parece certa -aínda que tamén pode ser inventada con verosimilitude, que para o caso tanto ten- a vella anécdota do galego que cando era interpelado de malos modos por un americano -mexicano ou arxentino, non sei- dicíndolle ‘sus antepasados vinieron acá a explotarnos’, retrucaba dicindo: ‘Serían los suyos, que los míos los tengo enterrados en Galicia’.

Pois si, temos un certo complexo que nos impide ver como frutifican os camiños de normalidade e liberdade que desexamos para nós e tememos falar coa claridade do emigrante popular. O máis obtuso da intelectualidade europea xogou irresponsablemente á respectabilidade da alternativa violenta e insurrecional -primeiro o Che e logo a narcoguerrilla das FARC- mentres tomaba viño francés en copa de cristal fino e cantaba cancións revolucionarias en calquera cafetería da gauche divine no barrio parisino de Saint Germain. Pois si. Témolle ás varias varas de medir. ¿Imaxina alguén un presidente dun país europeo, sen apoio parlamentario nin do seu propio partido, en contra da opinión da xunta electoral central e da corte suprema de xustiza, e destituído polo Parlamento do seu país, que intentase montar un referendo paralelo sen garantías ningunhas, co obxectivo explícito de perpetuarse no poder? Inimaxinable, ¿non é? Pero se isto o situamos nunha república de Hispanoamerica, todos podemos opinar e condenar só con ver ao lonxe algo de cor caqui. Con dúas varas etnocéntricas, podemos dicir que só os nosos militares poden evolucionar. Antonte franquistas, hoxe forzas de paz no mundo. Un orgullo. Pero en Iberoamérica, ¡ca! Así, hoxe, en Honduras, lonxe de ver aos uniformados como defensores das instruccións da cadea de mando do país, vémolos como golpistas, pero ¿un golpe militar que pon de presidente do país ao presidente que designa o Congreso -Roberto Michelettie que sinala que as eleccións presidenciais que tocan se celebrarán o 29 de novembro? Pois os nosos medios van polo camiño fácil e falar dun golpe militar, a todas luces inexistente. Parecemos absolutistas que pensamos que o ditado polo presidente está por riba de toda cuestión e lei. Tal que Chávez.

Para máis esperpento, a comunidade internacional, con Obama á cabeza, acaba de reaccionar cunha inocencia incrible, con moi escaso ollo e cargada de prexuízos. Vaise arrepentir. Sen presa. Se cadra é só unha cuestión de bigotes. Todos os políticos que o teñen, acaban pensando no poder absoluto. Stalin, Hitler, Franco... e arestora o ex presidente de Honduras, Manuel Zelaya. Que se poñan de acordo, que pode haber moito mal.