4 may 2009




Un día na vida dun solaineiro: promesa cumprida

por Xoán da Cova
Imaxe: Muller en ferro. Arturo Andrade.
(1)

Nin de lonxe son un James Joyce como para poder contar maxistralmente un día calquera da miña vida, mais a escaseza de recursos vese compensado en parte se ese día ven cargado de anécdotas como as que pasaron o pasado sábado.
Enviaran un correo pedíndome que amenizara unha voda relixiosa na igrexa de "Sexo", ao parecer lugar do concello ourensán de Verea. E alá fun seguindo as indicacións orientativas que se adxuntaban co escrito. Tiven que deter o coche un par de veces para preguntar polo lugar, escoitando ao arrincar algunhas risas burlonas que non souben interpretar ao momento: a aldea chámase en realidade "Cexo". A persoa que tomara nota incurrira no erro debido ao "ceceo" do contratante, que obviamente non era galego.
Os amigos e familiares da noiva viñan de Valencia, e trouxeron unha morea de petardos e tracas das fallas. Esparexéronas polo adro, facéndoas estourar cun ruído do demo. Unhas velliñas da localidade dicían, todas serias, que ían espertar os mortos. Chamoume a atención unha das lápidas, escrita en inglés. Sabía que nesa zona houbera moita emigración a Norteamérica, e foi así como lle busquei explicación. Lembrei as continuas comparacións que fai o amigo Medela entre as vilas galegas e as cidades dos Estados Unidos.
Observei tamén que en moitas leiras do entorno sustituíranse as tradicionais cancelas de madeira por somieres metálicos usados. Dubidei entre clasificar o fenómeno de "feísmo" ou de "reciclaxe", e botei de menos ao Xulio Outomuro para que mo aclarase.
Aínda pasaron un par de cousas curiosas que non debo contar por afectar á privacidade de terceiros.

(2)


Á noite, estabamos a miña dona e máis eu citados para cear en Allariz co Medela e señora. Despois de tomar uns viños no Fandiño, achegámonos ao restaurante do "Centro Social", no que xa agardaba, encargada, unha enorme cazola de arroz con bogavante.
Cando levabamos un tempo ceando achegouse a camareira e dixo: -No comedor contiguo hai un señor que di que mañá ten que aparecer nas Uvas da Solaina os detalles desta cea.
O Medela ergueuse para saudar supoñendo que era un coñecido. No entanto, volveu estrañado de non coñecer a ningún dos comensais. Cando, instantes máis tarde, o cabaleiro se achegou a falar connosco, dicindo que era un habitual seguidor do blog de Marcos Valcárcel, ficamos todos pampos. Especialmente as nosas donas, que non imaxinaban que o que escribiamos durante horas no "maldito trebello" tivese tal proxección social.
Como lle pasaba ao Sabina de "Pacto entre caballeros", non poido deixar de lle cumprir o gusto a quen, desde Baños de Molgas se non entendín mal, sigue o blog con tanto fervor. E, de paso, mandarlle un saúdo. Imaxino que tanto el como o Medela engadirán detalles do encontro nos comentarios.

Longa vida ás Uvas Na Solaina!