13 jun 2007

Falan de nós, bastante ben (e a selectividade)

Hoxe estiven coas alumnas e o alumno (no meu centro só había un rapaz aprobado, o resto eran mozas) nos exames de selectividade. Bastante ocupado, polo tanto. Só agora tiven tempo de revisar un bo mangado de mensaxes atrasadas dende onte. E entérome de que falan de nós, destas Uvas na solaina noutro espazo virtual significativo deste país: o foro de Arroutadas.
E, ademais, en xeral falan abondo ben de nós, con gabanzas mesmo personalizadas e outras hiperbólicas (Xeración Nós, etc.). Dende aquí un saúdo para os compañeiros de Arroutadas e graciñas a todos, os que nos dedican as boas palabras e mesmo os que nos critican, porque o fan con graza e sen mala intención, de seguro.

Polo demáis, como hai ensinantes escoitando, pola Selectividade bastante ben. Os primeiros exames non foron difíciles en xeral: nin o de Lingua e Liter. española nin o de Lingua e Liter. Galega nin o de Historia nin o de Filosofía. Ata o de inglés, que ten fama todos os anos de ser máis complexo, este ano non era demasiado difícil, segundo din, sobre todo un texto que falaba de Agatha Christie. En Lingua española caiulles un anaco de La fundación de Buero Vallejo, libro de lectura obrigada, e outra opción cun interesante artigo de Javier Cercas en El País Semanal sobre educación, o papel da memoria ou o tema da disciplina e a "autoridade" intelectual na educación: moi na liña do que aquí temos falado. En Lingua Galega un texto breve de Xabier Quiroga e na outra opción un texto xornalístico de Victorino Pérez Prieto arredor da eutanasia. En Historia, textos sobre a guerra civil ou, na outra opción, sobre o movemento obreiro e a industrialización.
Os rapaces, por suposto moi nervosos. Non estamos xa no tempo das reválidas nin dos grandes exames de ingreso doutrora e iso lévaos a darlle unha dimensión excesiva a este evento: é a primeira vez que os examinan fóra do seu instituto e profesores que non coñecen. Pero xa saben que logo aproban o 94 por cento ou algo así.
En fin, lembro na miña memoria recente os días da miña selectividade en Compostela, cando a primeira (ou segunda?) convocatoria. Que ben o pasamos a panda ourensá: Bieito, Xan, Roi, etc. !! Por certo, ERGA convocara daquela un amago de boicot ás probas, pero non houbo valor e todo quedou en nada.

Dúas caras.

Pan por Pan 13 xuño. Debuxo de Renoir.

Esoutro día o historiador Antonio Elorza publicou en “El País” un traballo moi crítico con algúns intelectuais islámicos moderados como Tariq Ramadán. Segundo el, este ensaísta usa unha dobre linguaxe: moderada e democrática cando se dirixe ó mundo occidental e coa súa faciana máis fundamentalista cando fala para o mundo islámico. O relevante do artigo de Elorza é que Ramadán é hoxe a cara máis aberta do Islam en Occidente. Pero toda realidade ten dúas caras. Mesmo en países islámicos como Irán, onde as mulleres poden ser multadas por maquillarse ou ensinar os cabelos, a sociedade vai por outro lado. Segundo Mehdi Kalaji, o islamismo está en declive en Irán e as clases medias, con estudos e mentes independentes, están a moita distancia das arroutadas do presidente Ahmadineyad. Só queda saber quen vencerá: os cidadáns ou os fanáticos empoleirados no poder?