ANDOLIÑA martes 2 setembro
Rescaldos de agosto
Rescaldos de agosto
Os días de lecer garanten unha certa ilusión de arredamento: para os que escribimos nos xornais, a capacidade de ver o mundo dende fóra. Como se a vida parase. Pero non para, non. O mundo segue a moverse e os xornais de agosto tiveron tintas ben escuras de traxedia. O horroroso accidente de Baraxas encheunos a todos de preguntas: as respostas que a investigación está a dar non son moi compracentes coas autoridades desa compañía aérea. Ese avión nunca debeu despegar.
E no mundo, os aires da traxedia leváronnos ata Xeorxia. A lei da forza é a que invocou a Rusia de Putin para invadir terras xeorxianas amosando toda a grotesca chulería do Exército ruso. Dubido que Putin entenda os nacionalismos, nin sequera os de Osetia do Sur e Abxazia. Velaí a súa política criminosa de sempre en Chechenia. Rusia actúa só en función dos seus propios intereses estratéxicos, económicos e militares. Ó servizo de grupos mafiosos e criminais que controlan esas áreas e os negocios do tráfico ilegal de armas, persoas e narcóticos.
A cara positiva do mes foi a fascinante posta en escena dos Xogos Olímpicos. Ó réxime chinés saíulle ben a xogada. Agardemos que reviva agora a causa dos Dereitos Humanos no coloso asiático.