12/11/2008

Curros, poeta (case) coruñés
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 11-11-2008

Hame perdoar o amigo Antonio Piñeiro, compañeiro desde a súa columna chilena -por estreita e longa- de aquí ao lado. Hanme perdoar os de Celanova se lle chamo a Curros Enriquez, para finalizar este ano centenario da súa morte, provocadoramente, poeta (case) coruñés. Ben saben que me gusta levar a contraria pois paréceme exercicio intelectual máis útil que ir sempre ‘coa maoría’, como dicía cando o despertaban nos plenos e lle preguntaban se votaba a favor ou en contra, un concelleiro de Canedo compañeiro da corporación do meu bisavó Nemesio alá polos anos vinte e un ou vinte e dous, que logo, non me estraña, Primo de Rivera os mandou a todos para casa. E que me gusta ver as cousas como aos cubistas, desde varios puntos de vista, aínda que o resultado pareza estraño aos ollos do común. E unha destas formas posibles de achegarse a Curros, é comparar o trato que tivo nas terras ourensás e coruñesas. De aí que lle chamamos pacovazquianamente, poeta (case) coruñés. Sabemos que Curros marcha de Celanova a Madrid, pelexado co pai contra os quince anos. E que, desacougado, vén vivir a Ourense depois do éxito do concurso de poesía de 1877 e bota cinco anos na cidade. Deles, a maior parte do tempo en pelexas con Valentín Lamas Carbajal, cambiando de xornal continuamente e coa descomunal bronca de 1880 en que o bispo Cesáreo Rodríguez denúnciao polo libro ‘Aires da Miña Terra’. E en Ourense é condenado en primeira instancia, e logo absolvido na Coruña. En Ourense bastante silencio, agás un par de amigos (o pai de Otero, Paz Nóvoa...) e en Coruña recoñecementos múl tiples: da Academia, do concello, da xente do común. Lembra en varios poemas a Coruña, -patria do meu pay querida- os seus anos de neno paseando pola praia de Orzán, e a estancia na aldea familiar de Santiso... Coruña, conexión atlántica co mundo pola que marchou dúas veces a Cuba e, se cadra, unha a Londres... En Coruña coroárono e enterrárono. E alí o veneran nun altar cívico de Asorey, inaugurado polo presidente da república don Niceto Alcalá Zamora. En Ourense, algunha homenaxe tivo canda a morte e algunha depois, pero a presenza e popularidade de Valentín Lamas Carbajal, morto un ano antes, en 1907 era máis intensa. Incluso, o primeiro recoñecemento municipal, en 1925 ao poñerlle o seu nome a unha rúa e a un colexio non foi exento de polémica. O alcalde, un tanto brutamontes, non quería pois dicía, ignorante, que era un poeta ‘pornográfico’. En fin, menos mal que hoxe temos a Antonio Piñeiro e á Fundacion para corrixir desde Celanova o esquecemento desta capital ourensá, outrora eclesiática e ingrata.


O cabalo e a morte
andoliña 12-11-08

Poucos animais tan unidos ó ser humano, dende tempos moi antigos, como o cabalo. Dende vello simboliza o poder, a velocidade, a nobreza. No mundo cristián, tamén o valor, mentres en Oriente se asocia ó lume e ó ceo. O cabalo negro é a cotío símbolo da morte.Hai varias lendas galegas que recollen este último sentido e cítaas Vítor Vaqueiro na súa Guía da Galiza Máxica.

Se un cabalo tropeza cunha pedra, conta Mandianes, interprétase como petición de axuda dunha ánima, para que se rece por ela. En terras de Nogueira de Ramuín cita Afonso Monxardín o Camiño da Ponte, onde se aparece un cabaliño lanzal de gran brancura, que se achega a un valado para que as xentes o cabalguen, pero non o fan por medo. Unha historia semellante recolleu Risco en Congostro-Rairiz de Veiga, onde se aparece un pequeno cabalo moi fermoso diante dunha muller. Esta négase a falar con el e o cabalo retírase detrás duns amieiros, botándose a rir e desaparecendo: os campesiños pensan que se trata do demo.

Nos traballos de X.Cuba, X. Miranda e A. Reigosa son máis vizosos aínda os acenos simbólicos do animal: cabalos de mouros, cabalos acuáticos, cabalo da fiaña, cabalo do vento e un longo etcétera.