19 mar. 2006



Tivo Franco apoio popular?
Na Alemaña dos últimos anos hai un debate moi vivo, potenciado por algúns historiadores, sobre as complicidades pasivas e activas de moitos cidadáns alemáns con Hitler e o nazismo: sabían os alemáns o que pasaba? beneficiáronse algúns ou moitos alemáns do sucedido e do expolio aos xudeus? Os historiadores din que si.
Téñome feito a mesma pregunta respecto a España e Franco. O mércores pasado estivo en Vigo Carme Molinero, historiadora, par falar do franquismo e das súas políticas sociais. Da crónica que publicou F.Franco no Faro (falou no Clube Faro de Vigo) fago este resume esquemático:
1. Franco combinou a represión cunha política de captación e adhesión das masas por medio dun discurso social e dunha retórica populista.
2. Un réxime que dura 40 anos non pode sobrevivir sen un forte apoio popular.
3. Nos discursos de Franco a política social ten unha alta presenza como argumento recurrente.
4. Dirixentes do réxime como Serrano Súñer e Girón de Velasco eran conscientes dun feito: tras aniquilar o movemento obreiro da República, o réxime necesitaba unha retórica e unha proposta alternativa que o lexitimase no mundo social. Os medios de comunicación colaboraron con esta retórica, uns polas boas e outros porque non lles quedaba máis remedio.
5. Neste contexto hai que considerar as políticas de Girón no Ministerio de Traballo, o Seguro Obrigatorio de Enfermidade (por primeira vez tiveron a percepción dunha seguridade cara o futuro, antes non había nada), a Organización Sindical e a súa Obra do Fogar (unha política de vivenda que construiu realmente pouco, pero que se soubo vender cunha vistosidade evidente).
6. A exaltación do asistencialismo foi un excelente vehículo de propaganda ao servizo do imaxinario franquista.
Con estas ideas sobre a mesa, a pregunta é: tivo o réxime de Franco un forte apoio popular? As masivas manifestacións da Praza de Oriente e as colas ante o seu cadaleito foronun espellismo ou respondían a unha realidade social? Queda algo de todo iso no substrato do noso tecido social?
(Na imaxe, o asasino retratado por Luís Seoane en Trece estampas de la traición, Buenos Aires-Montevideo, 1937, reeditado por Ed.do Castro).

O miragre da música
(Pan por Pan, 19 marzo 2006)
Escoito na radio (“Pioneros”, en Radio 3) unha canción mítica da miña mocidade, “Michelle, ma belle”, a popular balada dos Beatles. Lennon e McCartney querían cantar en francés, parcialmente, di o locutor, e inspiráronse en Nina Simone, dato que descoñecía e que recollo con entusiasmo, porque é unha das miñas cantantes de culto. O programa evoca tempos que están ben lonxe, pero a música salta o valado das crueis cronoloxías e permítenos regresar, sequera por uns minutos, a aquel punto perdido do horizonte do pasado. Nin a literatura nin as artes plásticas, con todo o seu poder expresivo, posúen esa velocidade para transmitir sentimentos e resucitar lembranzas: o labor xenial dun escritor ou dun pintor sempre demanda unha mínima reflexión intelectual. A música pola contra atrapa nun pulo vertixinoso eses fíos invisíbeis da memoria, dun xeito case instintivo e incontrolábel. Ese é o seu milagre.