19 jul 2008


Nais e fillas (Andoliña 19-7-08)

Leo nun magacín da fin de semana unha extensa reportaxe sobre Christina Crawford. É unha das fillas adoptadas pola xenial actriz Joan Crawford. Cando morreu esta, en 1977, Christina escribiu un libro demoledor sobre a súa nai, Queridísima mamá, onde a acusaba de ser unha muller colérica, alcohólica e obsesionada coa limpeza, chegando mesmo a facela responsable de malos tratos físicos contra ela. Outros familiares dan versións totalmente diferentes e falan de intereses espurios naquel libro, do que tamén se fixo unha película. Christina segue insistindo na súa versión: dende logo a súa nai xa non lle pode responder: tería máis valor que publicase o libro cando ela aínda vivía.
A min sempre me cheiraron mal estas biografías resentidas. Aínda que algúns teñan motivos para facelas. Penso en Mussolini, que non era ningún santiño dende logo. A súa filla Eda, que compartía co pai militancia fascista e a admiración por Hitler, casou en 1930 con Galeazzo Ciano, co que tivo tres fillos. O ditador condenou a morte a Ciano en 1944 por diferenzas na política da guerra e a propia Eda viviu confinada en Lipari. Co tempo un fillo de Eda, Fabrizio, publicou un libro cun título abraiante pero verdadeiro: Cando o avó fusilou a papá.