3 feb. 2007

A ANESTESIA URBANA E O BANCO DE ESPAÑA (por Afonso Vázquez-Monxardín)

Entro de cara que me axuda o sol nas costas. Creo que é unha parvada descomunal que o antigo edificio do Banco de España na rúa do Paseo vaia ser dedicado a algo tan pedestre e pouco atractivo como o Catastro. Non sei se me entenden ben. Creo que de non mediar remedio, unha das mellores ubicacións da cidade, na intersección central da rúa do Paseo, converteríase así, na sublimación, na apoteose, no disparate, da esencia da Galicia atrasada e minifundista. No mesmo centro do tecido urbano, un templo dedicado á adoración e resolución dos problemas de identificación e documentación da propiedade. Non estamos xa na época –inicios dos sesenta- na que as parcelas agrarias superaban os nove millóns para dous e medio de habitantes. Non se leva xa o de baixar sachos na cabeza por lindes... se cadra porque os vellos que saben dos marcos enterrados entre os toxos e cinzas, non dan xa erguido o sacho... Hoxe a través do visor da web da xunta (http://www.xunta.es/visor/) ou do Sigpac, conseguen, os que os teñan, preciosa información dos seus eidos. Estamos no comezo dunha época na que moitos destes problemas se resolverán a través de consultas na Rede e serán menos as veces que haxa que ir fisicamente por alí. Pero tanto me ten. Como se cada cidadán tivese que ir tres ou catro veces ao ano. Non se pode dedicar un lugar tan privilexiado a algo que non sexa para uso e goce de todos os cidadáns e dos nosos turistas convidados.
¿E o que? Ese é outro tema. Estou na fase do non. Podo ter ideas: desde un Museo da historia da cidade –centrado na arte, pintores, escultores, escritores, industria, natureza, clima, con abondosos medios multimedia, maquetas interactivas do tecido urbano, salas temporais, etc.- ata cousas relacionadas co Turismo, coa Música... Eu que sei. Non son eu quen de decidilo. Ideas para o edificio habería moitas... aínda que seguramente poucas peores que situar o Castastro. E o caso preocupante é que alguén decidiu que como era do Estado, era lóxico seguir con esoutra dependencia do Estado –como se o Estado só tivese que recolocar as súas oficinas, como se os cidadáns de Ourense non merecesen ser tamén Estado-, e designou como beneficiario o Catastro.
E esta cidade, que presumiu outrora pedante, de ser a Atenas de Galicia, aparece hoxe durmida e apática. Acepta resignada o grande letreiro amarelo que señorea o Banco... coa única excepción, dunha ollada silenciosa de esguello e un chasquido de lingua ao pasar... ou a ridícula dos que lle guindan un bote de pintura pedindo... ¡que o escriban en galego! Despistadiños rapaces.
Esta cidade hai unhas décadas, cando a bendita transición nos facía espabilar e buscar puntos de intervención na vida da cidade máis alá da pura actividade política, esta cidade, digo, organizou unha Comisión Cidadá baixo o lema de “O caso é salvar o Principal”... E grazas a ela, a aquel impulso entusiasta dos que se xuntaron no plural e relativista grupo de “Adepende”, hoxe, con Padroado ou sen Padroado, o vello Principal está ao servizo público, ou sexa, noso.
Mudaron os tempos e arestora vivimos máis a televisión que a rúa... Aféctannos máis os raios catódicos que os de sol o domingo pola mañá no Paseo ou na Praza Maior. Impórtannos máis as tetas da perruqueira de Arcade que o destino do Banco de España no centro do noso corazón cidadán. Se cadra temos o que merecemos. Ou se cadra somos aínda capaces de botarlle un pulso á historia e gañar outro espazo para a promoción e goce da cidade. Por min xa non queda. Tirei a pedra e non escondo a man.


(Totalmente de acordo con Monxardín e con este artigo que sacou onte en La Región: xa o falamos moitas veces, é unha vergoña deixar o Banco de España "condenado" ó catastro. Algo hai que facer. Quen se apunta?).
DOCUMENTO.- Críticas á volta de ‘Superpiñeiro’
Acabanos de chegar unha carta que a sección sindical da CIG na CRTVG lle remitiu a Antón Losada na que critican a volta de ‘Superpiñeiro’ á TVG… (Recollido en Galicia Confidencial)

E logo os sindicatos están tan aburridos para poñerse a facer de comisarios políticos da programación da TVG?
Os ollos da memoria
Traballaron arreo por un Estatuto de Autonomía que logo non foi. O que quedou nos libros de historia como o Estatuto dos 16. Puxéronse a traballar o 10 de xaneiro de 1979 no Pazo de Raxoi. Permítome, se lles apetece xogar contra o alzheimer, formular algunhas preguntas para remover os pousos da memoria (poden pulsar enriba da foto e ampliala para distinguilos mellor).
Que forzas políticas estaban representadas naquela comisión negociadora?
Entre elas había un partido que poucos meses antes se definía como "maoísta", quen era o seu secretario, presente na foto? (Por certo, despois militou en Esquerda Galega).
E o secretario do Partido Galeguista daquela (este ausente da foto)?
Un dos representantes da UCD de Lugo, este na foto, foi considerado moitas veces como o que posuía o mellor galego oral, na expresión verbal, de toda a cámara, quen era?
Dous dos que posaban na foto xa morreron hai varios anos, un era daquela conselleiro de cultura e o outro representaba a UCD de Pontevedra, quen eran?
Entre os presentes está tamén un coñecido filósofo galeguista, que daquela representaba o PG. Lembra o seu nome?
E lembra quen era o seu líder político naquela hora, o de cada un de vostedes e ó que votaría despois, nas Autonómicas de 1981, se é que está presente na foto?


Gripe, poesía, cine.
Son un dos milleiros de cidadáns afectados estes días polo andazo das febres da gripe. Dous días de obrigado repouso, comer pouco, moito líquido e descansar a cabeza. Aínda que só en parte: a mesiña da noite está chea de libros de poesía porque nunca cansa realimentarse coas mellores voces de onte e de hoxe. E aproveito para revisar algunhas películas gravadas nas últimas semanas, como ese ciclo Louis Malle que emiten nas altas horas da madrugada. Vira hai moitos anos “O soplo no corazón” (“Le souffle au coeur, 1970), un estraño relato, case incestuoso, e “Lacombe Lucien” (1973), a historia dun colaboracionista cos nazis. A narración de Malle é clara, fresca, espontánea. Vexo tamén “Le feu follet” (Fogo fatuo, 1963), amarga, existencialista. Xa non se ven moitas películas así. Quizais por iso me rexuvenece recuperar esas imaxes. E vai pasando a gripe...
(Pan por Pan 3 febreiro)