29 abr. 2009








No seu propio blog, o columnista a carta cabal, Javier Ortiz, déixanos recado, o seu obituario.

Unha semblanza del, a bitácora de Nacho Escolar.

Que a terra lle sexa levadeira.



As latas de sardiñas e os zocos de Lito.
Alfonso Vázquez Monxardín.
LR-28-04-2009


Pois cheguei ás Galerías Pacífico da Rúa Florida de Bos Aires, alanquei ao segundo piso e, horror, non estaba xa a lata de sardiñas Miau que os obreiros da construción tiraran había cen anos. Pregunteille ás azafatas e dixéronme que retiraran a exposición había tres anos e non sabían onde ían as cousas. Quedábame xa só como obxecto tótem, os zocos do Lito, sobre a cheminea da súa casa. Non sei como se chamaba o seu avó, pero polo que fixo, polo que fixeron todos, sabemos a caste de xente que son. Unha historia entrañable. Escoiten.Un día da primavera de 1950 nunha aldea ao pé do nacemento do Miño un avó de enrugas na cara polos anos e no corazón pola vida, fita no fondo dos ollos do neto de dous anos que ten no colo e sorrille tristeiro. Vai marchar o cativo coa nai e os irmáns a Bos Aires, onde o pai xa atopara acomodo para empezar a nova vida que precisaban. Cando están coas despedidas, o avó, calado, descalza o neto; sácalle os minúsculos zoquiños de madeira que lle fixera había uns meses cunha navalla, unha gubia e o mimo das mans curtidas. Dille á filla: ‘Alá non che lle van cumprir, é outro mundo. Os zoquiños quedan aquí, na casa, ‘para cando veña o Lito buscalos’, e repite para si, cun nó na gorxa ‘para cando veña o Lito buscalos...’.E foi pasando o tempo acá e alá. A familia apertouse como unha piña e traballou xunta e como galegos; de sol a sol, de lúa a lúa. O neno medrou no barrio da grande cidade. Estudou e traballou. E o tempo foi pasando. Así que as cousas foron mellor veu a Galicia un seu tío -emigraran varios- e trouxo o encargo de levarlle os zoquiños daquel neno que xa non o era. O avó avellentado foi inflexible...: ‘Os zocos son do Lito e ten que vir o Lito por eles. A ninguén máis llos dou’.Poucos meses despois, o petrucio sentiu que a morte viña, pediulle unha tregua, chamou o fillo maior dos que quedaran na casa e fíxolle a encarga: ‘Aí che quedan os zocos do Lito. A ninguén llos deas que non sexa a el. Ten que vir el buscalos’. E morreu seguro de que viría por eles algún día e de que nas vetas do bido da sola sabería ler as liñas da historia da familia, as privacións que os levaran a América, a dor no corazón que sentira ao velos marchar, os nacementos, as mortes, pero tamén as alegrías e as festas, o recendo dos toxos e a lentura da terra, e tamén, o sorriso que lle botara pouco antes de marchar...A palabra do avó foi cumprida sempre. Cada vez que viña un ‘americano’ a resposta era a mesma: se non é o Lito, os zoquiños non saen da casa. E un día, era 1978, Lito, con trinta anos, xa casado, cun fillo e outro ás portas, de repente, escoitou nos adentros unha chamada que non soubo descifrar e correu cara a Galicia. Achegouse veloz a Fomiñá e o seu tío, xa vello, deulle aqueles zoquiños que o agardaban desde o fondo dos tempos. A emoción non lle impediu deixar de entender o significado do xesto do vello e ler nas esvaídas liñas do bido, a vella historia da caste que arestora lle contaba o avó. Lito namorouse da terra, dos montes, das xentes, do verde, da fala, destoutra forma de ser nosa... sen deixar de amar nunca a terra arxentina que todo lle deu. Sobre todo a Elsa, unha encantadora muller con sangue indíxena da cordilleira e sorriso de anxo.Agora penso que cando me convidou por primeira vez a un asado na súa marabillosa casa de Hurlingham, non me quería ensinar a piscina, nin o xardín, nin o quincho, nin sequera os seus fillos. Quería ver se reparaba nuns zoquiños que estaban sobre a cheminea do salón. Ao lle preguntar que facían alí, contoume esta historia con bágoas nos ollos. Cando mos deixou coller nas miñas mans, souben que xa eramos amigos. Vinos de novo hai uns días e souben que o bater minúsculo deses zoquiños sobre a cheminea é infinitamente máis auténtico e forte que o rumor dos aristocráticos piñeiros de Pondal.