Amigos da República: homenaxe ós artistiñas do Volter (programa)
(O cartel é un deseño do artista Iñaqui Basallo)
Por décimo ano, Amigos da República, asociación apartidaria que reúne en Ourense, como o seu nome indica, a amigos/as e ademais republicano/as quere lembrar nestas datas a II República española e os valores que defendeu, valores todos eles fundamentais para o desenvolvemento da sociedade: Liberdade, Igualdade, Fraternidade e laicismo.
Un dos sinais de identidade da nosa asociación é querer representar aqueles valores en persoas do noso entorno. Nesta ocasión queremos homenaxear aos Artistiñas, grupo de artistas ourensáns ou residentes nesta cidade denominados así polo escritor Vicente Risco, con quen se reunían e falaban do humano e o divino na taberna ourensá do Tucho, na praza do Eironciño dos Cabaleiros. Risco comezou a chamar a aquela taberna O Volter xa que lle lembraba a un café de Zürich, Cabaret Voltaire.
Os seus integrantes: Xaime Quessada, José Luis de Dios (pintores), Acisclo Manzano, Manolo Buciños (escultores), Virxilio (pintor), Arturo Baltar (escultor) e Xabier Pousa (pintor) son os protagonistas deste ano, xa que pertencen a unha xeración que bebeu nos valores da República e que tanto polo seu traballo como polo compromiso ideolóxico tentaron que a Liberdade regresara tras a “longa noite de pedra”, que dixo Celso Emilio Ferreiro.
O pasado ano homenaxeamos aos cidadáns/ás que protagonizaron unha heroica resistencia cívica aos golpistas: Camilo Pérez Pato e Manuel Prieto García, veciños respectivamente de Paderne de Allariz e Entrimo, que defendendo a República dende o Quinto Rexemento defenderon aos cidadáns/ás, o que fixo que coñeceran a represión, cadea e campo de concentración. Amigos da República homenaxeou tamén a Pepín e Honesta: “Dous loitadores pola Liberdade” (1998); ao mestre galeguista Luís Taboada Camoeiras (2000); a Josefina González Cudeiro, Maruja González Cudeiro, Luisa González Cudeiro e Fina Priede Priede (2001), representantes do papel da muller neste período de progreso e liberdade, interrompido polo golpe de Estado fascista. No 2002 os actos centraranse no movemento sindical na República, personificado no veciño de Ventosela, José Bóveda Formigo, mentres que no 2003 foron homenaxeados os guerrilleiros na persoa de Camilo de Dios, o guerrilleiro da Limia. Ao ano seguinte foron homenaxeados os veciños de Cambedo, pobo da Raia. En 2005 a homenaxe recaeu en Clemente Jiménez, mentres que en 2006 o homenaxeado foi Julio Alonso Losada.
ACTOS. Mércores 9 ABRIL
Presentación do libro: “Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Álbum de Guerra”.
Venres 11- ABRIL. Mesa redonda: “Da ditadura á Democracia, pasando polo Volter”, presentada por Benito Losada. Participarán Arturo Lezcano e Marcos Valcárcel.
Cea da República: “Homenaxe aos artistiñas”.
Domingo 13- ABRIL. Cemiterio de Ourense: Homenaxe aos republicanos/as fusilados/as. Presentación: Xosé Lois Carrión.
Luns 14 - ABRIL
Homenaxe aos Artistiñas: Pasarrúas republicano, con atención especial ás obras urbanas dos Artistiñas instaladas na cidade de Ourense. Coordinado por Ánxeles Cuña e Sarabela. Ánxeles preparou un amplo e interesante programa que transcribimos no inicio dos comentarios.
Venres 25 abril. Concerto RockPública. Actúan: Cuchufellos e Sonoro Maxín.